Saltar ao contido

Que é a Historia Compostelá?

É unha obra escrita en latín en Santiago de Compostela a principios do século XII por encomenda de Diego Xelmírez co propósito de deixar constancia dos seus logros á fronte da sé compostelá (bispo 1110-1120, arcebispo 1120-1139). O título Historia Compostellana, sive de rebus gestis D. Didaci Gelmirez primi Compostellani archiepiscopi, foi o que decidiu o editor Henrique Flórez, responsable da primeira publicación impresa da obra en 1765. A copia de vitela que manexou Flórez non tiña título ningún. Comezaba co introito que acabamos de ler: Diego mandou facer este libro. E os autores orixinais declaran no decorrer da obra que o que eles están a escribir é un registrum, un rexistro, o que hoxe sería un libro de actas:

Ben concorda a etimoloxía do vocablo co oficio deste libro, pois ao chamarse registrum contén tanto as cousas feitas antes (retrogesta) como as cousas feitas (res gestas).

Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 2.

Os autores son varios membros do capítulo da igrexa de Santiago. Algúns deixan o seu nome (Munio, Hugo, Giraldus, Petrus) e a súa pegada, mais todos os historiadores coinciden en que se trata dunha obra colectiva na que contribuíron moitas mans, algo comprensible no delongado proceso de escrita que abarca practicamente medio século. Durante ese tempo foi un libro vivo que ía engrosando ano a ano con novo material ditado polos últimos acontecementos. Das cousas de antes falan pouco, transmiten o que está pasando e ás veces o que están vivindo. O material textual é variado: cartas, doazóns, pactos, decretos, bulas, privilexios, xuramentos e outros documentos copiados ao pé da letra, vanse alternando con crónicas históricas, de batallas ou de viaxes, sucesos, translationes, miracula, escenas dialogadas e distintos formatos narrativos para darlle forma a unha monumental obra híbrida. Avanzada a década do 1120 o volume do texto acadara tal dimensión que o patrocinador, xa arcebispo, mandou dividir o rexistro en tres libros: un primeiro Libro do Episcopado, e dous Libros do Arcebispado (agardábase que o último deles levase finalmente o título dunha maior dignidade), que serían os volumes dous e tres (3. Prólogo). A Historia Compostelá, en toda a súa magnitude, transcende o extraordinario interese testemuñal e a funcionalidade documental dun rexistro deste xénero pois, grazas ao detalle pormenorizado e a vivacidade das seccións narrativas, convértese tanto no retablo vivo dunha época, como nunha auténtica epopea, talvez a máis grande epopea dun personaxe real da historia de Galicia.

Coidamos que non é bo cubrir as glorias humanas coa nube do esquecemento. Aqueles que no futuro pretenderen ser virtuosos, teñen nas glorias pasadas o rudimento da virtude. Tal como cada día é discípulo do anterior, así as fazañas dos antigos son a mellor doutrina para os modernos. Por iso non refugo publicar as glorias dos antepasados, malia os dentes dos calumniadores, que non dubidan en roer o mérito dos bos. Por iso non quero que o longo pasar dos tempos retire a gloria aos bos feitos que desexan luz e demandan a pluma da memoria.

Historia Compostelá. Libro 2. Prólogo.

Unha admonición no comezo das obras

A concisa advertencia que dá inicio ás obras é carta de intencións e táboa de contidos. Diego é a primeira palabra, pois é de quen se trata e quen manda facer este libro na sé compostelá para contar as glorias da súa igrexa apostólica, polas que el loitou a pesar dos perigos e persecucións de poderosos tiranos. Está claro cal é o destino do heroe: a custodia e engrandecemento do seu tesouro, a perpetuidade. Tan consciente é Diego do seu destino que manda consignar por escrito, a tempo real, unha aventura que nin el mesmo sabe como ha de acabar. E, certamente, el xa non estaba presente cando se xuntaron ao libro final os últimos pergameos. A obra acaba, en efecto, cunha irrelevante nota protocolaria sobre unha convocatoria a un concilio en Roma, mais non dá detalle ningún do pasamento de Xelmírez, a quen os últimos capítulos se refiren xa en pasado. Diego morreu antes de que a súa obra acabase e, seguro de si mesmo como estaba, talvez tamén fose consciente de que non chegaría ao final do seu libro. As disposicións do omnipotente mudan os tempos e transferen os reinos, como diría o seu favorable Calixto II (2.16). No caso de Xelmírez, non cabe dúbida de que as disposicións dun teimudo mortal abriron un tempo totalmente novo para Compostela, a súa terra e a súa igrexa, e contribuíron non pouco á configuración dos futuros reinos peninsulares. A partir do libro que deixou escrito, quen era, pois, este Diego?

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario