Palabras do bispo compostelán
“Ata agora asentistes ante os mensaxeiros do rei aragonés e escoitastes o seu relato con toda a atención da vosa mente. Oíde agora ao mensaxeiro do rei omnipotente e gardade os seus mandados no cofre da vosa mente. Porque el vos anunciará a doutrina para a vosa perpetua salvación e predicará o que é bo e xusto a ollos do noso señor. Eses mensaxeiros dixéronvos cousas moi nocivas que vos levarán ao pozo da perdición, contrarias á vosa salvación presente e eterna, prohibidas polas leis divinas e humanas. Eu, irmáns, ministro e mensaxeiro de Deus omnipotente, intérprete da xustiza, preparado para defender os dereitos da santa igrexa, vouvos mostrar para a vosa saúde o que debedes tomar e o que debedes rexeitar neste asunto. Sabedes, irmáns carísimos, que o noso señor e redentor, no vello testamento, mandou facer pontífices para dirixir o seu pobo e instruír aos súbditos nos preceptos do señor. E que, no inicio do novo testamento, elixiu aos seus apóstolos e ordenounos dispensadores dos seus ministerios, encomendoulles os sacramentos da igrexa e a potestade de atar e desatar no ceo e na terra dicindo: ‘Aquilo que atedes na terra, estará atado no ceo; e o que desatedes na terra, estará desatado no ceo.’ Do mesmo xeito nós, aínda que indignos, recibimos esa potestade e ascendemos ao cumio do coidado pastoral. Nós, os sumos dispensadores dos ministerios de Deus, somos chamados pontífices. Somos os fillos de Deus máis queridos e especiais. Pois en verdade: ‘Quen vos toca a vós, toca a meniña dos meus ollos.’ Cristo encomendounos a nós á súa esposa, a igrexa, para que educásemos aos seus fillos. Que máis? O que no mundo hai máis querido e precioso para o rei de reis, foinos entregado a nós: o coidado das almas e a defensa das ovellas da rabia truculenta do lobo. E se acaso disipándose caen no camiño máis fácil, é o noso deber devolvelas ao camiño da verdade e apacentar o rabaño nos pastos da disciplina. A nós están subxugados os reis da terra, os duques, os príncipes e todo o pobo renacido en Cristo, e a todos eles coidamos.”
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 89.
Ideoloxía e cosmovisión
Por volta de 1113 discútense os longos trámites do divorcio entre Urraca e Afonso I o Batallador, pouco lles durou o matrimonio. Está en disputa a hexemonía nos reinos cristiáns do norte, sumidos na discordia. O tirapuxa só remite nos puntuais acordos para contrarrestar ao común inimigo almorábide na fronteira sur, a Extremitate. Sucédense asedios, escaramuzas e desquites no transcurso de precarios pactos e negociacións interesadas. E no medio do debate, toma Diego a palabra e álzase a voz da hexemonía suprema, o sermón da verdade revelada, a prédica da única autoridade, que pide silencio, pois non pode deixar de intervir nas cousas deste mundo: oíde agora ao mensaxeiro do rei omnipotente. O sustento ideolóxico desa voz é a reforma gregoriana: a transferencia desa omnipotencia divina á autoridade papal. Os seus principios foron concisamente formulados no Dictatus papae de Gregorius VII, papa entre 1073 e 1085, o mesmo que forza a humillación de Henricus IV, emperador do sacro imperio romano, dando inicio á Querela das Investiduras, o órdago da igrexa romana pola primacía sobre o poder terreal. Se a sociedade cristiá non pode concibir maior autoridade que a do supremo creador, ninguén pode exercela senón os seus lexítimos representantes na terra, e aí están as sagradas escrituras para probalo. A rotundidade do axioma ten o peso do argumento ontolóxico de Anselmus Cantuariensis. Ergo, a nós están subxugados os reis da terra. Diego é un elocuente defensor dese ideal reformista e non ten pelos na lingua. Cántalle as verdades aos reis na cara e intenta reconducilos transmutado en coidador de rabaños. Lástima que a crúa realidade humana teime en desmentir constantemente o pacífico esquema da sagrada providencia. Na loita polo poder non son doados de domear nin os príncipes da terra nin os da igrexa. Máis lle vale ao mensaxeiro e ministro eclesiástico ter algo de man esquerda con que auxiliar a súa lexitimidade. E man esquerda a Diego nunca lle faltou.