Testamento dos bens que pertencen á igrexa de Santiago
P., bispo, servo dos servos de Deus ao venerable irmán Didaco bispo da igrexa compostelá e aos sucesores seus que foren promovidos doravante.
Así como non se deben atender peticións inxustas, non hai que diferir os desexos lexítimos. Accedemos, pois, irmán carísimo en Cristo, ás peticións que suxeristes polos fieis fillos da vosa igrexa Gaufrido, arcediago, e Petrus, presbítero capelán, para a perpetua paz e estabilidade da igrexa compostelá e por reverencia ao apóstolo Santiago. Sancionamos coa estabilidade do presente decreto que todas as cousas que pertencen por dereito propietario á vosa parroquia da igrexa de Santiago, onde se cre verdadeiramente que descansa o seu corpo, se conserven a perpetuidade integramente e en paz para vós e os vosos sucesores segundo a relación que coñecemos polos mencionados irmáns, que inclúe: a Terra de Sobrado (Superato), Dormeá (Dormiana), Bembexo (Bavegium, Arzúa), Cornado (Coronatum), Merza (Mercia), Arciprestado de S. Paio de Sabugueira (Circitello), Pico Sacro (Mons Sacer), Tabeirós (Tabeirolus), Terra de Montes ata Avión (Avium), Morrazo (Morracium), Salnés (Salniense), Terra das Termas (Termarum, Caldas), Terra de Arcos (Arcubus), Iria (Iriense), Posmarcos (Pistomarcos), Amaía (Amaheae) e outros montes, Pruzos (Prucios), Trasancos, Labacengos (Lovacencos), Arros, Nendos (Nemitos), Bezoucos (Bisancos), terra de Faro, Cóporos, Céltigos (Celticos), Bergantiños (Brecantinos), dous arciprestados en Montaos (Montanis), Dubra (Dubria), Barcala, Seaia (Salagia), Entíns (Gentines) e o resto ata o océano, tal como consta nas escrituras desa igrexa. Confirmámosvos tamén as doazóns feitas en lexítima escritura a Santiago e a súa igrexa polo rei Ildefonsus, de nobre memoria, as súas irmás Geloyra e Urraca, o seu xenro o conde Raimundus e a súa esposa Urraca, filla do rei, que inclúen: a Moeda da cidade de Compostela, os mosteiros de Piloño e Brandariz (Pilonium & Branderizium), a igrexa de S. Mamede (Mametis) con todas as súas pertenzas e casas na cidade de Compostela. Confirmámosvos tamén as fortalezas e predios doados polos anteriores reis hispanos, que son: Oeste (Honestum), Faro e Sta. María da Lanzada (Lanciata); as igrexas de S. Vítor e S. Frutuoso e a vila de Correlhá (Corneliana) en terra portucalense coas súas pertenzas. Ordenamos que ningún home ouse perturbar dita igrexa, tomar as súas posesións, minguala ou sometela a temerarias vexacións, senón que se conserve todo integramente para uso e proveito daqueles a quen foi concedido o seu goberno e mantenza. Se no futuro algunha persoa eclesiástica ou secular, coñecedora destas nosas constitucións, intentar temerariamente vir contra elas e, advertida dúas e tres veces, non der correspondente satisfacción, careza do poder e honra da súa dignidade, coñeza que é rea a xuízo divino por perpetrar iniquidade e sexa apartada do sacratísimo corpo e sangue de Xesucristo, Deus, señor e redentor noso e reciba estrito castigo no xuízo final. Mais para quen observe a xustiza en dito lugar, sexa a paz do noso señor Xesucristo, de maneira que reciban aquí o froito da boa acción e, ante o xuíz severo, encontren o premio da paz eterna. Dado en Letrán por man de Ioannis, diácono cardeal e bibliotecario da santa igrexa romana o 21 de abril, indicción III da encarnación do Señor, do ano 1110 e undécimo ano como Papa de Pascual segundo.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 36.
Señorío e Terra de Santiago
O núcleo que Diego aspira a consolidar mercé as concesións outorgadas polos poderes exteriores, irradia desde o lugar santo. Comeza na terra de Santiago que el loitará por acoutar: Tambre ao norte, Ulla ao sur, Iso ao leste e o océano ao solpor. Un territorio libre de castelos alleos ao seu poder, señorío exclusivo dos seus tributos. Mais a diócese, herdeira das antigas atribucións irienses, atravesa o Tambre cara ao norte e esténdese polo señorío do conde de Trava, e cruza o Ulla cara ao sur, nuns límites máis indefinidos que entran en Deza, Salnés, Morrazo. E non debe esquecerse que o honor de Santiago inclúe tamén as posesións exteriores do señorío, que van desde Portugal ata as estacións da pública vía que corre a través de Campania, Castela e Navarra ata Francia, como vimos na viaxe de 1104. A xestión dun patrimonio así había de ser complexa. E Diego aínda quería máis.
Veñan as bulas
A bula Sicut iniusta que vimos de transcribir chegou redactada con entusiasmo por Giovanni Gaetani (o futuro Gelasius II) e asinada por Paschalis II. O seu tenor establece xeográficamente o ámbito da igrexa de Compostela e foi habilmente negociada polos cóengos Petrus e Gaufridus en 1110. Nela, Diego non oculta a súa mentalidade expansiva. As terras que reclama como súas van provocar un longo preito coa sé de Mondoñedo e os Trava ao invadir as súas competencias (disputan polas terras de Bezoucos, Trasancos e Seaia). Sabido é que, pola súa carteira de contactos, Diego é un duro adversario, e ademais deféndese en latín nas curias. Mais o conde Pedro de Trava tampouco é manco e non ten reparos en plantarse en Roma cos seus papeis se a ocasión o esixe. O que está claro é que Diego, tamén na cuestión territorial, aspira a expandir a súa área de influencia desde o centro xeográfico de Galicia e non cesará na procura de aumentar, por medio de concesións e doazóns, o seu dominio na Galicia dos condados.
A Galicia dos condados
O espazo de poder compostelán está delimitado ao norte do Tambre polo condado de Trastámara, competencia do conde Petrus, cabeza da nobreza galega; os condados de Monterroso e de Sarria e Lemos sitúanse na fronteira leste, onde ostentarán o dominio figuras que aparecerán nas páxinas da nosa historia como Rudericus Velaz e Munio Pelagides. Ao sur do Ulla, unha serie de belixerantes señores casteleiros na órbita de Arias Petrides estenden o seu señorío por Deza, Tabeirós e Salnés ata o Morrazo, en precarios vínculos de homenaxe co señor compostelán. No extremo sur, os condados da Limia e Toroño (Tui), manteñen un equilibrio oscilante entre a Galicia norte e a esfera de poder portucalense, que se encamiña xa á plena independencia. No ámbito relixioso, tamén Diego terá os seus preitos. Os lindes de Santiago son con Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui, que no vello reparto diocesano herdado da Gallaecia, dependen como sés sufragáneas do arcebispado Braga, o gran rival máis próximo contra o que chocarían as ambicións de Diego, a quen lle molestaba a presenza daquela arquidiócese do sur restaurada polo rei García en 1070. Fixo moitas cousas para rebaixar a súa dignidade e escaravellar na ferida. Unha desas cousas perduraría para sempre na literatura.