Saltar ao contido

Sucesión

Da morte de Sancho, o fillo do rei e da consecución do documento da Moeda

Pasados case tres anos, aqueles a quen a quentura do sol fai que parezan etíopes, invadiron os campamentos e fortalezas arredor de Toledo. Mortos os homes que se opuxeron ás súas forzas, xa non temían as frechas inimigas e afirmaron tranquilos as súas tendas. Cando o soubo Sancho (Sancius), o fillo do rei, a quen seu pai lle encomendara a custodia de Toledo, reuniu ao mellor da nobreza e partiu rapidamente a escorrentar aos destrutores da súa patria con moitos ataques e incursións. Mais, triste é dicilo, sucumbiu infelizmente con moitos nobres baixo as frechas dos mouros. O prelado, en coñecendo a perda e a matanza dos nobres, reuniu o seu exército e dirixiuse con Urraca, a filla do rei, ao lugar que os mouros invadiran, onde o esperaban. Posta en fuga a multitude de inimigos, logo caeu enfermo. Mais Deus omnipotente non quería que a igrexa de Santiago fose privada do seu coidado pastoral e restituíulle a saúde orixinal. En canto puido, dirixiuse a Segovia, onde estaba o rei. Alí, co rexurdir das luces da aurora, falou co rei tanto dos asuntos eclesiásticos como dos seculares, tal como corresponde a un bo reitor eclesiástico. Entre outras cousas, insistiulle moito na escritura da concesión da Moeda, que o rei mandara facer. Como non acadaba resposta por moito que insistise, repetiu o mesmo ao día seguinte ata que o rei contestou: “Primeiro irei ver as murallas de Toledo. Despois, con ánimo agradecido, vestido de peregrino, tomarei o fardel e irei dereito visitar a tumba de Santiago, meu patrón e titor, pois xa hai tempo que quero facelo. Cando chegar a ese lugar, Deus mediante, ofrecerei eu mesmo a escritura que tanto me pedides.” “Non vaia ser,” dixo o bispo, “que unha morte repentina impida levar a efecto á vosa devoción. Debedes entregar o agasallo da vosa largueza mentres vos sexa posible, porque o que fagades en vida non o vai destruír a vosa proxenie, que prefire acadar riquezas antes que compartir os dons coas igrexas. O señor omnipotente pode ver os nosos corazóns e pensamentos. Desde as alturas non toma en consideración a posición de quen ofrece, senón o que se ofrece e con que ánimo, e para eses reserva o premio sen fin da eterna felicidade.” Con este sermón e outros semellantes o ánimo do rei foi aquecendo e dixo: “Retirádevos. Para hoxe dareivos o necesario e mañá xa responderei co que Deus dispoña.” E de mañá, sentados o rei e a raíña na mansión do seu secretario, o bispo foi recibido por eles con tanta honra, que comprendeu que o rei botara a noite enteira dándolle voltas ao asunto no seu ánimo. Chamou ao seu reposteiro, fixo abrir a súa gabeta e mandou sacar dela a tal escritura. Unha vez recibida, xeonllo en terra, choroso, coas meixelas pingando lágrimas, bicando os pés do pontífice, entregouna pleno de veneración.

Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 29.

Non vaia ser

A teimosía de Xelmírez, tamén no trato cos leigos, convertíao nun negociador implacable. Monarcas e nobres, ante os que non se prega, sofren a insistencia dos seus métodos infalibles. Agora con doces palabras (blandis sermonibus), agora con terribles ameazas (duris invectionibus) rara é a vez na que non consegue o que se propón. É moi adoito a arrancar concesións nos momentos de debilidade dos seus interlocutores, xa sexa na enfermidade ou mesmo no leito de morte. Arráncalle a Raymundus doente o salvoconduto para os comerciantes composteláns (1.24) ou un mosteiro en Chantada (Plantata) (1.26). Geloyra, a irmá do rei, e mesmo unha Urraca noviña, entregan cuantiosas doazóns entre ameazas do xofre do inferno e promesas de felicidade eterna (1.25, 27). Cando Pedro Froylaz golpea ao conde de Limia na porta da catedral, Diego sácalle en penitencia o mosteiro de Cospindo (O Couto, Ponteceso) (2.69). No exemplo que ofrecemos arriba, consegue do rei a escritura da ceca (a capacidade de acuñar moeda), negocio moi importante nun lugar como Santiago. E a primeira frase que lle dirixe ao xa vello monarca non pode ser máis terrible: “Non vaia ser que unha morte repentina impida levar a efecto a vosa devoción.” E faino xusto cando o rei acaba de perder o seu único herdeiro varón, que tanto traballo lle custara enxendrar. Non é momento para Diego de respectar o loito alleo. Non só quere a concesión, quérea por escrito (chyrographus). A acumulación de escrituras é o principal patrimonio que contén o tesouro de Santiago que está construíndo.

Estado da cuestión política

Estamos en 1108. Son os últimos anos do reinado de Adefonsus VI. A tradición da dinastía ximena non procura alianzas matrimoniais na nobreza local, o que sempre acaba creando faccións, senón que busca ampliar o seu prestixio nas casas reais europeas. Agnes de Aquitania, Constance de Borgoña, Berta da Toscana, Beatrice de Poitiers son as esposas estranxeiras coas que Adefonsus enlaza durante o seu reinado. Ningunha lle dará o ansiado fillo varón. Mais a súa estirpe é promiscua. O rei ten descendencia fóra do matrimonio, á parte de Urraca, filla de Constance. Teresa (Tarasia, futura raíña de Portugal) nace da súa relación coa nobre berciana Ximena Muñoz. O seu único fillo, Sancho, nace por volta de 1094 da súa relación con Zaida, viúva e nora do rei da taifa de Córdoba Al-Mutamid, quen, á morte do marido, se acollera á corte leonesa. Seica unha vez convertida, pasaría de concubina a esposa lexítima baixo o nome cristián de Elisabet. A morte de Sancho na escaramuza de Uclés, sendo aínda un adolescente, mais xa designado herdeiro do reino, daría paso a unha grave crise sucesoria que marcaría a realidade política da seguinte década e un realiñamento do poder en Galicia no que Diego se viu forzado a xogar un difícil e importante papel.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario