Afoutos e contumaces
Arias Pérez, fillo de Pedro Arias, parente de Luzo Arias, señores do Deza, Tabeirós ata o Salnés; Fernando Sánchez, en Lemos. Paio Martínez, Petrus Gutierride, Leovixildo Luz, Oduario Ordoñez, Paio Gudesteiz, Rabinado Muñiz… son os nomes desta caste de señores locais dispostos a defender o seu ante calquera cambio de réxime. Diego seguro que os entendía ben, pois eran da súa clase. Familias armadas que desempeñaban localmente responsabilidades concedidas e aspiraban a ocupar a posición da baixa nobreza, cousa que algúns conseguiron. Arias Petrides, príncipe de Luparia, Federnandus Ioannis, Veremudus Suarizi ou Ioannes Didacides, son cualificados por Urraca príncipes de Galicia. Capaces de organizarse en irmandade (germanitate), de facerse fortes nun castelo e dominar unha bisbarra ou de resistir nos montes mentres pasa o temporal. Son miles, vílicos ou meiriños, posúen e gobernan terras, manteñen e dirixen tropas propias, fan doazóns, fundan igrexas e mosteiros, asinan diplomas. Aos perfís do clero ou a monarquía que podemos estudar na Compostelá, súmase esta nova e sorprendente clase social da que pouco sabemos e tanto dá que pensar.
Arias Pérez
Arias debuta con este secuestro, do que parece ser o armadanzas, mais aparecerá en canto conflito galego se dea nos anos vindeiros, non importa de que bando. A súa pertinacia levouno finalmente a certa respectabilidade, ao casar cunha filla do conde de Trava (cousa que pola altura de 1111, data aproximada do secuestro, parecería completamente improbable). Mostra unha peculiar oratoria (non hai aí un cheiriño de retranca?) que talvez anticipe o seu brillante futuro. Temos unha mostra dela neste diálogo con Diego en pleno secuestro (1.55):
Diego:
“Admírome de que ti, varón nobre e egrexio ata agora, a quen tiña por un irmán e case a metade do meu corazón, tramases unha traizón así, e máis que a fixeses. Ti, con quen eu tiña unha conexión desde a infancia pola prerrogativa do privilexio do afecto; ti, a quen como un amigo íntimo eu confiaba a miña confianza; ti, que recibiras prestimonios e ubérrimas soldadas da miña largueza; ti, que me asinaches xurado o vínculo da homenaxe non unha vez, senón dúas e tres; non podo crer que tal fixeras. Dóeme máis a ignorancia e a vehemencia da fraudulenta xuventude túa e dos teus socios, que a miña deshonra, pois se non miras mellor por ti mesmo, o nome da túa nefandísima traizón será divulgado e blasfemado por todo o orbe da terra.”
Arias Pérez:
“Iso que me decides, santísimo padre, co sumo ardor da caridade, é verdade e sen dúbida aínda peor do que asegurades cando o considero cos ollos da miña discreción. Mais, a verdade, pola nosa parte tiñamos un medo tan vehemente da vosa excelsa persoa, tan prudente de consello, tan abundante en exércitos e en numerosos amigos que, se vos permitísemos volver á casa incólume, ao termos capturados aos outros, cousa que fixemos diante de vosa veneranda presenza, seríamos igualmente e sen demora privados dos nosos señoríos e facultades. Por tanto, unha vez feito, aínda que a razón humana o vexa como algo detestable e digno de remorso, agora xa non se pode non facer, e non somos quen, por moito que a nosa mente o considera, de emendar o feito de ningunha maneira.”
Ao longo dos anos, Arias Pérez faría moitas desas “que non se poden non facer.” Entre elas, enfrontamentos armados e asedios como o que se conta no capítulo 2.84. O propio Diego non consentía que se erguesen castelos no señorío de Santiago sen o seu control. E iso foi o que Arias fixo en Tabeirós:
Entón o compostelán, convocados os seus cabaleiros e soldados, e advertidos e apercibidos os cidadáns de Compostela para que non deixasen de intervir naquel asunto, asediou a torre de Taberioli, armada de valo e foxa, e atacouna acremente a ferro e lume. Mandou facer unha máquina bélica (que vulgarmente se chama Gatus), que, arrimada á torre, foina socavando arredor e sacando as pedras cadradas da súa base. Con moito labor e dificultade, por fin tomou a torre e, tomada, destruíuna totalmente. Os soldados de Arias Petrides que se rebelaban dentro sumaban 36 e todos foron capturados. As armas e o trigo e as outras cousas que tiñan, foron o botín dos cabaleiros todos. E o compostelán, capturada a torre, vitorioso e cumprido o seu desexo, volveu ao seu con gozo e ledicia. Nesa torre acharon a morte dous cabaleiros moi nobres e queridos seus, polo que estivo doente e triste moito tempo.
Arias Pérez foi preso, andou fuxido, tramou intrigas, cambiou de bandos e -como dixemos, aínda que custe crelo- acabou entrando na familia dos Trava. Foi nunha xuntanza da familia onde Diego o colleu por banda para soltarlle unha das súas reprimendas:
Arias Pérez foi un dos cabaleiros máis destros e valorosos de Galicia. Non foi porén de grande nobreza, senón moi animoso e facundo, pois tornaba o branco negro e o negro branco. Foi tamén doloso e un pésimo mentireiro, e axiu traidoramente contra o rei, contra a raíña e contra outros príncipes de Galicia e permaneceu en rebelión contra eles. Casou coa filla do conde Pedro chamada Ildaria. A súa sogra, dona Maior, logo de pagar a súa débeda coa natureza, foi levada a Compostela onde foi enterrada con honores. Entre outros príncipes e cabaleiros tamén acudiu ao enterro este Arias, de loito, como é costume da xente. Cando o viu o arcebispo, que sempre fora inimigo da súa iniquidade, querendo invitalo, como bo e próvido pastor que era, a mudar e corrixir a súa vida, chamouno á parte e faloulle deste modo: “Arias Pérez, poucos son os vicios nos que, por esixencia dos teus pecados ou por mandato do demo, ti non incorriches: fuches perxuro, falsa testemuña, cobizoso, roubón, trampulleiro, mentirán, sacrílego e criminal. A túa vida foi abondo voluptuosa e abondo secular. O que era recto, víalo ti cos ollos da túa mente e unha vez visto, desprezábalo. Temo que afastándote de tal xeito nesta vida, perdas tamén a vida eterna e incorras na condena perpetua da túa alma. É por iso que eu tanto quero que, arrepentíndote e dando satisfacción a Deus omnipotente, mires pola saúde da túa alma e te reconcilies con Deus mediante a práctica dunha vida mellor, de maneira que acades a súa misericordia á fin da túa vida e merezas a vida eterna.”
Historia Compostelá. Libro 3. Capítulo 2.
Moito caso parece que non lle fixo. Mais a vida dá voltas: Diego chámalle aquí príncipe a Arias Pérez, e mesmo o vería do seu lado no campo de batalla máis adiante. Como vimos, Arias Pérez non é o único representante do recalcitrante cabaleiro galego ao que os autores da crónica se refiren como buscadores de fortuna. Cabaleiros arroutados e sen reparos en cambiar de señor a quen lle prestar servizo de armas, afeitos a someter a súa afiliación a xuramentos como o de Pedro García. Este Pedro recibira de Diego o señorío de Cordeiro. Seica non fixera ben o seu traballo e Diego despediuno. Entón Pedro plantouse diante da raíña Urraca dicindo que, se ela quixer, podía sacar do medio a Diego, e que sabía moi ben como facelo. Urraca non concordou con ese plan, denunciouno e mandouno prender. Pasou un ano preso na torre de Oeste, perdeu o señorío e foi obrigado a facer este tremendo xuramento que non se sabe moi ben se é un sometemento ou unha ameaza:
“Xuro eu, Petrus Garcio, con doce xuradores, en primeiro lugar por Deus omnipotente e despois polo resto de cousas que por uso vulgar se requiren para a fe do xuramento, que non atacarei de ningún modo as terras da raíña dona Urraca ou aos seus homes, nin polo dito, nin polo feito; nin a terra do actual arcebispo, na potestade de quen estou, nin a terra de Fernandus Ioannis, nin a do seu irmán Petrus Mariscot, nin aos seus homes, tanto a terra poboada como a despoboada, e que desde o Nadal do señor deste ano de 1124 ata o vindeiro Nadal, isto é, un ano completo, non buscarei nin terei señorío de ninguén que mova a guerra contra as vosas terras. Mais acabado ese ano, se eu tiver señor que fixer guerra contra todos vós, ou contra algún de vós, e a guerra me encontrar con el, virei co meu señor contra vós de tal maneira que, salva a fidelidade ao meu señor, procurarei o voso honor e servizo en canto eu poida, coma o dos meus señores, sen fraude nin mal enxeño. Ademais dou a Arias Petrizi como fiador, e se eu for perxuro deste pacto, que el non me reciba na súa terra, e desturbándome vos axude a vós, e sexa eu perxuro e todos os que comigo xuran, e pague ademais 3.000 soldos, para os que xa dei fiadores.”
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 62.