Saltar ao contido

Incorrixible e intratable

Da visita ao mosteiro de San Paio de Antealtares

Entre outras cousas honestas e loables que o señor compostelán fixo próvida e sagazmente no tempo do seu arcebispado, hai unha que o meu ánimo non dubida agradou inefablemente á divina omnipotencia. Pois coa súa solerte agudeza e a dilixencia do seu talento, fixo mudar o mosteiro de San Paio de Antealtares, morto para Deus e vivo para o mundo, dunha vida torpe e desconforme que levaba a unha vida honesta e regular. Era abade daquel mosteiro un tal Petrus, que na mocidade tomara o hábito de San Bieito e fora probo e industrioso. Fora promovido á dignidade de abade por vontade e consello da comunidade, que observara nel unha virtuosa continencia. Mais non ben acadou a honra da abadía, tornou tan mesquiño e incontinente como non houbo outro. Pois era avaro cos bos, espléndido coas meretrices e tan lambón e luxurioso, que fixo fillos e fillas mentres tiña o hábito monacal e a dignidade abacial. Os bens do mosteiro, cos que o convento debía sustentarse e vivir honestamente, desbaldíaos el todos pola solerma dos lambóns e para atraer as concubinas. Cando o señor compostelán descubriu a súa iniquidade polo relato de algúns, doéndose non pouco pola condena e perdición da súa alma, castigouno e reprendeuno en público, en privado, en persoa, por medio de outros, e en capítulo xeral até sete veces, para que mudase para mellor e emendase unha vida tan noxenta e tan infame. E el, todo o que esixía o señor compostelán, de palabra sempre o prometía, mais nunca o levaba a efecto. De maneira que o compostelán, vendo que era totalmente incorrixible e intratable, con moita dor do seu corazón, convocou capítulo xeral en dito mosteiro. E nese mesmo capítulo, cando o antedito abade foi acusado publicamente por lexítimas e idóneas testemuñas e convicto de ter setenta concubinas, o señor compostelán privouno da dignidade de abade e da súa orde, condenándoo e xulgándoo indigno, e ordenou que lle entregasen un prestimonio na mesma abadía para ter o necesario para vivir. Feito isto, mandou que elixiran co consentimento e aprobación de toda a comunidade outro monxe, un mozo probo e honesto e de boa reputación que se chamaba Rudericus. Fíxolle xurar que observaría a orde monástica e a regra de San Bieito na medida das súas posibilidades e que lla faría observar aos seus súbditos o mellor que puidese. Despois obrigou aos mesmos monxes a xuraren diante del fidelidade e obediencia ao electo e que nunca terían cartos e que nunca levarían na cabeza aqueles gorros extravagantes que adoitaban vestir e só levarían os adecuados a monxes regulares. Logo consagrou o electo como abade ante o altar de Santiago e esixiulle fidelidade e obediencia tal como impón a orde da razón e fixo que xurase sobre o altar do apóstolo Santiago. Así extirpou o señor compostelán os costumes depravados e os condenables excesos de dito mosteiro e sementou nel a regularidade e honestidade de costumes. Loado sexa o varón de probidade máxima, que tanto e tal fixo que ninguén fixera antes!

Historia Compostelá. Libro 3. Capítulo 20.

As setenta concubinas do abade

Achacoso e xa algo desilusionado das cousas do mundo, por volta de 1130, na última década do seu arcebispado, Diego, que tan ocupado estivera a vida enteira polas relacións internacionais, decatouse de que, murallas adentro, tiña o patio feito un cristo. Setenta sonche moita concubina do noso señor. Que pasaba no monasticismo compostelán que convivía con el porta con porta? Acaso os esforzos reformistas das remesas de franceses enviados por Bernardus de Toledo loitando contra a simonía, o nicolaísmo, o incesto, a letra visigótica e a vida sexual dos clérigos non fixera mella no vedraño monacato de Antealtares? Que manía é esa de andaren con gorros extravagantes na cabeza? E este tal Petrus, non é o mesmo que lle dera acubillo no tesouro na insurrección de 1117? Se levaba aí toda a vida! Non. A misión do arcebispo de Compostela de ningún modo podería estar completa sen o coidado pastoral do rabaño máis próximo. O certo é que o monasticismo na terra de Santiago con Diego en funcións tivo un desenvolvemento moi baixo, ou iso é o que se desprende da nula atención que lle presta a Compostelá. Gábase iso si, da creación en Conxo do primeiro mosteiro feminino. E pouco máis sabemos dunha vida conventual que excita a nosa curiosidade. A relixiosidade de Diego, por ben que fose un admirador de Cluny, tiña o modelo na curia romana. Un bo exército do cóengos e cardeais é o que fai falta, aínda que algún saia rebelde. En Santiago imperaba a canónica, pouca influencia tiñan monxes, monxas, abades e abadesas. Mais aínda a estes tiña Diego que poñer firmes cos seus persuasivos métodos de convicción. Con teimosía, e coa forza das palabras, conseguiu non poucas cousas.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario