Inimizades
Os autores que un tanto desordenadamente nos dan conta dos avatares políticos (e non é tarefa fácil seguilos ás veces) estaban a vivir a maior gloria que a igrexa compostelá vivira nunca. Eles mesmos foran activos partícipes do seu ascenso á gloria arcebispal. Mais, paradoxicamente, tamén estaban a vivir a limitación do seu poderío. Transmiten a súa frustración enrabechados ao ver como se secundariza a súa primacía. Non é que a monarquía se impoña en contra nosa, é que unha muller exerce o goberno:
Que non ousa a loucura da muller? Que non intenta a argucia da serpe? Que non ataca a criminalísima víbora? O que ousan, o que intentan e o que atacan as artimañas da muller, indícao o exemplo de Eva, a nosa primeira nai. A audacísima mente da muller bótase ao prohibido, viola o sacrosanto, confunde o ben e o mal.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 39.
Para eles non estaba nacendo unha nova estrutura social que comezaba a ter capacidade organizativa e tiña ansias de intervir no exercicio do poder. O rabaño do pobo que a autoridade eclesiástica debe pastorear, agora non se somete tan facilmente e móstrase recalcitrante. Na Compostelá non se cuestiona a orde da societas christiana predeterminada pola igrexa, cuestiónase, metendo a todo o mundo no mesmo saco, a integridade e a fidelidade das persoas. Unhas poucas ovellas rebeldes que provocan a espantada do rabaño, a escusa é coñecida. Fóra dos muros da canónica, o mundo perxuro dos servos e os labregos.
Mais quen hai en Galicia amante da verdade e do sagrado? Quen hai seguidor da xustiza e das outras virtudes? Son todos seguidores da fortuna e contrarios das virtudes, e así poucos hai que sexan fieis. Non hai ninguén que faga o ben, nin un sequera.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 39.
Os galegos, hai pouco tempo loados por engrosar obedientes as filas das tropas galegas na defensa da orde establecida, son agora deostados por pérfidos, desobedientes e corruptos. Mudan os tempos e cambian os reinos, mais non sempre por vontade do omnipotente. E iso non hai xuramento que poida evitalo.