Da amizade entre o bispo e o conde Petrus
Eu o conde Don Pedro Fróilaz cos abaixo nomeados xúrovos, Don Didacus II bispo, por Deus pai omnipotente e por todos os santos e as virtudes do ceo que, salva fidelidade ao infante Don A. ou a outro señor que de común acordo recibirmos, serei o voso amigo fiel, sen fraude nin engano, e custodiarei e defenderei a vosa vida, a vosa persoa e o señorío que agora tendes, ou vaiades ter, e evitarei a vosa deshonra por todos os medios, en todo e por todos, e igualmente exaltarei o voso honor contra calquera home segundo o meu poder, enxeño e arbitrio. E de igual modo xuro que axudarei e ampararei aos vosos parentes que me enviardes, ou que se uniren a min, como a calquera dos meus bos homes. E defenderei e ampararei aos homes e señoríos de Santiago que están na miña terra, para o voso proveito e utilidade, de maneira que por min non teñades ningún dano ou impedimento. E se eu cometer alí algunha inxuria, ou os meus homes, sexa eu corrixido por xuízo ou laudo dos nosos amigos con toda a miña vontade e poder. E se por acaso perdedes o voso señorío, dareivos a metade do meu, e defendereivos e amparareivos e aos vosos cóengos que foran amigos vosos e nosos, como a min mesmo. Da sublimación do infante D. A. e a dotación do seu señorío, faremos segundo o voso mandado e consello mentres o teñamos na nosa potestade. E sexa eu perxuro se non respectar este xuramento; e estes que comigo xuran poñan ao voso dispor os seus prestimonios e señoríos, agás os castelos, e axúdenvos sen artimañas nin mal enxeño. E sobre as cousas que están neste pacto, que discutan e xulguen eles todos os asuntos que houber entre nós. E disólvase este xuramento se nós o disolvemos.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 100.
Dareivos a metade do meu
O grande cambio na correlación de forzas do conflito galego foi o abandono da irmandade por parte de Diego e a súa alianza con Pedro de Trava. O tenor do pacto que asina o conde explicita que apostan polo infante Afonso Raimundez na cuestión sucesoria, que aínda está por resolver. A inviabilidade do casamento de Urraca e Afonso I parece conducir a unha inminente resolución (ademais da condena de Roma por cuestións de consanguinidade), e hai que presentar aspirantes ao trono. Na Compostelá parece non concibirse o dereito de Urraca a reinar en solitario, por ben que esa pareza a decisión final do seu pai. Da misoxinia dos autores temos exemplos abondos e veremos algúns. Diego e Pedro tampouco ven nela a solución, en calquera caso unha rexencia temporal, mais o rei ten que ser o pequeno Afonso e, se non é así, están dispostos a aceptar “outro señor que de común acordo recibirmos.” (A quen se estarían referindo? É posible que estivesen considerando a opción portucalense? Cales son os movementos de Henrique e Teresa, dos que oímos falar mais non coñecemos?) En calquera caso o que se nos presenta é un desequilibrio nos bandos. Por unha parte, a irmandade ve cada vez máis lonxe a aceptación do rei aragonés na escena galega, o palco natural da súa belixerancia está lonxe de aquí. Pola outra, a unión de Trava e Xelmírez consolida o norte de Galicia e ten no infante a chave da sucesión máis plausible. Diego pasou algunhas noites sen durmir para chegar a esa conclusión. Pedro tíñao claro desde o principio.
Conde de Trava, Conde de Galicia
Coa morte de Raimundo, cónsul de Afonso VI en Galicia, o conde Pedro ocupou o lugar preeminente da aristocracia galega. A súa influencia non se limitaba ao condado ao norte do Tambre. Por medio dunha política de casamento das súa fillas con señores territoriais (Montenegro, Toroño, Monterroso), ampliara moito os seus dominios e era, así, quen tiña máis en xogo nun posible cambio das relacións de poder. Ademais, a súa conexión coa familia real (seica pasara a infancia na corte) colocábao un chanzo por enriba do resto da nobreza galega e o seu poder ficara demostrado ao poder rexeitar en solitario a incursión do aragonés en Galicia no inicio das hostilidades. Con altos e baixos, encontros e desencontros (incluso tiveron que escenificar algunha escaramuza cando de viron en bandos diferentes), a alianza de Pedro Froylaz e Xelmírez resalta pola súa constancia nuns tempos de crise e inestables adhesións. Urraca chegou mesmo a prendelos e fixo todo o que puido para separalos.