Este foi o xuramento da raíña
Na era 1121. Eu Dona Urraca, raíña, douvos a miña fe a vós Don Didacus, arcebispo e legado da santa igrexa romana por Deus padre omnipotente e por todos os santos, que vos serei fiel señora e amiga como un bo rei para un bo arcebispo durante toda a miña vida, aumentando o voso proveito e destruíndo o voso mal, e defenderei a vosa vida e as vosas igrexas e o señorío que tendes ou habedes ter segundo o meu poder contra todos os homes e por enriba de todos os homes, sen mala arte nin mal enxeño, e non seredes preso nin por min nin por meu consello, nin expulsado do voso señorío e nunca farei pacto con calquera outro home para o voso detrimento ou da cidade de Santiago en toda a miña vida, e se me dixeren algo malo de vós, ou non lle darei coidado ou dareivos a vós razón e aceptarei o xuízo que me deren estes homes que están presentes neste pacto, dos vosos e dos nosos e, recibida a emenda en tempo e lugar convenientes, respectarei toda a miña vida dito pacto, e nunca viredes nas miñas expedicións nin á miña curia senón cando queirades, e dareivos, arcebispo Don Didacus, o venres, oitava do nacemento do señor, os vosos castelos de Oeste e da Lanzada, e o que neste pacto me absolvades, fique absolto. E nós, sesenta varóns e cabaleiros da raíña Dona Urraca, xurámosvos, arcebispo Don Didacus, por Deus padre omnipotente e por todos os seus santos, que se a raíña Dona Urraca non cumprir o que se di máis arriba, estaremos con vós sen mala arte e sen mala fe.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 49.
Sen mala arte e sen mala fe
Damos aquí este xuramento tipo dos moitos subscritos entre a raíña e o arcebispo, memoria da súa discordia e reconciliación permanente, que debemos ler á inversa, como é pertinente. Cando se di fiel señora e amiga, o que se di é que, como señora e raíña, será fiel cando queira. Cando se fala do proveito ou do mal, das igrexas, do señorío e da vida é para reafirmar que todos eles dependen dela. Cando se di que non o expulsará do seu señorío nin o fará preso, é porque iso é exactamente o que fixo Urraca con Diego á volta dunha campaña militar en Portugal. Cando se di que aceptará o xuízo dos sesenta varóns asinantes é porque agora están da súa parte. Cando se di que non o obrigará a saír en expedición é para lembrarlle o seu deber de facelo. E cando se di que lle entregará os castelos é porque xa llos quitou, como así foi, e así con todo. Este xuramento de 1121 foi o resultado do enfrontamento que tivo lugar no Pico Sacro (2.49), que paga a pena parafrasear.
Da reconciliación do arcebispo, a raíña e o neno rei
Cando o Papa Calixto tivo noticia de que a raíña Urraca fixera preso ao arcebispo de Santiago, envioulle unha carta ameazante na que dicía, entre outras cousas: “Se non procuras corrixir canto antes o teu gravísimo atrevemento, en verdade has de temer o máis severo castigo no xuízo de Deus.” De primeiras, a carta debeu ter o efecto desexado, pois Urraca procurou dar satisfacción e reconciliarse con Diego mais, como viu que este non cambiaba, volveu ás armas axiña. Reuniu un exército e acampou no Pico Sacro. Con ela estaban o conde Rodrigo, o conde Munio, Menendo Nunes e moitos príncipes de Galicia coas súas falanxes. Cando isto chegou a ouvidos do arcebispo, non tardou tamén en xuntar un exército de soldados de cabalería e infantería e de composteláns, e acampou na aba do mesmo monte. Ían con el o novo rei, fillo da raíña, o conde Pedro, seu fillo Vermudo Pérez, Arias Pérez e moitos príncipes de Galicia cunha inmensa multitude de soldados a pé e a cabalo que duplicaban aos da raíña. Estaban os dous exércitos cara a cara: uns en posesión do cumio do monte que ocuparan, os outros loitando para expulsalos de alí, algo abofé difícil e perigoso. O feito de que a raíña pretendese erguer un castelo no cimo do monte dáballe ao rei, ao arcebispo e ao seu exército, estímulos para guerrear. As falanxes armadas dun e doutro bando entraron en combate. Á tardiña, coa chegada da noite, cesaron a loita con algunhas baixas polas dúas partes. Coa luz do día retomáronse os combates e os dous exércitos animáronse a guerrear. Daquela o arcebispo, ao ver que o enfrontamento ía ser entre nai e fillo e que moita xente morrería nun e noutro bando, compadeceuse con piedade paterna. Pensou en como podía pactar a paz e separar os dous exércitos. Pregoulle ao xove rei pola paz, pola reconciliación coa súa nai. Enviou tamén mensaxeiros á raíña aconsellando que non causase a ruína duns e doutros. Pero o seu corazón estaba endurecido e non se arrepentía. Entón o arcebispo convocou aos máis poderosos e experimentados dos dous bandos e, reunidos en consello, buscou todos os xeitos de levalos á paz. Fixo que douscentos deles xuraran procurar a paz, e entre todos nomearon corenta xuíces para que examinaran con máis xustiza a causa do rei e o arcebispo contra a raíña e que ditasen sentenza. Foi sancionado tamén que calquera, mesmo rei ou raíña, que non aceptase o xuízo fose considerado transgresor da xustiza, e que todos se oporían a quen buscase subterfuxios e axudarían a quen a acatase, e isto estableceuse mediante xuramento.
Como vimos, o xuramento só constata un statu quo que se manterá ata a morte de Urraca en 1926, noticia que Diego recibe, sen inmutarse (2.80), precisamente mentres asedia o castelo de Ponte Sampaio, proba de que a pretendida paz en Galicia establecida polos xuramentos de Diego non era máis que unha ilusión. O novo rei de vinte e un anos non agardou por Diego para correr a León e facerse coa coroa, agora xa libre de ataduras. Diego encamiñouse á curia do novo rei en solemne procesión desde Compostela. Mais chegou tarde. Atoparía ao rei en Zamora. Un rei novo, pero curtido, testemuña das reviravoltas do reinado da súa nai. Diego non tardaría moito en comprobar que do neno que el axudara a criar xurdira un novo rei, igual de apurado economicamente, que lle traería os mesmos problemas, cando non máis.

