Saltar ao contido

Nai ou fillo

Da discordia da raíña e do rei seu fillo

Nese mesmo tempo e estado, xurdiu unha gran discordia entre a raíña e o seu fillo o rei A. O rapaz estaba daquela na Extremitatem co conde P. Froylaz e seguíano non módica parte dos próceres de Hispania, o que era moi molesto para a raíña, pois temía que ascendendo así conseguise o cetro de todo o reino, e ela non quería, pois non lle tiña ningunha fe aos seus socios de reinado.

Da alianza de paz entre o bispo e o rei

Despois de que o neno soubo que o pacto que a raíña fixera co bispo estaba roto, mandoulle estas palabras ao bispo por mensaxeiros: “Reverendísimo padre e señor, non creo que se oculte a túa santidade que á morte do meu pai, o conde Raimundus, o nobilísimo rei A., meu avó, cando eu era aínda un infante, convocou a todos os próceres de Galicia en León e mandoulles facerme homenaxe e xuramento, e aceptado o xuramento de cada un deles, deume a min o dominio de toda Galicia. Polo demais, meu avó o rei A., interpuxo esta condición: que se a miña nai a raíña permanecer contenta no seu estado de viuvez, todo o dominio do reino de Galicia estaría sometido a ela, nas vosas mans e nas do meu tío o arcebispo de Vienne. Mais se ela entrar nunha alianza marital, volvería a min o reino de Galicia. E isto foi sancionado con xuramento pola miña propia nai e por todos os próceres de Galicia. E alégrome de que ti, santísimo padre, interviñeses. Mesmo os cegos e os barbeiros saben que a miña nai gozou do leito nupcial. Por iso agora demando o meu reino, que merezo por dereito. E se acaso algún dos próceres de Galicia quixer quitarmo, sen dúbida será reo de perxurio, e Deus, xuíz xusto e forte, decidirá entre ela e eu. Mais ti, a quen eu abrazo e venero máis ca a todos os homes, como señor e patrón meu, que me rexeneraches na fonte bautismal e despois de non logo tempo me unxiches rei na igrexa de Santiago, en quen está posta a áncora da miña confianza, dígnate prestarme auxilio para conseguir o meu reino.”

Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 108.

O aspirante a emperador

Que o neno fillo de Urraca e Raimundo chegase a ser un adulto ben dado é algo case milagreiro, vista a infancia que tivo que pasar ese rapaz. Apartado da nai desde meniño, criouse cos seus padriños de Trava e a supervisión de Xelmírez. Levárono con dous aniños a ver o cadáver do seu pai e metérono no medio dunha liorta que mal podía entender. Seica o agocharon no mosteiro de Moraime cando o rei aragonés pretendía entrar en Galicia para matalo. Secuestrárono no castelo de Miño, andaron con el polo monte un bo tempo dun lado a outro, chantáronlle unha coroa na cabeza e escapou polos pelos da batalla de Angos. A nai volveu abandonalo para tratar de recuperar o seu reinado, mais tamén encirraba para romper a súa fidelidade cos aios galegos. Atopámolo de adolescente iniciándose no oficio das armas na Extremitate co conde Pedro Froylaz, desde onde chega esta carta, escrita sen dúbida polo conde. Consiste nunha nova versión (a terceira xa) do antigo pacto de León, na que reside a xustificación da súa aspiración ao trono. Demando o meu reino, que merezo por dereito. Un dereito que se basa na cultura do xuramento que xa coñecemos: iso foi o xurado e iso é o que corresponde. Urraca incumpriu a ‘cláusula de pureza’ que lle impuxo o vello patriarca, anúlase o contrato. Nada disto sucedería se Urraca fose un home. O fillo, ou Froylaz, aducen descualificación moral da nai: é unha muller promiscua e perxura, o que implica a reclamación dunha coroa que ten que ser para o novo infante en solitario. “Maldita a terra onde reina un neno e unha muller ten o goberno.” (1.107) É sen dúbida o proxecto do conde, mais tampouco hai dúbida de que o neno, por moi inconsciente que fose, non podía ser alleo por tradición familiar ás duras aprendizaxes do exercicio da monarquía. Renunciase á propia nai, préndese ou mátase ao irmán, non hai vínculos afectivos para quen aspira á gloria do imperio (como lle acontecería ao seu curmán Afonso Henriques en 1128). Conducido polo seu titor ou plenamente consciente do que estaba facendo, o ultimato do futuro Afonso VII foi favorablemente recibido en Compostela. Volveu percorrer aclamado as naves da igrexa onde de neno fora coroado. Sería este o movemento final do pretendido cambio de coroa? A inmediata reacción de Urraca deixou claro que de ningunha maneira. A raíña, reunindo o seu exército ao longo do camiño, dirixiuse a Compostela, vía Triacastela e Melide para facer valer o seu posto. A súa ameaza real de encetar un grave enfrontamento de descoñecidas consecuencias forzou a Pedro a dar un paso atrás e retirarse de Compostela co aspirante. Diego, pola súa parte, decatouse da repentina debilidade do seu poder nunha cidade na que unha irmandade organizada desafiaba efectivamente a súa hexemonía e viuse forzado a negociar un pacto con Urraca. O acordo final, negociado por Pedro González de Lara, parella da raíña, é moi indefinido. Só establece unha tregua de tres anos e a promesa de amizade e axuda mutua, nada se di da natureza específica da relación. Coma sempre, cando un pacto con xuramento se celebra nestas páxinas con tanta efusividade, é que estamos ás portas dunha nova manifestación da discordia. O que sucedeu en Compostela en 1117, a combinación explosiva dunha grave crise política, o afloramento de vellas xenreiras no interior da canónica e a repentina efervescencia dun descoñecido continxente urbano que fora medrando en silencio á sombra da igrexa, foi unha insurrección coma un cambio de era.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario