De como o emperador extorsionou diñeiro violentamente ao arcebispo
Entrementres o rei Afonso, coa prudencia e o consello do señor compostelán, adquirida e pacificada a terra de Portugal, chegouse a Santiago, onde recibiu gran respecto e reverencia nunha pomposa e insigne procesión, e ao terceiro día, visitou no tesouro ao compostelán e díxolle en privado: “Venerando padre, sei ben, e tamén o experimentei polas obras, que a vosa dilixencia amoume moito dende o principio do meu reinado e permaneceu constante sen ningunha simulación e esforzouse por servirme e obedecer os meus mandados, amando a quen eu amei e odiando a quen eu odiei. Fostes os meus pés e os meus ollos e con paterno afecto mirastes polo meu ben e eu agradezo no máximo os méritos da vosa magnificencia e prégolle á vosa clemencia que persevere. Mais prégovos, sobre todo, que, como antes me axudastes, me axudedes agora dándome algo do voso peculio, pois áchome rodeado de magnas necesidades e ponderosos negocios dos que non son quen de librarme senón co consello e auxilio da vosa discreción.” Rematado o discurso do rei, o señor compostelán non tivo dúbida de que aquelas palabras eran ficticias e sospeitou da traizón tramada polas amizades do monarca. Respondeulle benevolamente dicindo que quería permanecer sempre no seu amor e nunca se apartaría da súa fidelidade, e finalmente prometeulle 300 marcas de prata para aliviar as súas necesidades e despachar os seus negocios. O rei calou longamente e nada respondeu, achando mínimo o agasallo. Ata que por fin, avanzada a conversa, o rei demandou entrevistarse cos seus secretarios —opostos ao arcebispo— mentres este agardaba no coro. Chegaron, pasado moito tempo, os traidores conselleiros do rei coa resposta: demandaban 600 marcas de prata e o dereito de levar preso a calquera cidadán de Santiago. Pediu Xelmírez os nomes dos que irían presos e dixéronlle: don Bernaldum, tesoureiro, Petrum Stephanidem, seu irmán e Gundisalvum Pelagidem, seu sobriño, é dicir, amigos e familiares do señor arcebispo, cousa que el non permitiría de ningún modo. E ante a negativa, o rei mandou que ou entregaba logo 1.000 marcas de prata ou perdía todo o señorío de Santiago. Entón o arcebispo convocou á súa curia para oír consello, que non foi outro que pagase as 1.000 marcas e conservase o señorío. Os seus adversarios foron onda o rei dicindo que aquilo era moi pouco para o que podía pagar o señor compostelán, e que aínda eles estaban dispostos a pagar 3.000 se con iso o rei aceptaba expulsar ao arcebispo do señorío. E finalmente, despois de non poucos tirapuxas, Don Diego aceptou pagar (contra a súa vontade e coa xenerosa contribución dos seus cóengos e outros burgueses de Santiago) as mil marcas demandadas. Mais nun estado de gran tribulación e maior angustia, e antes de que o rei abandonase Compostela, chamouno a capítulo e faloulle de tal maneira: “Señor rei, eu sempre te quixen por amor ao teu avó, o rei Adefonsus de venerable memoria, e ao conde Raymundus, teu pai, e a túa nai a raíña Urraca, e aínda te amo e por iso quero darte recto e san consello. Outros reis, antecesores teus, relixiosos e temerosos de Deus, amaron e honraron este lugar e esta igrexa por enriba das outras de Hispania e enriquecérona con xenerosas dádivas públicas e privadas. Castelos, señoríos, vilas e posesións, vasos de ouro e de prata, cruces preciosas, capas de seda, tapices de seda e ouro e outros adornos e ornamentos foron entregados por eles en servizo de Deus e para a remisión dos seus pecados. E ti non só te negaches a seguir o seu exemplo, senón que arrebatas as esmolas e os beneficios desta igrexa. Nin tes a Deus ante os ollos da túa mente, nin mostras reverencia a Santiago, que está enterrado nesta igrexa. Considera e pondera que porta tan grande ao inferno abriches para a túa alma, considera o teu erro e o crime que perpetraches por instigación diabólica. Se fores sorprendido pola morte en tan gran delito sen te arrepentir e dar satisfacción a Deus e a Santiago, de ningún modo verías a Deus cara a cara, e mesmo nesta vida sufrirás dano no teu corpo debido á divina vinganza. De maneira que acepta o meu consello e arrepíntete de deshonrar a igrexa de Santiago con tan gran inxuria e eméndate coa achega dalgún agasallo ou beneficio.”
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 86.
O prezo da reverencia
A oratoria do vello Diego, coas mesmas fórmulas que usara co seu avó, chegaban agora a ouvidos do neto coma unha lección xa repetida e ben aprendida, mais sen efecto. A súa nai adoitaba suavizar as súas frecuentes extraccións da facenda compostelá con doazóns e regalías. O fillo vai ao grao directamente, e as dádivas que promete, despois de completada a extorsión, son de pouca entidade ou mesmo falsas. Promete enterrarse na igrexa de Santiago e non o fará. Concederalle a Diego a chancelería e capelanía real, e non tardará en arrebatarlle diñeiro para que as conserve. Promételle mesmo o señorío de Mérida… cando marchen os almorábides, claro. Imaxinamos a Diego xa canso para reiniciar a batalla. “Certamente acadar a graza aos ollos dos reis non é senón un don de Deus.” (2.62) Mais aínda tiña mecha para defender os seus negocios coas artes que dominaba. Durante o preito polo castelo de Cira, que lle mercara á raíña por 150 marcas de prata, talvez para borrar da súa memoria que a raíña o tivera alí preso. Morta a nai, o novo rei achou unha nova vía de extorsión e non quería recoñecer a venda. A reacción de Diego demostra que, coma a vara verde, aínda podía dobrar, mais non partía.
De como lle comprou á raíña o castelo de Cira
Coñecida e vista a teimosía e intransixencia do rei, o compostelán, afectado por unha enorme tristura, comezou a matinar e darlle voltas á maneira de amolecer e gañar aquel corazón endurecido contra el e acabar con tanta pertinacia. Entón corrompeu con diñeiro aos cortesáns e achegados. Prometeulle ao meiriño da casa real dez marcas e outras dez ao seu conselleiro, con quen dispuña e consultaba todos os negocios, para que o favorecesen neste asunto e o axudasen a conseguir xustiza. Subornados estes, foi con eles onda o rei tamén con diñeiro e prometeulle cincuenta marcas de prata. E coa axuda e as súplicas dos mencionados fautores, pediu xustiza sobre a gran inxuria que lle fora inferida.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 81.
Tenor do privilexio
Pola veneranda e gloriosa liberalidade e devoción dos meus predecesores os católicos reis e de meu avó Afonso de venerable memoria e de outros, sábese que a igrexa do apóstolo Santiago foi fundada, edificada, enriquecida, exaltada con concesión de múltiples honores e entregada a perpetuidade ao dereito e ao poder dos bispos e cóengos sen ningunha participación ou dominio de ningunha persoa laica. Mais en tempos dalgúns parentes e antecesores meus, estas cousas que foran ben establecidas e ordenadas pola honra de Deus e de Santiago, a causa das guerras e dos malos costumes que se ían introducindo, eran destruídas e os cóengos deste santo lugar e os pobres do seu señorío sufrían gran dano e detrimento dos seus bens e, o que era peor, morto o bispo da sé, o vicario enviado polo rei atacaba todas as posesións da súa igrexa e destruíaas sen compaixón. Por isto eu, Adefonsus, pola graza de Deus Emperador de Hispania, xunto con miña cónxuxe a raíña Dona Berengaria, polas súplicas de Don Didacus, o presente arcebispo e dos seus cóengos, querendo destruír por completo e extirpar os malos costumes referidos anteriormente e seguindo razoablemente os bos exemplos instituídos polos meus predecesores, decretei facer e asinar por propia vontade este firme privilexio para honra de Deus e do apóstolo Santiago, sen a obriga de ningunha necesidade, para servizo de Deus e remedio da alma de meu pai que ten o corpo enterrado honorificamente nesta igrexa e pola salvación da miña alma e a remisión dos meus pecados, pois consta que o meu corpo será enterrado na mesma igrexa, segundo a miña promesa, e por consolo e absolución de todos os meus antepasados, que Deus os absolva misericordiosamente de todos os pecados que cometesen, para que, cando o actual arcebispo Didacus ou calquera dos seus sucesores pague a débeda coa natureza, nin eu nin ningún dos meus sucesores nin ningunha persoa segrar teñamos ningún dereito nin ningunha potestade en toda a igrexa de Santiago ou nos castelos e señoríos que lle pertencen, nin permitamos que ninguén o teña, senón que toda a igrexa e todo o señorío permaneza e continúe, tranquilamente e sen ningún ataque, no poder e disposición dos cóengos desta igrexa ata que sexa feita por ditos cóengos digna, santa e relixiosa elección de arcebispo. E se eu ou algún dos meus sucesores intentar opoñerse ou ir contra esta escritura da nosa institución, sexa excomungado pola autoridade de Deus omnipotente, pai, fillo e espírito santo e do apóstolo Santiago e de todos os santos, sexa anatemizado e afastado de participar no sacratísimo corpo e sangue de noso señor Xesucristo e, con Datán e Abirón, tragados vivos pola terra, sexa enterrado no inferno e teña a súa parte con Xudas, traidor do seu señor, ata que se arrepentir e der oportuna satisfacción; e para todos os que observen isto haxa paz, saúde e alegría, de maneira que aquí reciban o froito da boa acción e ante o severo xuíz atopen o premio da paz eterna. Esta escritura, sancionada e confirmada do referido modo coa nosa autoridade permaneza inalterable por todos os séculos dos séculos.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 92.
O adeus do emperador
A relación de Afonso VII con Santiago foise reducindo conforme comezou a tomar conta de consolidar a fronteira sur. Cando morreu o seu aio, o conde Pedro Froylaz e 1128, xa o novo rei tiña á súa volta unha curia de xente nova de procedencia leonesa e castelá. As súas campañas céntranse en sacar partido do conflito xurdido en Aragón e Navarra á morte do Batallador, e tamén nas incursións pola fronteira sur do seu reino. As súas poucas viaxes a Galicia, por motivo case sempre da cuestión portuguesa na que acabaría por soltar a man, son mostra desa distancia. Demanda sen disimulo as débedas que a igrexa de Santiago debe satisfacer por dereito (chegou a mandar pechar a arca onde se gardaban as dádivas ao apóstolo ata a súa chegada) e xa mesmo xestiona os trámites por medio de intermediarios. Deses anos, os autores preséntannos como un gran logro a concesión do privilexio que o rei concedeu á igrexa de Santiago o 25 de maio de 1128, que acabamos de ler. É un bo exemplo da literatura rexia que debemos examinar co método habitual. Por detrás dunha declarada non inxerencia laica na sucesión da cátedra arcebispal, o que se fai é confirmar a supeditación da igrexa como concesión real, pois é o rei quen outorga, e por unha descomunal cantidade de diñeiro que non se precisa. Xa non se precisan vicarios da coroa cando o arcebispo, se entende ben o que lle din, xa cumpre con ese cometido: calar e pagar.