Dos piratas de Anglia
Naquel tempo Pelagius Godesteides e Rabinatus Nunides fixeran vir uns piratas por diñeiro no seu auxilio. Viñan da parte de Inglaterra camiño de Xerusalén, atinxiran Hesperia, e alí foran captados para, coa súa axuda, saquear e devastar os arredores, e para que os piratas ingleses, xente que non coñecía o mel da piedade, arruinasen as remotas zonas costeiras exercendo a atrocidade da súa rabia. O que non aconteceu de outra maneira, porque os ingleses, veleando, atacaban de improviso os confíns marítimos. A uns matábanos, a outros espíanos e privábanos de todos os seus bens, a outros, como se fosen moabitas, presos e encadeados levábanos a rescate. E ademais, obcecados pola súa enorme cobiza de diñeiro, oh, impiedade!, violaban as igrexas e, reos de tan grande sacrilexio, carrexaban para os barcos o que achaban conveniente, mesmo os homes. Mais a intercesión de Santiago non permitiu deixar impune que esta nefanda xente destruíse e esquilmase a súa provincia, e non quixo que tanta maldade permanecese sen castigo. Entrementres, vindo por mar os mariñeiros irienses e os homes de Sancta María de Lanchata de camiño para o asedio, toparon que os saqueadores, facendo o que tiñan por costume, saían dunha igrexa que destruíran para levar aos barcos o seu espolio. Cando os irienses e os outros os viron naquela remota parte do litoral, souberon sen dúbida que eran os piratas ingleses. Entón tomaron as armas, escudos, espadas, frechas, e dirixíronse ansiosos ao combate, mais sen deixar de remar. Os ingleses fixeron o mesmo mais, impedidos polo roubado, nin para remar, nin para armárense tiñan tempo. Que máis? Arranca a batalla entre eles. Voan as frechas coma a saraiba e combaten sobre todo con pedras, que levaban para ese fin nos barcos. Finalmente, os homes de Iria e da Lanchata, coa axuda de Santiago, abordan con violencia aos inimigos e saltan rapidamente ás súas naves. Atravesan a uns coas frechas, lapidan a outros e deixan ao resto con vida coas mans amarradas atrás. Embarcan na birreme dos piratas ingleses e nas outras dúas naves que lles deran como axuda Pelagius Godesteides e Rabinatus Nunides, e continúan a viaxe que empezaran, alegres da gran vitoria, levando os presos canda eles camiño do asedio. Cando o bispo da igrexa de Santiago soubo como fora aquilo, cheo de alegría, deulle as grazas a Deus omnipotente por dignarse a protexer e defender dos malignos saqueadores a provincia do seu apóstolo Santiago. Cando os vitoriosos chegaron á ribeira, o bispo viu como choraban e laiaban os prisioneiros ingleses e, compunxido de paternal piedade, conmoveuse pola misericordia. Gardaba no tesouro da memoria o que está escrito: Sede misericordiosos como o voso pai é misericorde… Entón dirixiuse aos seus mariñeiros e dixo: “Sabedes, irmáns, que a quinta parte de todo o que conseguistes con esta vitoria, coa axuda de Deus, perténceme a min por dereito. Aínda que son moitas cousas e preciosas, non quero recibir nada de vós, senón que me entreguedes aos prisioneiros como a miña parte do botín.” Aceptados entón os prisioneiros como a súa parte, o bispo forzounos a xurar que non atacarían máis aos cristiáns, nin ousarían facerlle aos cristiáns as cousas que se contaron máis arriba. E así, soltando as súas cadeas, permitiu que marchasen libres.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 76.
Do asedio de San Paio de Lodo e da rendición de Darbo
Entrementres, o castelo de S. Pelagius de Luto é asediado. Por unha banda un tumulto de guerreiros, polo outro, unha batalla naval. Entón o bispo elixiu algunhas cohortes de cabaleiros e soldados e mandounas rapidamente a cercar o castelo de Daravum, onde se agochaba R. Nunidem cunha turba de traidores. El mesmo cun numeroso exército asistiu ao asedio. Cercados, pois, un e outro castelo, compóñense as máquinas de guerra, eríxense as balistas e outros aparellos para atacar os castelos. Mais a turba rebelde que estaba no castelo de S. Pelagius de Luto, vendo a constancia do pontífice, que non desistía do comezado e tiña vontade de levar a fin o seu propósito, desesperan de poderen resistir, e vense metidos nun pozo. Aterrorízanse e xa ofrecen a rendición. Para que determe máis? Estupefactos polo tumulto da batalla, abatidos por un enorme terror, entréganlle o castelo ao pontífice. No mesmo día en que lle foi entregado o castelo de S. Pelagius de Luto a Don Didacus, venerable bispo da igrexa de Santiago, R. Nunides, sabendo a rendición dos seus cómplices, temeu que todo o tumulto da guerra virase agora cara a el e os seus. E entón entregou o castelo de Daravum, a súa fe e esperanza, aos cabaleiros que o bispo enviara, como antes dixemos. Feita así a rendición de ambos castelos, o bispo entregóullelos a uns nobres para que os tivesen fielmente e e os defendesen en servizo á raíña U. e o seu fillo o neno rei A. Despois diso, cando oíron aquilo os traidores A. Petrides e P. Arides e os outros, que estaban dispostos a atacar Galicia enteira agachados nos montes e agardando a vitoria dos seus, frustrada a súa esperanza, confusos e asustados fuxiron cara os portos montañosos de Galicia. E por fin, postos en fuga e extirpados todos os traidores, conseguidos e aprovisionados os castelos, o venerable bispo regresou ao seu, cheo de gozo e ledicia, coa axuda do noso señor Xesucristo, de quen é o honor e o imperio polos séculos dos séculos. Amén.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 77.
Casteleiros rebeldes
Das empresas guerreiras emprendidas por Xelmírez que podemos ler no seu rexistro, as máis abundantes son os enfrontamentos cos homes fortes locais de cambiante fidelidade. Neste caso coñecemos a Pelagius Godesteides e Rabinatus Nunides, que aproveitan a concentración das tropas de Urraca na fronte aragonesa para facerse con dous castelos e con eles, co control da súa contorna, unha práctica moi común destes casteleiros guerreiros, tal como podemos ler. A natureza destes castelos (ou castros, como tamén se denominan) é confusa. Ás veces, como nas descricións do castelo de Miño (1.53) ou de Oeste (1.33), semellan concordar coa idea que hoxe temos dun castelo medieval (torre, murallas, dependencias habitadas), mais outras veces móstranse como construcións efémeras, feitas case no transcorrer dun enfrontamento, un encastelarse defensivamente nun lugar xeograficamente favorable (iso é o que parece facer Urraca no monte Lobeira (1.72) durante un asedio a Arias Pérez, ou (2.49) no alto do Pico Sacro.) A maioría das accións bélicas que figuran no libro son precisamente asedios a castelos. A arte da poliorcética na que, como vemos, Diego era todo un experto estratego, posuidor ademais de maquinaria específica para o ataque a fortalezas.
Naves do norte
As incursións marítimas chegadas do norte de Europa (viquingos, normandos, ingleses) foron abondosas nos séculos precedentes. A crónica dos antigos bispos irienses que aparece no capítulo 1.2, xa nos informa que un deles, Sisnando, atopou a morte na defensa de Iria contra un ataque dos normani en 977. Como vemos no exemplo anterior, a penuria dos ataques por mar perdurou ata o século XII. Só que agora a escusa destas expedicións era a singradura cruzada a Xerusalén, como se iso lles outorgase aos cruzados patente de corso para cometer calquera falcatruada durante a ruta. Os ingleses que non dubidan en ofrecerse de mercenarios ao servizo dos casteleiros galegos non se diferencian moito dos que axudaron anos despois a Adefonsus Henricus a acometer o duro asedio e conquista de Lisboa, como se pode ler no De expugnatione Lyxbonensi. Tamén eles parecen descoñecer o mel da piedade, segundo os cronistas. A mentalidade cruzada estendida polas terras norteñas, francos incluídos, contemplaba a guerra contra o infiel como un exterminio e o seu inimigo como unha sorte de monstro demoníaco a quen non se lle daba cuartel, unha actitude moi diferente á practicada polos contendentes dos cotiáns enfrontamentos armados peninsulares, afeitos cando menos á posibilidade da negociación na resolución de conflitos. Mais, a fin de contas, estes desapiadados homes do norte non deixaban de ser cristiáns para Diego. Por iso non podemos deixar de constatar que mentres os prisioneiros sarracenos reciben segundo xustiza o seu destino de escravos, os deshumanizados piratas cristiáns ingleses aínda merecen a misericordia do perdón.
Por mar non só vén guerra
Por mar ían e viñan de Compostela perigos e bendicións, pois non era a publica via, que así é como lle din no rexistro ao que nós coñecemos como camiño de Santiago, o único acceso ás portas de Compostela. Moito antes do despegue das cidades costeiras de Galicia, que acadarían o esplendor en épocas posteriores, temos constancia nestes anos dos inicios dun importante comercio marítimo. Non é só que asistamos a un normalizado tráfico marítimo regulado de mercadorías para consumo interno (viño, peixe, tecidos, sal) a través da desembocadura do Ulla. No capítulo 3.18 temos noticia da chegada ao porto de Santiago (vía Padrón) dunha expedición de vendedores ánglicos e lotarienses a quen Garsias Petrides (un dos fillos pequenos de Petrus Froylaz, conde de Trava) lles arrebata monturas e mercancías. Non saberemos o montante do roubo ata que as tropas de Pelagius Curvus, meiriño de Xelmírez (e casado cunha súa sobriña), persigan aos roubadores polos montes e recuperen o botín. É daquela que sabemos que ten un valor de vinte e dúas mil marcas de prata, unha cifra desorbitante, sen parangón con outras cantidades que aparecen no libro. Parece ser que, ademais dos produtos que se podían conseguir na ben fornecida feira de Santiago, había tamén un mercado de luxo. En Compostela movíase diñeiro. Cando Albertinus (3.8) quere colocar un cáliz de ouro, ‘sabe que en ningún lugar de Hispania pode vendelo mellor’. No capítulo 2.16 Xelmírez utiliza os barcos duns comerciantes normandos como manobra de distracción para unha das súas transaccións económicas con Roma. Tan rica era Compostela? No contexto das pequenas cidades do norte cristián peninsular, talvez si, grazas ao crecente comercio a través do camiño, a afluencia dos peregrinos e a potencia recadatoria da diócese compostelá. Pouca cousa, iso si, en comparanza con Córdoba, Toledo, Sevilla, Valencia, Zaragoza e outras grandes cidades dos veciños do sur, moito máis desenvolvidas. Non só se importa tecnoloxía naval. O médico de Diego é Roberto de Salerno, hippocratica civitas que recolle o coñecemento científico grego e árabe. Pedro Froylaz agasalla ao seu fillo Fernando cun cociñeiro mouro. Aquí pode haber diñeiro en mans dunha reducida minoría, mais son moitas as carencias nos adiantos e tamén no luxo: ouro, prata, xoias, cristal, sedas, todo iso ten que vir do sur. Compostela comeza a despuntar no medio dun ermo onde aínda prevalece a pobreza, unha sociedade que comeza a espreguizarse.