Saltar ao contido

Guía

A Historia Compostelá é un océano no que cadaquén pode mergullar como queira e cada mergullo rende un novo agasallo. É un hipertexto absorbente que te forza a indagar, sexa cal for o teu interese. Nas páxinas deste sitio podes seguir o roteiro que eu tracei segundo o criterio da miña peregrina vontade. Ou tamén podes ir ao gran. Se queres saber do libro: Que é a Historia Compostelá?. Se queres saber de Diego: Quen era Didacus Gelmirides?, Báculo e balista, Diego taumaturgo, Mensaxeiro do omnipotente, Orationis gratia, Herdades e ornamentos. Se queres batallas: Naves sarracenas, Piratas de Anglia, Expedicións dos galegos, Fiel e señora amiga. Ou un secuestro: Guerra entre galegos. Se che interesa a xustiza: Divina clemencia, Xustiza xurada. Se queres saber que se vendía na praza de Compostela: Praza de abastos, 1133. Se queres ir de viaxe con Diego: Compostela, Cluny, Roma. Se o teu son os subornos benditos e outros avatares da vida relixiosa: Diñeiro bendito, Arrogancia e garrulidade, Indulxencia plenaria, Incorrixible e intratable. Os insultos: Serpes e seguidores de fortuna. A xeografía e a toponimia: Mapa, Terra de Santiago. Se prefires o roubo de reliquias: Pío latrocinio, Con pés e cabeza. Os príncipes galegos: Príncipes rebeldes, Petrus e Didacus. Se queres versións íntegras das revoltas compostelás contra Xelmírez: Insurrección en Compostela, 1117, Irmandade subversiva. As feituras de reis, raíñas e poderosos tiranos: Sucesión, Concédolle a el toda Galicia, Urraca regina, O neno coroado, Discordia e reconciliación, Nai ou fillo, Intriga permanente, Extorsión, Á beira do Miño. E se iso aínda non é abondo para ti, tes moitísimo máis para descubrir… en latín.

Créditos

Dos textos

Para ben ou para non tan ben, tanto os comentarios como as traducións son obra de Pepe Sendón a partir do facsímil dixital da primeira edición en latín de Flórez. Foron moi útiles as edicións en castelán de Suárez e Campelo (1950) e Falque (1994), así como os traballos de López Ferreiro, Fletcher, Reilly, Portela, López Alsina e outros historiadores. Eu quería facer un traballo divulgativo e accesible que contaxiase o entusiasmo que me provoca a min a Historia Compostelá. Saíume este fanzine. Se queres compartir esa paixón ou tes algo que me corrixir, fálame.

Das imaxes

Parecen sacadas dun cómic mais son case todas miniaturas roubadas de códices medievais de variada procedencia, como se ve no nome dos arquivos de imaxe. Obviamente non todas corresponden á época en cuestión e tomei a liberdade de retocalas e usalas alusivamente para amenizar e orientar graficamente o tema de cada episodio coa simpatica expresividade da arte medieval, ese pozo sen fondo que afortunadamente se pode consultar nas bibliotecas online de todo o mundo.



Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario