Do enxeño e costumes do bispo Didacus II
Foi oriundo de Galicia, nacido dunha boa familia. O seu pai, Gelmirius, foi un poderoso cabaleiro nos tempos de Didacus Pelagides, bispo de Compostela, que puxo nas súas mans o goberno do castelo Honestum e os señoríos circundantes: Iria e arredores, Amaea e Pistomarchos. O rei Alfonsus expulsou a este bispo da igrexa de Santiago e tívoo preso acusado de traidor. Os seus inimigos dicían por envexa que quería entregarlle o reino de Galicia ao rei dos ingleses e os normandos e quitarllo ao rei dos hispanos. Se foi certo isto que se dicía por todas partes, non é asunto noso. Nos tempos dese outro Didacus, o Didacus do que tratamos era un bo adolescente, erudito nas letras na igrexa de Santiago e educado na curia daquel bispo. Mais despois de que, como dixemos, aquel bispo fose privado do seu honor e Dalmachius, que o sucedeu, pagase a débeda coa natureza, o rei A., de boa memoria e o conde Raymundus, xenro do mesmo rei, que daquela posuía e rexía as terras e señoríos de Galicia e Portugal, vendo este adolescente perspicaz, adornado de bos costumes e dotado de veloz enxeño, fixérono prepósito da igrexa e o señorío de Santiago co consello dos cóengos. Exerceu ese goberno durante cinco anos e foi ascendendo de grao en grao, de bo a mellor, de virtude en virtude, ata que o clero e o pobo o elixiron bispo da igrexa de Santiago co consello do rei A. e o conde Raymundus e os príncipes de Galicia. Mais, primeiro, como aceptara de mans laicas a igrexa e señorío de Santiago, presentouse a B. o arcebispo de Toledo e legado da igrexa romana ante os bispos de Galicia que estiveran na súa elección: D. de Ourense, P. de Lugo, A. de Tui, G. de Mondoñedo e os príncipes de Galicia, o clero e o pobo de Compostela.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 2
Persoa e personaxe
Constatada a súa orixe galega, é descoñecida a localidade exacta do seu nacemento. Sen dúbida, polo arraigamento da súa familia (secundum seculum), debeu ser orixinario da propia terra de Santiago onde exercía o poder o seu pai Gelmirius (Hildemir, xermánico), señor casteleiro do castellum Honestum (Torres de Oeste). A súa cualificación como miles (militar, cabaleiro) fálanos dunha clase social en forte expansión na Europa dos séculos XI e XII, capaz de acadar grandes cotas de poder pola prestación do servizo de armas. Deterémonos máis adiante na abundante presenza dos miles galegos na Historia Compostelá. O castelo de Oeste era o principal baluarte da terra de Santiago desde que o bispo Cresconio o armara militarmente en 1068, ademáis de ser a porta de entrada do tráfico marítimo que tan abundantemente vemos referido na obra. É de supoñer que Xelmirio, pois, debería ter no seu poder homes e bens suficientes para controlar a entrada de persoas e mercadorías, supervisar o transporte marítimo e terrestre, administrar xustiza, recadar tributos, manter a orde e, se for caso, defender a praza militarmente. Sen dúbida un home afeito a mandar e a dispor de abondosos recursos. Boa escola para un fillo que había avantaxar ao pai. O territorio ao seu cargo, Iria, Amaía e a península do Barbanza (Pistomarchos, Postmarcos), é peza nuclear da terra de Santiago. Iria fora a sé episcopal histórica da que se ten constancia desde o século VI, a sé orixinaria que acabou por ter traslado definitivo a Compostela en 1095, precisamente durante o bispado do cluniacense francés Dalmachius. Diego mantén a dignidade da antiga sé iriense, reconstrúea e visítaa con asiduidade. Alí é recibido frecuentemente polas súas amizades, unha familiaridade que nos fai sospeitar se non sería aquela a terra da súa infancia. Da súa infancia, nada ficou escrito. É hora de pescudar no que sí deixou escrito para tratar de adiviñar quen era.
O arco de personaxe do Diego que encontramos na Historia Compostelá é tan accidentado coma o dun heroe de ficción, os fitos da súa traxectoria, a envexa do mellor guionista. O sinuoso deseño deste arco arranca nun fulgurante ascenso que o leva de adolescente espilido a precoz secretario do conde Raymundus, de aí á administración do señorío de Santiago ata acadar o seu primeiro clímax: o bispado. Ábrese entón unha trepidante secuencia onde se alternan puntuais vitorias con dramáticos sucesos anticlimáticos, que o conducen a ver a súa vida pendente dun fío na revolta compostelá de 1117, o gran punto de inflexión. Desde aí retoma o ascenso cara a gloria do arcebispado, traxecto tamén pragado de contradicións, perigos e dispendios. E logo duns poucos anos no cumio das súas aspiracións, nomeado arcebispo, legado da igrexa romana e señor absoluto de Galicia por dispensación real, a crueldade dunha vellez humillada a mans do seu rei e antigo pupilo, a enfermidade, o brutal desafío dun último atentado contra a súa vida do que apenas zafa e, finalmente, a discreta desaparición da escena e o silencio. Silencio hai sobre o seu nacemento e silencio sobre a súa morte, ende ben que polo medio hai moita cousa.
O seu carácter no libro revélase sobre todo vehemente e obstinado. Consciente do seu crecente poder, decidido a acadar as súas metas por todos os medios necesarios, sen moito indicio de debate moral ou emocional e cunha rechamante falta de escúpulos nalgunhas situacións. Tampouco é que os autores pretendan pintalo coma un santo, por moito que o adornen de epítetos:
Varón conspicuo pola inmensa bondade, discreto pola prudencia, probado na temperanza, constante na fortaleza, ríxido na xustiza e preclaro pola completa honestidade de costumes.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 62.
Mais a través dos formulares cualificativos é difícil enxergar o auténtico Diego. Gústanlle os disfraces. Vístese de soldado no último tramo da súa viaxe a Roma de 1104 (1.16); non ten medo ao ridículo ataviado cun pucho lombardo e unha capa vermella para fuxir dun linchamento en Carrión (1.90); escapúlese do incendio e asalto á catedral oculto baixo unha capa vilísima e a cruz diante do rostro (1.114), mais iso non impide o seu atrevimento de plantarlle cara a calquera ou dirixir batallas, asedios e cobrar violentamente as súas retribucións. Non ten reparos en anunciarlle aos reis e á nobreza as chamas do inferno, ou en extorsionar deles unha prebenda no leito de morte (1.24,25,29), mais tamén o veremos nestas páxinas incapaz de durmir nos seus transos máis difíciles. É quen de ser o armadanzas de espectaculares comparsas de entrada a Compostela para vender os seus grandes triunfos e tamén de pór en terra todas as cruces da catedral e vestir os cóengos de loito por unha afronta (3.16), ou de sentar no chan abatido e inerte cando é secuestrado e humillado por un amigo da infancia (1.54). É capaz da maior pompa e boato na coroación dun rei, que máis parece a súa propia coroación, e tamén da máxima humildade no seu admirado convento de Cluny (1.16). Mais en todas as súas facetas hai un control da oportunidade, unha premeditación, que nos fai sospeitar da pretendida inocencia e candidez con que os autores pintan ao personaxe Diego nalgunhas das súas escenas complicadas. Máis ben, un ten sempre a impresión de que o auténtico Diego non se permitiu o luxo da inocencia en ningunha circunstancia, de que tiña unha rápida e implacable lectura das situacións e de que, case sempre, nos seus mellores tempos, foi un paso por diante dos seus adversarios, que foron moitos. Domina o seu perfil por enriba de todo a súa decidida determinación, a súa teimosía metódica e inabalable, o que nos deixaría talvez ante o ríspido carácter dun disciplinario:
Logo de ser sublimado ao pontificado da igrexa do apóstolo, cultivou aos clérigos que alí subsistían como brutos animais, adornounos con honestidade de costumes e, someténdoos ao xugo da aspereza, obrigounos a esforzarse no estudo escolar. (1.81)
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 81.
O xugo da aspereza quizais fose necesario para quen quixer desenvolverse nos complicados tempos nos que el iniciou a súa carreira. Nada fora fácil e pacífico nos anos precedentes á súa chegada ao bispado. Por ben que chegase ben aprendido nos dotes de mando de mans do seu pai casteleiro, e fixera as prácticas con honra como prepósito da terra de Santiago, facía falta alguén moi acaído para ser chamado o último bispo e o primeiro arcebispo de Compostela.
Na curia episcopal onde de neno recibiu a súa educación, Diego viu como un rei pode levar preso ao bispo de Compostela. O rei en cuestión é Adefonsus, conquistador da taifa de Toledo, imperator en Galicia, León e Castela, o mesmo rei que tivo preso ao seu irmán García ata a súa morte en 1090 despois de arrebatarlle o reino. Alfonsus achou resistencia en Galicia e tivo que guerrear dous anos para acabar coa insubmisión de Rodrigo Ovéquiz e outros membros da nobreza galega desafecta logo da deposición de García. Parece que o bispo, Didacus Pelagides, que fora nomeado polo seu irmán Sancho, estaba de parte dos insurrectos. Tamén se presenta o argumento de que o bispo quería entregarlle Galicia a William I o Conquistador, o primeiro rei normando de Inglaterra, mais se iso foi certo -quen pode negalo?- non é asunto noso. O noso asunto é que o bispado de Santiago pode perderse nun tris, que a sé non conta con estabilidade desde 1088, que ademais da monarquía e o seu consulado en Galicia, representado por Raymundus, hai outros poderes en liza que meten respecto; un é Toledo, pola graza do rei e o papa, nova sé primada das igrexas hispánicas; outro é Roma, o papado, que desde 1095 posúe a única potestade para nomear bispos en Compostela e, finalmente, está o trámite de congraciarse coa xerarquía eclesiástica galega, sufragánea toda ela do arcebispado de Braga, e co revolto capítulo eclesiástico local. O noso asunto, en fin, é que, nalgún momento, o mozo Diego puido ver un camiño a traves dese labirinto polo que chegar ao seu obxectivo. Como o fixo ten moito miolo.