Saltar ao contido

Praza de abastos, 1133

É dado este decreto

1. Este é o decreto que deciden aprobar os cóengos de Santiago, os xuíces e tamén os cidadáns de Compostela, pola autoridade e confirmación do rei Don Adefonsus e o arcebispo Don Didacus, para abolir todos os foros malos e establecer os bos, que sempre han de ser conservados. É así: do viño bo de Castella que chega á cidade, non se dean menos de 8 cuartas por marca; do outro viño bo que chega en barco, non menos de 12 cuartas por marca; e quen o compre, que gañe unha cuarta por cada marca, e que o venda sen mestura ningunha segundo a medida establecida polo concello; do viño da nosa terra, quen queira mercar, dea 3 soldos por unha carga grande e venda sen ningunha mestura por 2 soldos a cuarta e gañe media cuarta. Labrego ou cidadán que trouxer sidra sen ningunha mestura, ten que vendela el mesmo, e dea 4 cañadas cheas por numo (pola cañada ferrada por Fredenandi Velasci ou similar) e da sidra boa de cuba desta cidade, dea 3 cañadas por numo e que ninguén pretenda facer taberna desta sidra nin en cubas nin en cántaras. Os revendedores e tratantes das feiras sexan expulsados totalmente de dentro e de fóra da cidade e non merquen nin peixe, nin carne, nin marisco, nin pulpo (sic), nin lagosta, nin lamprea, nin salmón, nin mazá, nin froito para revendelo e ter ganancia, senón só para comelo; e o que trouxer algo disto, véndao el mesmo; e os mercadores desta vila que foren á ribeira e ás rías por peixe, non vendan a outro revendedor, senón que vendan publicamente eles mesmos tanto a cidadáns como a forasteiros; do mesmo xeito, os que saen por esas terras por vacas, porcos e carnes diversas, non vendan a outros revendedores senón a cidadáns ou carniceiros, e os carniceiros compren a través do concello e maten de día na praza e vendan sen fraude polo peso xurídico establecido para eles polo concello segundo o antigo costume, agás os bois, que non permitimos matar, non sendo aqueles vellos ou inútiles para o arado.


2. E que ninguén ouse mercar cabalos e eguas, bois e vacas a saións ou raptores ou ladróns ou a home descoñecido sen fiador. Véndase o queixo e a manteiga ao peso segundo o antigo costume. Ordenamos tamén sobre o peixe que por numo non se vendan menos de cinco besugos ou muxos grandes, ou dez dos pequenos; unha cherna grande por numo; unha lagosta por numo; un pulpo grande por non máis de dous denarios e un mediano bo por non máis dun numo; as pixotas frescas ou salgadas, non menos de tres por numo; ostras grandes, non menos de 50; sardiñas, non menos de 60; un congro de 8 palmos, non máis de 7 denarios e os medianos bos, non máis de 3 numos; a lamprea, non máis de 3 numos. Un cabrón grande a non máis de 12 numos; por un cordeiro bo de pel branca páguense non máis de 6 denarios; o bo e esfolado, 3 numos; a galiña, o parrulo e a perdiz, a numo cada; a lebre boa, 2 numos; ovos, non menos de 30 por numo; cabrito bo con pel non máis de 3 numos; un ganso bo non máis de 4 numos; un carneiro óptimo non máis de 8 numos. As panadeiras que teñan casa ou propiedade para faceren o seu oficio, compren pola talla verídica e fagan pan bo sen fraude, salgado e limpo, a numo ou a mealla segundo o peso que lles deu o concello e, completos os foros, non gañen máis de catro numos; os albergueiros, moedeiros, cambiadores e cidadáns, non teñan marcas falsas, nin libras falsas, nin pesas; e os albergueiros non fagan pan na casa nin fóra; a cera, a pementa, o comiño e o incenso véndanse por libras verídicas. Os ferreiros de ferraduras cabalares ou mulares óptimas non vendan por máis de 2 numos a parella, e as medianas por 3 meallas. Unha gadaña boa, non máis de 8 numos; un legón bo, non máis de 4; un aradoiro bo, non máis de 3 e mediano 2; unha fouce rozadoira das boas, non máis de 3 numos, unha mediana, 2; unha fouce segadoira, 1 numo e unha pedra de afiar fouciños unha mealla.


3. Do calzamento. Os zocos bos de cabra sen fraude, non máis de 18 numos; as botas, non máis de 2 soldos; os zapatóns de muller bos, non máis de 12 numos; os zapatóns bos de pel de boi para mozos, non máis de 5, os outros 4 ou 3 segundo o seu valor; por zocas boas, tres numos, non máis; o resto por numo ou tres óbolos ou dous numos segundo o seu valor; os zapatóns liadizos bos de cabrito, non máis de 12 numos. Tamén mandamos e confirmamos que os nosos comerciantes non vendan aos barcos coiros de boi ou vaca ou cabra ou cabrón. Os saións, ladróns e malos non serán admitidos na discusión de preitos; o acusador e o defensor preséntense só con un ou dous amigos tanto a xuízo como a presentar fianza ante os xuíces ou o vicario da cidade, e non se involucren irmáns no asunto. Os xuíces, se achan conveniente, poden pedir axuda a clérigos ou laicos para impartir ou alcanzar xustiza. Os albergueiros non excedan o termo do Miño para as anteditas compras ou vendas. Ninguén faga violencia ou fraude aos vendedores, nin inxurias violentas. E tanto comprador como vendedor que actuaren contra este decreto paguen ambos 10 soldos, e os vendedores sexan dignos de azoutas e perdan o seu oficio. Dicimos e confirmamos que ningunha casa nin couto reciba a quen cometa delito público contra isto. Co consello de todos elixíronse homes idóneos: tres para para pór a medida do viño: Pelagium Astrarici, Pelagio Albo, Aloytum Candanarici e Stephanum Pelaizi; para a estimación do pan: Froilam Rodesindici, Michaelem Martinici, Ariam Guntadici, que fagan a súa estimación e nós poñemos o peso; de igual modo para a carne: Pelagium Astrarici, Fernandum Iustilaci, Ioannem Arias, Pelagium Viliulfici, e segundo a súa estimación poremos o peso e a pedra para a carne de vaca e de porco. E cando houber necesidade de aumentar ou diminuír, non se faga sen o consentimento, o precepto e o arbitrio dos cóengos, xuíces, cidadáns e do reitor da cidade. A 7 de maio de 1133.

Historia Compostelá. Libro 3. Capítulo 33.

A feira de Santiago

En 1133, o arcebispo e o rei comparten o cumio da autoridade, incluso no prosaico terreo do regulamento dos consumos básicos; á súa dereita, xuíces e cóengos, mais asoma xa con capacidade de decisión a cabeciña da sociedade civil organizada. A nacenza e desenvolvemento do poder local estatuído será froito dun parto laborioso e doloroso. Desde a mesma chegada de Xelmírez ao bispado somos espectadores das cambras e contraccións temperás da autoconciencia cidadá. Vémola reclamar dereitos e aforamento (que Raimundo e o rei conceden) e verémola nas terribles e desafiantes convulsións que procuran o seu lugar na mesa dos poderosos. As mans que ergueron co seu traballo Compostela van mostrando a principios do século XII a súa capacidade de organización. Quen puidera asistir ás asembleas do Outeiro dos Poldros (a carballeira de Santa Susana), ser partícipe do incipiente debate sobre a cidadanía e ler aqueles primeiros escritos fundacionais onde se plasmaban as súas aspiracións, finalmente destruídos polas autoridades despois da derrota da insurrección de 1117. Lamentablemente só se conserva, tamén nesta ocasión, a crónica dos vencedores. Polo demais, o decreto de prezos de 1133, constata a súa obrigada presenza, mais estritamente tutelada polos poderes fácticos. O menú resultante da listaxe de produtos en oferta é variado e abondoso, regado con moita sidra e viños para escoller (Castella é como lle chamaban daquela ao Ribeiro, e o viño que vén por mar virá do Salnés e do sur). Córtanselles as ás aos intermediarios, a compravenda só pode ser directa e controlada pola autoridade. Delimítase o espazo comercial: non se fan negocios alén Miño, alí xa hai outros coutos. Non hai escaseza de froitos do mar, peixe fresco ou salgado, mariscos e clásicos coma o polbo e a lamprea. A industria cárnica, altamente monitorizada, nada lle envexa. Escasa é a presenza e regulación do verde, quizais pola cultura do autoconsumo. Cada casa compostelá dispón da súa cortiña para o reverdecer das follas. A fábrica do pan vai en serio. A importación de especias exóticas dá testemuño do longo alcance das redes comerciais. Pelamios e peleteiros dan fe do arraigo dunha característica industria local na oferta de calzamentos. Santiago prohibe exportar peles en cru, vende produto elaborado. E as ferramentas básicas que se perpetuarían no agro galego ata os nosos días, agardan no estaribel polas mans que arrancarán os froitos da horta de Compostela. Ollo aos moinantes e saións neste micromercado da moeda miúda e respecto aos homes idóneos que teñen da súa man o peso e a medida do que ha de chegar á mesa.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario