Obtención do bispado
Nos últimos días de 1099 os distintos vectores que operan na resolución da provisionalidade da sé compostelá da última década parecen confluír nunha conclusión definitiva para o novo século. Todo depende agora de Roma. O imperator da monarquía hispánica acata que xa non proceden as investiduras laicas e solicita instrucións. O novo papa Paschalis II pecha definitivamente o capítulo da irregular deposición de Didacus Pelagides, que teima por recuperar a cadeira da sé compostelá. É a hora do cambio, sentencia, e pide por carta: mandádeme ao novo candidato. E Diego xa estaba alí, en Roma! Pretendidamente alleo ás cartas, orationis gratia. Como é posible isto que se nos di? Tanto como a feliz oportunidade da súa visita á curia romana, salta á vista que hai algo que non se nos conta, e que nunca se contará porque está explicitamente prohibido na carta do papa que el mesmo trae de volta: non ex praecedentibus ante id temporis causis solicitari volumus, queremos que non se lle presenten causas de tempos precedentes. Lixos fóra. O seu nomeamento ten a inevitabilidade do feito consumado, non queda senón asumir que Diego conseguiu converterse no candidato de consenso imposto desde arriba (mesmo tiveron que consagralo subdiácono antes, vese que aínda non tiña todas as asignaturas aprobadas para o título). Papado e monarquía promoven a súa consagración, aos cóengos composteláns só lles resta aceptalo e aclamalo. Braga e Toledo non teñen vela no enterro ante a nova libertas compostelá. Comeza o século de Xelmírez sen que sexamos plenamente conscientes dos pés que tivo que pisar no seu camiño. Só seremos testemuñas, ao longo dos anos, das restras de inimigos que foi deixando o seu ascenso. Ten apenas trinta anos, mais xa aprendeu que o futuro non é para os timoratos.
Carta de presentación
Restaurar o destruído, conservar o restaurado e traballar moito para levar o conservado a un estado de rectitude (1.4). Velaí a súa divisa. O seu modus operandi: o que poidas facer da túa man, faino ao instante (1.15). Eses son os lemas cos que Diego acomete o desempeño do seu labor. Xa dixemos que o seu modelo é a relixiosidade cluniacense e aplícase na súa implementación sen reparos. Nada quere saber da recuperación do antigo rito hispánico dos visigodos nin da configuración das dióceses peninsulares que Toledo pugna por liderar. As súas aspiracións son pretensiosas, nomea 72 cóengos a imaxe da igrexa apostólica romana e como Roma tamén terá os seus cardeais. O rigor disciplinario e uniformador é acorde coa imaxe de grandeza que quere representar. Pon orde na canónica coma un xestor de recursos humanos e racionaliza a administración dos bens. López Ferreiro explica a fórmula da hebdómada (o reparto que cada domingo se fai das ofrendas recibidas na mesa capitular): fanse tres partes; unha vai para o cóengo hebdomadario desa semana; das dúas partes restantes fanse tres: unha parte para a arca de onde se pagan as obras da nova catedral en construción, outra para aprovisionar o refectorio da canónica e unha última para o titular da sé. Diego engrosa semanalmente o seu patrimonio, o que lle permite acometer múltiples emprendementos individuais, como veremos. A partir de aí todo é cuestión de saber administrar o patrimonio e cultivar as relacións exteriores, a igrexa de Santiago amplía o seu campo de xogo sabedora de que o seu destino depende de contactos que transcenden as fronteiras da terra da Santiago.
De como o bispo aspirou a acadar o arcebispado
Foi, tanto nos negocios eclesiásticos como nos seculares, varón de perspicacísimo enxeño. Como naqueles tempos a igrexa de Santiago era ruda e indisciplinada, aplicou o seu ánimo a plantar alí os costumes das igrexas de Francia. Foi algo moi laborioso mais, como bo agricultor, extirpou espiñas e malas herbas, arrincou fieitos e ortigas e sementou plantas útiles. Nomeou un número determinado de cóengos, setenta e dous concretamente, que non podían entrar no coro de Santiago sen sobrepeliz e capas, pois antes, os clérigos da igrexa de Santiago ían sen barbear, con capas esfarrapadas e variadas e zapatos bicudos á moda dos cabaleiros. Cando se xuntaban no refectorio, uns pasaban fame e outros papaban esplendidamente, pois quen abundaba en riqueza, máis e mellor alimento consumía. Así que o bispo mandou dar igual ración a todos os cóengos e acabou co cisma entre eles. Antes dispuñan do altar de Santiago sete ou doce hebdomadarios e a eles confluían, case como señores, todas as ofrendas que lles pertencían aos clérigos, de maneira que o bispo distribuíu cadansúa semana para cada un dos cóengos. Que máis podo dicir? A abundancia dos seus feitos supera o meu estilo. Polo demais, sublimou tanto e de diversos modos a igrexa de Santiago desde que foi bispo, coa axuda de Deus, que non podo gardar silencio sobre aquilo que principalmente anhelaba e polo que devecía con todas as forzas do seu ánimo. Consideraba que, alí onde descansaba o corpo dun apóstolo en calquera lugar da terra, había ou papado, ou patriarcado, ou cando menos un arcebispado, agás na igrexa de Santiago.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 3.