Saltar ao contido

Divina clemencia

Empezan os decretos para protexer aos pobres de Didacus II, bispo da igrexa de Santiago

Eu Didacus II, por disposición da divina clemencia, co consello dos xuíces canónicos da igrexa de Santiago e doutros nobres varóns, logo de reler os estatutos dos predecesores, constitúo e confirmo estes decretos para protexer ao pobo e dotar dunha norma de xustiza a todo o señorío de Santiago, excepto a urbe compostelá e os outros burgos onde conflúen os que veñen de fóra, para quen non é válido observar estes estatutos.

  1. Das igrexas
    Comezando pola cabeza, ordenamos que ninguén irrompa nos termos das igrexas ou entre nelas violentamente.
  2. Das casas dos nobres e da xente común, dos embargos e da execución das multas
    Nas casas dos nobres onde estiveren inermes as súas mulleres e fillos, negamos licenza de embargo aos vicarios ou calquera outro. Nas casas dos outros mandamos observar o mesmo agás por furto ou homicidio ou violación de mulleres, o que vulgarmente se di rapto, ou por causa do tributo cuadraxesimal.
  3. Dos xuíces
    As causas sobre herdades e igrexas non se definan senón polos próceres e xuíces da sé apostólica.
  4. Das multas aos pobres
    Pobres e imbéciles paguen multas misericordes, de maneira que non foren privados por completo dos seus bens.
  5. Dos traidores e asaltantes
    Ninguén ouse protexer ou defender traidores e asaltantes. E quen o fixer pague as multas e danos que os protexidos merecen.
  6. Dos ladróns
    Ladrón convicto ou preso tres veces reo de furto, lévese a exame dos príncipes da terra e os xuíces.
  7. Dos cuños
    Mandamos facer os cuños diante de toda a igrexa reunida ou en público concilio, de outra maneira non valen.
  8. Da fosadeira e da luctuosa
    Os que sosteñen o xugo da condición servil ou pagan o tributo cuadraxesimal están libres de pagar fosadeira e luctuosa se viven nas herdades de pais e parentes.
  9. Do día domingo
    No domingo prohibimos aos labregos iren negociar á cidade.
  10. Das sentenzas e outros escritos
    Sentenzas e outros escritos dos xuíces, arcediagos ou arciprestes do lugar, fáganse por clérigos auténticos.
  11. Das causas dos pobres
    Se un poderoso quixer tratar e definir unha causa contra un pobre, poña persoa similar que defenda a súa causa, non sexa que a maxestade de algún sufoque a xustiza do pobre.
  12. Da coresma
    Nos días da coresma prohibimos facer cuños, definir causas de delito, exercer xustiza, dar fosadeira agás en caso de magna necesidade, ou furto, rapto, homicidio e tributo cuadraxesimal.
  13. Que as causas de faltas se discutan nas Calendas
    O día das Calendas reúnanse arciprestes, presbíteros, cabaleiros e rústicos como era costume dos nosos antecesores, e se xurdir querela ou inxuria, examínese e eméndese polo arcipreste e o resto de discretos varóns.
  14. Das causas que se tratan na sexta feira
    Nas sextas feiras de cada semana, portas adentro do palacio pontifical, preséntense e dirímanse querelas ou inxurias na presenza do pontífice, os xuíces e os cóengos.
  15. De escorrentar os lobos
    Cada sábado excepto Pascua e Pentecoste, presbíteros, cabaleiros e rústicos, inmunes de calquera outro asunto, persigan e escorrenten os lobos e prepárenlles precipicios, que o pobo chama foxos. Pague cada igrexa sete chuzos de ferro.
  16. Dos vicarios
    Cabaleiros e persoas principais nomeen vicarios de maneira que, se actuaren contra os decretos da xustiza, teñan de onde pagar as multas das súas faltas.
  17. Dos salteadores
    Aquel que prenda un salteador, entrégueo ao vílico da súa terra e teña a terceira parte do que o vílico lle saque.
  18. Que non se arrample coas cousas dos mortos
    Cando alguén pague a débeda coa natureza, permanezan íntegras e inalteradas as súas herdades e bens tal como el as deixou.
  19. Que os domingos non teñan licenza os saións para embargar
    Desde a nona do sábado ata a prima do luns, non teña licenza ningún saión para embargar, agás a homicidas, ladróns, violadores de virxes, raptores e traidores. E se alguén de patria estranxeira pedir xustiza nese tempo, teña xustiza.
  20. Non se fagan xuntanzas nas igrexas
    Prohibimos que na igrexa ou nos seus termos se fagan xuntanzas de saións ou congresos de cabaleiros.
  21. Non sexan clérigos os vílicos ou pedagogos dos laicos
    Os clérigos non oficiarán de vílicos dos laicos nin de educadores dos seus fillos, nin serán deshonrados por persoas leigas, nin se tomarán os seus bens.
  22. Das cousas dos cativos
    Os bens dos capturados polos mouros consérvense íntegros e intactos por un ano enteiro para que, se acaso puideren redimir o seu cativerio, poidan recuperalos.
  23. Dos mercadores e peregrinos
    Mercadores, romeiros e peregrinos non sexan embargados. Quen así fixer, pague dobre do que apañou, sexa excomungado e pague 60 soldos ao dono daquel señorío.
  24. Dos clérigos
    Non paguen fosadeira os clérigos. Vetamos que se embarguen abades e clérigos que veñan ao sínodo ou traian o voto ou as terzas.
  25. Das medidas
    Prohibimos vender ou mercar na cidade ou fóra dela por outra medida que non sexa a da pedra que está no campo de Compostela. Quen fixer doutro xeito sexa excomungado e pague 60 soldos ata que se arrepinta.

Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 96.

Diego lexislador

É unha constante da obra a gabanza do desempeño de Diego tanto nos asuntos relixiosos coma nos seculares. Á autoridade que ostenta como vicario de Deus súmaselle a potestade secular en todos os ámbitos, que desempeña por concesión real. Os decretos que dá para a terra de Santiago no ano 1113, dos que ofrecemos apenas o encabezamento, son unha breve mostra para iluminar o estado da xustiza naqueles días e os novos aires reformistas da época que Diego representa. Talvez habería que empezar aclarando que nos prematuros reinados cristiáns a inicios do século XII nin había un marco xurídico xeral establecido, nin existía o equivalente a unha administración do estado que fixese posible a súa aplicación. As iniciativas lexisladoras son de carácter moi local (foros, decretos, ordenanzas, pregóns e estatutos que se aplican en espazos coutados) e a aplicación da xustiza lévase a cabo polo persoal designado peculiarmente en cada un dos lugares. O brazo executor a pé de rúa das querelas e denuncias, composto por meiriños, arciprestes, vicarios, vílicos e os deostados saións locais, daba lugar a arbitrariedades e iniquidades. Nestes propios decretos vemos que as varas de medir poden ser diferentes en función do ámbito: non é a mesma xustiza a do suburbio compostelán que a da cidade ou os burgos de estranxeiros. Dos 25 decretos, a maioría ocúpanse dos modos de aplicar xustiza e mostran unha especial protección coa cuestión relixiosa. Vemos vestixios da lexislación que perduraba do pasado case como costume do pobo: a lex visigothorum. O tratamento de roubos, asaltos e violacións, dos ben dos mortos, o costume de ventilar disputas nas calendas, a primeiro de mes, o deber de escorrentar os lobos e o control local das medidas, manteñen ese carácter consuetudinario que vén de vello. As novidades, no que se refire á consideración aos pobres e certo control na execución das penas, mostran unha intención lenitiva e de equidade social. Mais en última instancia sempre quedaría na cúspide da xerarquía xudicial a presenza do pontífice cada venres no palacio episcopal para dirimir canonicamente calquera instancia. O pecado e o delito estaban tan unidos como o bispo e o xuíz supremo, como o milagre e o perdón. Non son novos impostos como a fosadeira (a obriga de pagar en troques do esixido servizo militar) ou a lutuosa (doazón preceptiva a entregar na morte dunha persoa), si é nova a especial protección a pobres, e sobre todo a comerciantes e peregrinos, motores do crecemento da cidade. E no grupo dos títulos que tratan de causas eclesiásticas, se empezamos pola cabeza, vemos reflectido o programa reformista que persegue independizar a igrexa dos poderes laicos (non se asaltan igrexas, non se fan reunións nelas, a inmunidade dos domingos e outras datas do calendario cristián) e conferirlle un estatuto especial de cidadanía aos clérigos (son os que poden facer escrituras públicas, non deben ser empregados polos leigos), mostra da continua pugna entres os poderes civil e relixioso tamén no ámbito local. É importante subliñar que moitas das igrexas rurais eran propiedade de laicos, construídas por eles. Eran un ben inmoble que podía ser doado, herdado ou mesmo vendido. A liberación das igrexas das mans dos leigos formaba parte do programa reformista. O modelo é o proposto por Cluny, referencia dos papas bieitos que dominan o tránsito do século XI ao XII. A meta é a libertas ecclesiae, a autonomía dun estamento relixioso que, por outra parte, non renuncia a regular a vida social segundo os seus principios como única voz autorizada para modelar a sociedade cristiá.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario