Saltar ao contido

Indulxencia plenaria

Celebración dun concilio

Didacus, por graza de Deus arcebispo da sé compostelá e legado da santa igrexa romana, aos seus venerables irmáns dilectos en Cristo, arcebispos, bispos, abades e todos os prepósitos da santa igrexa, e tamén aos reis, condes e outros príncipes e a todo o pobo cristián: usade os bens temporais tan sobria, xusta e piamente, que pola graza de Deus poidades acadar os bens eternos. Que a vosa fraternal caridade, dilectísimos, escoite ao apóstolo clamante que nos chama a acordar do sono. (…) Abandonemos, pois, as obras das tebras e o xugo insoportable do demo e acometamos as obras da xustiza. Vistamos todos as armas da luz, como xustamente nos aconsella o apóstolo e, así como os cabaleiros de Cristo, fillos fieis da santa igrexa, abriron con moito labor e moita efusión de sangue o camiño de Xerusalén, fagámonos nós tamén cabaleiros de Cristo e, derrotados os seus inimigos, os pésimos sarracenos, abramos o camiño ata o mesmo sepulcro do señor, coa súa graza, que polas terras de Hispania é máis breve e moito menos laborioso. E todo aquel que quixer ser partícipe desta milicia, recorde todos os seus pecados e veña decontado facer verdadeira confesión e penitencia. E aceptadas as armas, non defira acudir aos campamentos de Cristo para servizo de Deus e remisión dos seus pecados. Quen así fixer, será absolto de todos os pecados que cometese por instigación do demo desde a fonte bautismal ata o día de hoxe, por nós e os nosos venerables irmáns coepíscopos, abades e outras persoas relixiosas que celebramos concilio en Compostela polo edicto do papa o 18 de xaneiro, coa autoridade de Deus omnipotente, dos santos apóstolos Pedro e Paulo e Santiago e todos os santos. (…) E se algún home ou muller non puider ir aos campamentos, mais envía no seu lugar cabaleiros ou soldados a pé armados, tras recibir a penitencia, ten concedida tamén a indulxencia plenaria en nome do señor.

Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 78.

Un chamado á cruzada

Pleno de poderes, no concilio de Compostela convocado por el o 18 xaneiro de 1125, pouco despois da morte de Callixtus II, Diego considera oportuno pregoar a cruzada. Xa vimos en páxinas anteriores as remesas de cabaleiros armados galegos que toman a cruz e emprenden viaxe a Xerusalén, sabemos que nobres como Fredenandus, o fillo do conde de Trava ou Rudericus Velaz, van e volven da cruzada mais, o que é Diego, a el non lle escoitamos antes falar do asunto ou facerse eco do proxecto de guerra santa impulsado trinta anos atrás, no concilio de Clermont, polo papa Urbanus II en 1095. Posteriormente, apenas nomeado bispo, a primeira carta de Paschalis II (1.9) en 1101 di literalmente: “Prohibimos aos vosos soldados, aos que vimos, que vaian a Xerusalén; que defendan a súa provincia atacada pola ferocidade dos moabitas.” A orde repetiríase en 1110. Contémplase no papado a loita peninsular contra a presenza almorábide como unha sorte de cruzada? Pode ser, mais tampouco escoitamos de Diego unha incitación á guerra santa dos galegos. Non mostra moito entusiasmo cando Urraca, durante a campaña de Burgos, convida aos galegos a defender o castelo de Berlanga. Nunca estivo nas súas prioridades naqueles anos, e lonxe do seu ámbito natural, a loita contra os almorábides, a menos que viñesen coas súas naves a atacar a costa. Volvemos saber de Xerusalén por unha carta do patriarca Veramundus arredor de 1121, cando a prodigalidade da riqueza compostelá traspasara as fronteiras e todo o mundo lle escribe a Diego pedindo diñeiro. E iso foi todo ata o 1125, no que aparece este estraño sermón que afirma “que polas terras de Hispania é máis breve e moito menos laborioso” o camiño a Xerusalén. Que querería dicir con iso? Habería algunha oportunidade de negocio para Diego na venda de indulxencias plenarias (escándalo que provocou o cisma protestante, como sabemos)? Proh, nefas! Que mal pensada é a xente.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario