Discordia e reconciliación entre o arcebispo e a raíña
Un cabaleiro da raíña, quizais con acceso aos secretos de palacio, escoitara os plans daquela trama e contárallos detalladamente a un amigo seu da familia do arcebispo. Mais como a fama daquilo foi medrando, foi investigado de quen xurdira o incendio daquela maldade. Deu un paso adiante o cabaleiro do arcebispo e explicou o que oíra e de quen, pois prefería traizoar o consello antes que ao seu señor. Entón o que divulgara en primeiro lugar os plans da trama real, vendo que xa lle viña o castigo que merecía se lle daba a razón ao seu acusador e se declaraba autor dun crime así, comezou a protestar e a xurar intensamente que el nunca tal cousa dixera. Que máis? Sen mandalo o arcebispo, mais tamén sen impedilo, fíxose un duelo entre eles por mandado da raíña. Triunfou o cabaleiro do arcebispo, e ao cabaleiro da raíña, malia as súplicas do arcebispo, sacáronlle os ollos en xustiza. E o que antes se falaba veladamente da traizón, foi revelado fóra de toda sospeita á vista de todos.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 29.
A inconstante fidelidade dos cabaleiros
Como vemos neste exemplo, os membros da profesión de cabalería, en alza naquela época, atopábanse frecuentemente no transo de prestar vasalaxe sucesivamente a distintos señores e de atoparse en compañía de antigos inimigos ou en fronte de vellos compañeiros. A creación de faccións esporádicas e a continua mudanza de adhesións e lealdades nunha sociedade en crise e permanente realiñamento do poder, facía que na profesión de armas triunfasen os discretos. Falar un pouco de máis podía custarlle a un os ollos porque, á marxe dos conflitos cidadás, as intrigas de palacio, sen o tumulto das turbas descontroladas, non deixaban de ser igual de brutais e perigosas.
Murmurios cortesáns
Mais, despois do susto da insurrección compostelá, non quedaba outra senón persistir sorteando as trampas dos verdadeiros expertos nas artes da conspiración, os detentores do poder por dereito. O acoso de Urraca á esfera de poder de Xelmírez perdurou, paciente e calculadamente, ata a fin do seu reinado. Conseguiu inclinar a balanza logrando arrebatarlle a Diego, sorprendentemente, o apoio que el daba por sentado. Urraca propuxo un novo pacto. A presenza do camarlengo de Cluny e do legado papal como avais do xuramento da raíña por un lado e, por outro, a estratexia de separar a Diego da órbita de Trava asociándoo co rehabilitado bando dos baróns territoriais encabezados por Arias Pérez, déronlle a Urraca bos resultados. Baixo o engado de nomealo cabeza e escudo de Galicia, o que conseguía era rebaixar o seu poder. Quizais levou demasiado lonxe o abuso. Chegou a prendelo e despoxalo de señorío e castelos, e iso estivo a piques de lamentalo, sobre todo pola censura das elites eclesiásticas. Mais o atentado á autoridade de Diego foi levado a cabo, e sentiría as súas consecuencias en anos posteriores. Tivo que presenciar como Urraca prendía tamén ao seu compadre o conde Pedro e separaba deles ao seu fillo o rei, trasladándoo a Toledo baixo a tutela de Bernardo de Sédirac. A primacía que a raíña conseguira no pacto de 1116 sería prorrogada outros tres anos. O proxecto de restauración da monarquía varonil de Afonso VI na figura do seu neto foi habilmente desactivado pola muller a quen os seus dous promotores tanto desestimaran.
En presenza do abade de Angely e do camarlengo de Cluny, que estaban daquela en Compostela, e coa súa testemuña, a raíña sancionou e estableceu un pacto de concordia co arcebispo e prometeu diante das mencionadas testemuñas que lle sería fiel e amiga. E entregoulle tamén todo o dominio de Galicia. Mandou que todos os seus príncipes lle fixesen homenaxe e así se fixo. E así, por precepto da raíña, Arias Petrides, príncipe de Luparia, Federnandus Ioannis, Veremudus Suarizi, Ioannes Didacides, e o resto dos príncipes de Galicia fixéronlle homenaxe ao arcebispo e legado da santa igrexa romana, e supeditáronse fielmente, eles e os seus señoríos, a el como señor, como patrón, como rei, como príncipe, salva a súa fidelidade á raíña, que era quen o mandaba facer.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 29.