Da liberación do infante e da súa coroación
Asinada a paz e convertidos en amigos verdadeiros, o bispo, pleno de inmensa bondade, e os demais, estableceron unanimemente o día en que o infante sería erixido en rei. E así, no domingo seguinte, no que se canta no introito da misa Iustus est Domine, o infante que ía reinar foi conducido a Santiago con moita e nobre pompa entre a alegría exultante de todos. O bispo, lucindo os verdadeiros ornamentos pontificais, e o resto dos clérigos decentemente ornados coas vestimentas eclesiásticas, recibírono en gloriosa procesión. O pontífice tomou o neno e conduciuno con ánimo agradecido ante o altar de Santiago, onde se afirma que descansa o seu corpo. E alí, relixiosamente, segundo as normas instituídas polos canons, unxiuno en rei, entregoulle a espada e o cetro, coroouno coa diadema de ouro e fixo que sentase na cadeira pontifical xa constituído en rei. Despois, celebrada a misa solemne, como é costume, levando ao novo rei ao seu palacio, o bispo convidou a todos os próceres de Galicia ao convivio real. O clarísimo conde Petrus exerceu de dapífero rexio; o seu fillo Rudericus, como alférez ás costas do rei, mantivo o escudo e a lanza; Munio Pelegides foi o ofertorio real; Veremudus Petrides mandou administrar viño e sidra abundantes a todas as mesas e así, saciados todos por diversos e coidadosamente preparados manxares, remataron aquel día entre himnos xubilosos e cantigas.
Ao día seguinte, o primeiro que luciu desde a súa coroación, reuníronse todos arredor do pontífice e acordaron levar o rei a León e alí, instalado coa súa nai, conseguir someter todo o reino ao seu poder xunto con todos os próceres casteláns.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 66, 67.
O rei debe esperar
A difícil manobra de Diego e Pedro consiste en negociar a liberación do fillo da raíña a cambio da inmunidade dos secuestradores. O que ofrecen con esa solución semella a única saía viable á crise: unha volta ao statu quo anterior ao matrimonio de Urraca. O aragonés queda fóra da ecuación e a continuidade da monarquía garántase coa coroación do novo rei neno que compartirá, dalgún modo, xa se verá, o trono coa nai. Diego e Pedro propóñenlle o plan á raíña por mensaxeiro. Urraca accede á coroación, se iso vale para gañalos para a súa causa e neutralizar ao outro bando. Celébrase unha coroación do neno con grande pompa na catedral, sen a presenza da nai, que resiste en León. O acto non é tanto a unción dun novo rei como a confirmación do arcebispo de Compostela e o conde de Trava como garantes do novo poder establecido. Diego conduce ao neno á súa igrexa, séntao na súa cadeira pontifical e únxeo coma se fose un papa. É a coroación da súa autoridade. Pedro corre cos gastos, morde a lingua antes os secuestradores da súa familia e escenifica a paz con eles no posterior banquete botando unhas cantareas. Os seus fillos e xenros serven a mesa do rei e terman das súas armas. O neno que el criou agora é rei. Poderíase dicir que non hai ninguén máis poderoso en Galicia. Poderíase dicir que está todo resolto, mais non hai nada amañado. Emprenden a viaxe para reunir á raíña e o novo rei, o último trámite para completar a solución galega á continuidade da coroa. Mais non chegaron alá.