Da batalla que se fixo en Angos
O bispo e o conde Petrus, cuns poucos dos nobres, dirixíronse dereitos a León como acordaran en Compostela. Cando chegaron ao lugar que se coñece como Fonte de Angos instalaron derredor as súas tendas e pavillóns e, ignorando que o pérfido aragonés tiña ocultos exploradores e trampas no camiño, descansaron aquela noite lonxe de todo temor e durmiron como nunha segura mansión. Non eran máis que 246 entre todos. Cando soubo isto o pérfido aragonés polos seus exploradores, congregou un exército de 660 cabaleiros, vestidos de armadura, e 2.000 soldados a pé con arcos, espadas, fustas e outras armas e, saíndo do seu agocho, dirixiuse ao seu encontro. Os galegos erguéronse pola mañá e sentiron como o ímprobo inimigo se botaba enriba deles. Correron ás armas de inmediato e armáronse rapidamente, constituíron as súas liñas e ocuparon audazmente o campo. Ían presentar batalla con poucos loitadores, un contra dez, cen contra mil. Mais cando viron chegar de lonxe os feros rostros dos seus inimigos, comezaron a avanzar pouco a pouco contra tan numeroso exército e, en chegando onda eles, coas lanzas vibrando nos fortes brazos, os veloces cabalos urxidos pola esporas, atacaron a primeira liña cunha terrible acometida. Fixérona caer á terra e feriron a case todos. Morreu alí unha non pequena cantidade de aragoneses. Seguiron loitando e derrubando inimigos virilmente, e penetraron na inmensa turba das cohortes de cabaleiros e innumerables soldados. Fatigados pola batalla, rodeados por todas partes de po e de inimigos, feridos polas costas, polos lados, non puideron defenderse do ímpeto da fortuna. E así algúns morreron na sanguenta batalla, e outros foron capturados non sen moita efusión de sangue. O animoso conde Petrus, que irrompera no medio das liñas inimigas,despois dunha longa e acérrima loita contra os inimigos, preferiu ser capturado batallando antes que abandonar deshonrosamente o campo. O conde Fredenandus morreu naquela batalla, xunto con outros moitos. Cando o bispo soubo que a fortuna da batalla caera da parte contraria, máis temor e coidado mostrou polo rei que acababa de unxir que pola súa propia persoa. Non só temía a súa morte ou captura, senón tamén a destrución de toda Hispania. Entón, con solerte estudo e prudente industria, tratou de sacar ao neno emperador do perigo da gran batalla e restituírllo san e incólume á súa nai, a raíña dona Urraca, no forte castelo de Orzilione (que está en Castella). El volveu á cidade de Astorga, onde durante tres días recolleu a todos os que puido que viñan da batalla e regresou a Compostela nunha longa viaxe. E alí encontrou que non só a cidade estaba perturbada pola noticia da infortunada batalla, senón que toda Galicia se axitaba por tantos desastres e conflitos bélicos, que xa desesperaba de recuperar a paz perdida. Entón o bispo convocou a todos os próceres de Galicia e obrigounos con firme e seguro xuramento a que prometesen obediencia e fidelidade á raíña a ao seu fillo e así reformou a tranquilidade e a paz en Galicia.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 68.
Batalla campal
O relato da batalla de Angos fáinola ver. A expedición dunha pequena cohorte armada. Os señores que levan aos seus criados, os carros que seguen aos cabaleiros coas tendas, armas, comida, agua. Saen dos Alpes de Galicia e acampan na chaira. Os exploradores venos de lonxe. As tropas inimigas van acudindo ao encontro. Tal vez non sexan tan numerosas como nos contan, pero teñen a vantaxe do territorio. O campo é chan, lóitase cara a cara, sen amparo de defensas ou posicións vantaxosas, nunha nube de terra seca en suspensión. Ata a morte do conde Fredenandus ou a rendición do conde Petrus. Ou a fuxida de Diego, que volve escapulirse.
Urraca toma a iniciativa
Pequena como foi, as consecuencias da batalla de Angos podían ser moi graves. Non se deu en León a confirmación do novo réxime. O conde de Trava preso, Diego de volta co rabo entre as pernas cunha caravana de feridos, as tropas aragonesas ás portas de Galicia e or reis, nai e fillo, agochados nun remoto castelo. Non puido dar en nada o xuramento de paz e fidelidade que Diego esixiu de todos logo do seu regreso a Santiago. Se algo aprendemos na Historia Compostelá é que, onde hai un xuramento, hai un problema sen resolver. Non había goberno, nin en Galicia nin en León. Volvera o caos inicial. O que sucedeu a continuación foi a sorprendente determinación con que Urraca tomou conta do asunto. Deixando ao seu fillo escoltado, iniciou un percorrido por León e Asturias recadando fondos e adhesións. Chegou a Galicia na primavera do ano seguinte. Escenificou publicamente na catedral a súa total adhesión á coroación do seu fillo prostrándose ante o apóstolo. Fixo rendibles negocios coa igrexa de Santiago. Foi reunindo un pequeno exército co que puido domear e prender a Arias Pérez e ao resto dos desafectos galegos e foi quen, finalmente, de crear pouco a pouco unha forza unificada coa que desafiar en serio a Afonso I de Aragón. A súa campaña conseguiu facelo retroceder e asediouno en Burgos ata a súa rendición. O reformado exército galego, xa con Pedro Froylaz liberado, unido ás outras tropas de Urraca, xogou un importante papel. Mais tamén lle advertía á raíña que aquel esforzo militar tiña unha finalidade, e que o acordado non incluía novas manobras políticas ou negociacións e reconciliacións co inimigo. Isto foi o que lle dixeron á raíña —por instrución de Diego, claro— os emisarios do exército galego que chegou a Castela, por volta de 1113, para axudar a Urraca na súa loita co aragonés:
Da expedición dos galegos e das maquinacións da raíña
“Quen non compensa con grazas ou cunha retribución a quen o merece segundo é xusto, está pedindo que lle neguen auxilio en tempo de necesidade. Quen é tan demente para inculpar a quen lle fai beneficio? Quen retribúe odio a cambio dun obsequio? En verdade, raíña, desde que o rei aragonés comezou a inquietar o reino de Hispania, que o nobilísimo rei A. vos deixou a ti e ao teu fillo, os galegos permaneceron máis ca os outros fielmente da vosa parte e, sen atender ningún ímpeto de discordia, foron constantes contra a rabia dos inimigos. Pois como os casteláns, os leoneses e os de Campos e mesmo a numerosa xente de Extremadura cesaron e, seguindo os favores da fortuna, propuxeron para eles ao tirano aragonés como rei, os galegos supeditaron indefinidamente a súa fiel obediencia a ti e a túa ínclita prole, e moitas e máis graves cousas sufriron. Para que referir o que aconteceu en Fonte de Angos, cando atacaron con admirable audacia as innumerables liñas do inimigo aragonés? E despois, cando o aragonés asediou aos galegos en Astorga, eles destruíron o seu cerco e asediaron eles mesmos ao aragonés en Carrión e tivérono cercado moito tempo, como é sabido por todos. E aínda máis: cando oíron que o aragonés saqueaba e devastaba Castela, Campos e arredores, e que abastecía de armas e diñeiros os castelos, atendendo as súplicas dos teus mensaxeiros, reuniron un exército para viren no teu auxilio e do teu fillo, felices de verteren o seu sangue na defensa do reino. Mais é certo que despois souberon que dabas aquiescencia a delatores e nugalláns, e pouca consideración tiñas pola milicia que ata daquela fora a protectora de todo o reino. E que converteras en culpas a súa obediencia e loanza e, como retribución aos seus méritos e beneficios, ameazabas con privalos dos seus señoríos e levalos presos. Ante isto eles retraen os pés do camiño encetado e non queren recibir mal por ben. Queren regresar a Galicia e defender o seu reino e a si mesmos, sendo fieis ao teu fillo e a ti. Polo demais, despois de que regresen, xa non van atravesar os Alpes de Galicia para viren aquí en expedición. Dicimos isto por todos eles e non dubides de que o levaremos a efecto se non entras en razón. Porén, o teu pai, o nobilísimo rei A., cando convocaba á guerra aos cabaleiros galegos, ástures, casteláns ou de calquera outra parte do seu reino, a uns outorgáballes honores, de outros captaba a benevolencia. Anoxábase el con eles, que en nada o anoxaran e cumprían todo o que el mandaba? De ningunha maneira.”
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 84.
A virtuosa forza de Galicia
Neste sermón, coas súas doses de paternalismo e desprezo de Urraca por ser muller, Diego preocúpase por clarificar que no seu proxecto monárquico á vella usanza, con Afonso VI como modelo, os galegos son os máis fieis e os primeiros. E explica tamén en que consiste ese concepto de monarquía hispánica que defende. A construción que se presenta é política, non territorial. Os galegos (ou sexa, Diego) teñen claro o que queren, e defenden o que propoñen: están dispostos a colaborar cos demais pero, se o proxecto non discorre segundo os seus principios, volverán ao seu reino, Galicia, e non pasarán de novo os Alpes galegos para interviren en aquilo que non lles corresponde. Habería que definir, obviamente, os fundamentos dese proxecto de monarquía hispánica e non nos corresponde a nós facer disquisicións sobre a natureza do feudalismo ou sobre o poder orgánico, nin tampouco especular a futuro sobre a configuración política da península. Parece evidente que neses anos están aparecendo iniciativas territoriais (Castela, Portugal) nas que podemos previsualizar futuras evolucións. Mais neste presente do século XII, neste texto, o que nos chega é unha conciencia política restauradora dunha vella orde coa auctoritas da igrexa e a potestas da monarquía, e dá igual de onde sexan e onde estean os seus representantes. Deféndese un espazo común, o noso, o antigo, e non transloce como asunto propio un ideal reconquistador. Os acordos feudatarios son persoais, cun ou cunha monarca en concreto, e deben ser renovados e confirmados (ou non) cando o propio trono se renova. Entrementres, na nosa terra defendemos o noso e, se aos demais non lles gusta, alá eles. Xelmírez e Froylaz están ao tanto do mundo e os seus mecanismos, e están dispostos a seren os representantes do poder establecido, mais a súa perspectiva está enraizada na realidade local do reino galego no que naceron e viven. Non é de estrañar a fascinación que causan en calquera que se interese pola historia. Aínda que á imaxe mítica dos exércitos galegos que transmiten os panexíricos da Compostelá, tinxidos dun ardor patrio pouco habitual por estes pagos, igual habería que baixarlle unhas décimas:
Da rendición do castelo de Burgos e regreso dos galegos
Transcorridos os quince días estipulados, os aragoneses fanlle rendición do castelo á raíña. Oh, canta e que preclara gloria militar lles trouxo aos galegos aquel día en que o belixerante aragonés cedeu ante eles! E moito máis preclaro e gozoso foi que a virtuosa forza de Galicia defendese Castela cos seus cabaleiros do ímpeto do inimigo, obrigando a que os aragoneses fixesen rendición do castelo. Que vergoña! Os casteláns necesitan a forza de outros e os galegos protéxenos coa súa audacia. Que farán os medoñentos cabaleiros cando o exército galego, o seu muro e escudo, se retire?
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 90.