Das naves dos sarracenos apreixadas polos irienses
Dende tempos do rei Afonso, de boa memoria, os sarracenos adoitaban vir por mar a Galicia dende Hispali, Almaria, Olisbona e outros lugares costeiros. Destruían e queimaban igrexas e roubaban delas o que podían, mataban homes ou facíanos presos, capturaban mulleres e nenos e levaban en prenda as cousas que lles aproveitaban, cortaban as vides e as árbores, prendíanlle lume ás casas e asaltaban castelos como o de Sancta Maria da Lancata e o de Sancto Pelagio de Luto. Por esta causa, desde mediados de abril a mediados de novembro, o litoral galego estaba deserto e sen xente. Tan frecuente era a audacia dos sarracenos! Por iso o arcebispo de Santiago, legado da santa igrexa romana, compunxido polo seu amor paterno, vendo que non había na terra galega homes peritos na arte náutica, enviara embaixadores a Arelatum, Genuam e Pisam para que mandasen vir de alá expertos construtores de naves. Que máis? Un xenovés, de nome Augerius, moi perito na construción naval, fixo en Iria dúas naves que vulgarmente se chaman “galeas” e para construílas gastou o arcebispo moito diñeiro e moitas despensas. E xa o mesmo ano en que foron feitas, os irienses, por orde e consello do arcebispo, embarcaron armados xunto co tal Augerius e puxeron proa á terra dos sarracenos e en represalia mataron, capturaron, incendiaron e derramaron. Finalmente, capturadas algunhas naves sarracenas, destruídas e queimadas, trouxeron canda eles outras cargadas de ouro, prata, prisioneiros, roupas e volveron á súa terra. Dende aquela os ismaelitas non ousaban invadir a provincia de Santiago senón con gran número de naves. E así, pasado un tempo, os sarracenos Hispalenses e Olisbonenses atacaron a provincia de Santiago con vinte naves e protexidos na súa multitude devastaron os arredores. Poucos homes capturaron porque moitos fuxiran ás montañas. E despois de volveren os outros á súa terra, deixaron aquí catro barcos que atracaban nas illas de Ouras, Salvara e Flamia. Cando soubo isto o arcebispo, foi axiña a Iria, convocou aos irienses e mandoulles saír coas súas naves e coas do arcebispo para atacar aos sarracenos. Tamén exhortou aos soldados do seu exército para que foran cos irienses a medírense cos sarracenos. Parten ao alto mar as aparelladas naves dos irienses; buscan arredor das illas os barcos dos ismaelitas. Atópanos cerca do castelo de Sancto Pelagio de Luto, pois alí atracaran e alí estaban a cargar o seu botín. Como xa era tarde, para que non fuxisen coa escuridade da noite, os irienses agardaron asexantes nas entradas da ría (aditus maris). De alborada, acesos e preparados para a batalla, os irienses atacan en orde de combate as naves dos sarracenos que, cando os ven chegar de lonxe, corren aos remos e ás armas e non dubidan en prepararse para a loita. Pero os irienses, na furia do ataque, bótanse contra os agarenos con máis audacia e asaltan violentamente cos esporóns de ferro as naves dos xentís; féndenas, sepáranas e co impulso da abordaxe saltan ás súas naves. A uns mátanos, a outros bótanos ao mar e compadécense duns poucos, que levan presos. Entre os ismaelitas, algúns loitaban, outros remaban, outros botábanse a nado. Pero unha nave sarracena, máis lixeira cás outras, penetra entre as irienses e consegue fuxir. As outras tres foron retidas polos cristiáns. Alí mesmo foron mortos dezaseis sarracenos, foron presos cen menos dous, incautáronse as armas e o espolio e liberáronse os cristiáns que os sarracenos tiñan presos. De maneira que os irienses regresaron gozosos á súa terra con tres naves capturadas, cos cativos ismaelitas e cun gran tesouro. De todo iso entregaron a quinta parte ao arcebispo, legado da santa igrexa romana, como señor seu que era, e polo que lle debían como armador das naves. Así veñan capturar cristiáns outros sarracenos e outros máis co mesmo agoiro, porque o que lles acontecía a uns, agora vailles acontecer aos outros.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 21.
Piratas sarracenos
Unha das consecuencias da toma de control almorábide do sur da península a finais do século XI foi a proliferación da piratería marítima, que comezou a incursionar nas costas atlánticas, desde Portugal ata o golfo de Biscaia. Sarracenos, ismaelitas, agarenos, moabitas, mouros, son as denominacións que reciben os bandidos. En séculos anteriores a procedencia dos ataques por mar fora norte europea. Como medidas defensivas, armárase en Galicia unha pequena rede de castelos e fortalezas costeiras (Tui, Darbo, San Paio de Lodo, Lanzada, Oeste, San Xurxo, Faro, etc.) que se demostrou ineficiente para atallar os frecuentes ataques. A iniciativa de Xelmírez de darlle forma a unha incipiente armada militar é a primeira proposta efectiva de contrarrestar unhas incursións que tiñan por meta o saqueo e a rapina, antes que a conquista ou control do territorio. Son máis ben razzias, iniciativas de acoso e desgaste e non campañas militares promovidas polo poder almorábide.
Tecnoloxía italiana
Relata a Compostelá que o naval galego se limitaba á navegación de cabotaxe de baixura e que non se practicaban aquí as artes bélicas marítimas. A expansión das comunicacións e sobre todo a capacidade económica coa que conta a comezos do século XII, permitiralle a Xelmírez recorrer ás potencias mediterráneas para paliar esa carencia. En efecto, neses anos Arlés, mais sobre todo Pisa e Xénova disputábanse no Tirreno a primacía naval no occidente mediterráneo, dándolle relevo a previo dominio dos portos da Italia meridional e competindo con Venecia polas rutas comerciais a oriente. Tiñan experiencia na disputa naval cos almorábides logo de arrebatarlles o control en Sardeña, Córsega e as Baleares. A súa potencia na construción naval daba resposta a unha crecente demanda (comercial, militar, o inicio das cruzadas…) co desenvolvemento de dous prototipos, a navis e a galea, que dominarían o tráfico marítimo nos próximos séculos. A primeira, máis ancha, navegaba a vela e usábase para o transporte e o comercio, aproveitando a súa ampla bodega. A galea, máis alongada e veloz, engadía a propulsión a remo. Eran naves birremes (isto é, con dous remeiros por banco), dotadas dun castelo de popa e con menos capacidade na bodega, máis manobrables e polivalentes e por iso máis usadas militarmente. A cidade de Xénova, por exemplo, non contaba cunha armada propia, mais si tiña a capacidade de requisar os navíos de armadores privados en caso de necesidade. Os armadores eran emprendedores individuais ou compañías que ofrecían os seus navíos ás diferentes demandas do mercado. Non é pois tan sorprendente ou improbable que algúns construtores, coma o tal Augerius ou posteriormente Fuxoni, procedente de Pisa, atendesen a oferta de Diego para traer a súa experiencia a Galicia a cambio de xenerosas remuneracións.
Balance económico
O capítulo 3.28 da Historia Compostelá detalla que Diego pagou do seu peto as 60 marcas de purísima prata que custou a construción dunha galea, á parte do salario do artesán, aínda que non deixa de sinalar que conseguiu de balde gran parte da aparellaxe. Parécenos unha cantidade modesta en comparanza con outros dispendios que lle veremos facer a Diego, sobre todo tendo en conta o retorno do investimento, que lle rendía ata unha quinta parte do botín que a nave traía de cada expedición depredatoria. Nese mesmo capítulo fálase dun botín total de 1.700 morabetinos (a moeda de ouro de máis valor na época, acuñada polos árabes ), ademais de outras riquezas sen especificar. Diego recibirá nesa ocasión 15 marcas de prata e moitos agasallos. No capítulo 3.29 somos informados de que o seu quiñón foron 25 marcas de prata e un mouro por quen se negociará un rescate por unha importante cantidade.
Tráfico humano
Ademais do seu labor defensivo na costa galega, di a obra que as galeas galegas foron usadas para devolver na mesma moeda as rapinas dos sarracenos. As expedicións dun e outro lado tiñan tres cometidos. A destrución: lemos como se queiman e inutilizan naves e instalacións, como se arrasan cultivos e poboacións e como se cometen atrocidades ‘que daría vergoña relatar’. O saqueo: arrámplase con todo o de valor que poida ser transportable. E por último, o tráfico humano: lévase xente, tanto para ser escravizada en destino como para ser trocada a rescate. Desta maneira obtivo Diego traballadores escravos para empregar nas construcións de Compostela, ou o rescate antes mencionado. No tráfico humano en sentido contrario, non podemos deixar de resaltar o caso do capítulo 1.103, no que lemos que dous nobilísimos varóns galegos, Fredenandus Arias e Menendus Didacides, redimiron o seu cativerio entregando a cambio sesenta cristiáns, tamen ex servili conditione, o que nos ofrece unha idea sobre a cruel vara de medir a condición social naquela época.