Sapiens Architectus
A discreta desaparición de escena non ensombrece a magnitude da obra que Diego deixa atrás de si. O seu monumental rexistro dá boa conta tamén da súa febre construtora, que pouco atendemos en páxinas precedentes. Remata a configuración da catedral románica e deixa encetado o claustro. Só unha personalidade como a súa ousaría derrubar, como el fai, o antigo templo apostólico que perduraba no medio do altar da súa ambiciosa basílica, movendo de sitio as reliquias veneradas. Renova o altar por completo, crea novas capelas, amuralla a catedral, ergue o seu pazo e a canónica, reedifica Pinario, Antealtares, Santa Susana, Monte do Gozo, San Miguel, San Fiz, San Bieito, o hospital de peregrinos, o castelo de Oeste, enche de igrexas e pazos Iria, Padrón, Amaía, o Barbanza. Emprende a traída de augas, compra vilas e equipamentos ao longo do camiño francíxeno. Acumula un impoñente tesouro de ornamentos, orfebrería, indumentaria, libros e outras dotacións. Libera igrexas e mosteiros de mans laicas e obtén innumerables herdades, predios e mesmo castelos por compra, troca ou doazón. A dimensión dos seus dominos, minuciosamente detallados no texto, dan para elaborar unha foto fixa da toponimia e a xeografía desta terra naqueles días (Mapa). E aínda así —ou por iso mesmo, pois algo habería que facer con tanta terra— tamén ten tempo para a gandería. Entrega nada menos que cen vacas para iniciar as obras do claustro que non viu rematado. O patrimonio inmobiliario que deixa o seu pontificado equivale a unha obra de séculos, e o mesmo pode ser dito do patrimonio inmaterial. Diego coloca Compostela no mapa internacional, o nome da súa igrexa circula en boca de papas e emperadores e o camiño de Santiago en boca de todo occidente. Dálle nome a un século cunha ambición de apenas cincuenta anos. Dos froitos desa ambición, que non ten parella e moitas veces estivo a piques de custarlle a vida, talvez o máis precioso e duradeiro sexa o saído do seu scriptorium, orixe do Libro de Santiago, dos Tumbos e desta Historia Compostelá que, inexplicablemente, aínda non recibiu a tradución íntegra ao galego nin a edición crítica que merece. Pasen estas modestas achegas dun leigo como alivio provisional de tamaño desleixo. Quid plura?