Saltar ao contido

Discordia e reconciliación

Da discordia e reconciliación do bispo e a raíña

Entre o bispo e a raíña comezou por ese tempo a pulular a faísca da discordia. Como os galegos son especialmente adoitos ás murmuracións e a instilar nos ouvidos dos príncipes unhas veces verdades e outras mentiras, os continuos murmurios comezaron a afastar ao bispo da raíña e á raíña do bispo. E así a raíña decidiu ir a Galicia para reconciliarse co bispo. Sabía que polo bispo podía ben conservar o reino de Galicia, ou ben perdelo. Porque a cabeza e o espello de Galicia é o bispo, e a igrexa de Santiago, e nel están postas as esperanzas deste reino. Despois de que a raíña, por medio dos seus duques, condes, vizcondes e marqueses, se reconciliou co bispo, alegre pola boa fortuna da súa chegada, entregoulle ao bispo, anhelante por aumentar os honores de Santiago, as Termas (Caldas de Cuntis), que daquela eran de xuro real, e deulle o escrito do privilexio asinado por ela que aínda hoxe se conserva no arquivo da igrexa de Santiago. Despois, a raíña foi á Limia para reprimir a soberbia de Menendus Nuniz que, rebelde contra ela, devastaba aquela terra. E, feito iso, volveu a Luparia.

Da maquinación da raíña contra o bispo e da súa reconciliación

Entrementres algúns cómplices malos, émulos, maledicentes, máis amantes da discordia que da paz, non cesaban de instilarlle á raíña que capturase ao bispo e que lle quitase o poder e a honra. O ánimo da muller é enfermo e inestable e axiña se desorbita. Como xa está escrito: mellor é iniquidade de varón que beneficio de muller. O ánimo da raíña xa vacila, xa se prepara para perpetrar a maldade, maquina moitas maneiras de capturar ao bispo e dispón lazos para facelo. Mais non ousaba meterlle man a tan importante varón, nin podía, sen o auxilio dos poderosos de Galicia. Enviou mensaxeiros ao conde P. Froylaz e pediulle a súa participación. Prometeulle unha parte do señorío de Santiago como prezo por aquel crime. Mais el de ningún modo faría algo así. O conde era de verdade un home temeroso de Deus, aborrecía tanta maldade e negouse a poñer a súa man enriba do señor de Cristo. Tiña medo de facerse cómplice daquela nefanda traizón. Era o conde moi poderoso, aio do fillo da raíña Urraca e compadre do bispo, unido a el por unha alianza de suma dilección, pois era con el que facía a confesión dos seus pecados. E por iso, por medio de Ioannem Vistruariz, cidadán de Santiago, reveloulle ao bispo toda a maquinación da nefanda traizón e advertiuno de que se coidase do lazo da iniquidade. Preparábase a futura captura do bispo ou en Iria ou en Compostela. O bispo, horrorizado, non podía darlle fe ás voces que lle contaban aquela maldade. Volveu de Iria a Compostela para revelarlles aos cóengos e aos cidadáns os lazos do ruín propósito. Convocou a uns e outros próceres seus e contou en público o nefando consello da muller. Decidiuse que fose protexido por un grupo de cabaleiros e soldados para impedir os plans da muller. Chegou a raíña a Iria e, aínda que el xa sabía toda a maquinación, moi prudente e sabiamente, mandou que a servisen. Menos firen as lanzas que se ven chegar. Pois se o bispo non previse o dolo, facilmente caería no engano. Mais a raíña, cando comprendeu que o bispo se decatara da maquinación da súa fraude, e que xa non podería levar a efecto o que quería, arrepentiuse. Arrepentíase de escoitar aos murmuradores, detestaba aos cómplices de tanta maldade e, na medida do que puido, extirpou a fama do crime. Afirmou en público con xuramentos que ela nin trazara aquilo nin o quería. Intentou que lle tivesen fe chorando e detestando e odiando un crime así. E, finalmente, regresou a Compostela. O bispo evitaba ter coloquio con ela, mais aínda así mandou que a servisen con honores. Escoltado polas armas, evitou por dous e tres días falar con ela. Mais por fin, amolecido polas moitas súplicas, foi falar con ela no coro da igrexa de Santiago, na presenza de moitos, que eran na maior parte soldados armados do bispo, pois tiña moito medo dela.

Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 107.

Asexo e artimaña

O reinado de Urraca na Compostelá case podería resumirse ao duelo que mantén con Xelmírez. Un xogo de caza no que se suceden os releos, os pactos, as promesas e as traizóns. Nas frecuentes visitas a Galicia, a raíña procura inicialmente o cara a cara con Diego, no que resolve a súa insolvencia económica con algún negocio. Con Diego, de negocios sempre se pode falar. Mais, rematada a transacción, comeza o asexo. O exercicio da monarquía consiste nunha compulsión sistemática: establecer a xerarquía, aumentar o poder. E parece que o poder de Diego durante a campaña de Burgos se ergueu como unha sombra incómoda capaz de mudar os designios da raíña. De outro modo non se comprende a súa constante necesidade de poñer a Xelmírez no seu sitio e afirmar a súa autoridade. Os episodios da súa persecución son moi divertidos. Nesta ocasión saíulle mal e tivo que saír do paso cun xuramento pactado para o que nin atopou confirmadores, e Diego aproveitou para dicir que así o xuramento non valía, a lealdade fica suspensa. Xa sabemos que Diego tende a escapulirse coma o peixe que chimpa cando xa o tes na man. Así e todo, no resultado global do seu duelo, parece que Urraca, que chegou mesmo a telo preso, conseguiu rebaixar a capacidade de acción de Diego cos seus intentos de dinamitar a fidelidade das alianzas do bispo e mesmo de sementar a desafección na cidade e no capítulo catedralicio, con consecuencias que non tardarían en estalar. A primeira delas foi que o seu fillo, apenas cumpriu os dez anos, xa comezou a mostrar maneiras e manifestar aspiracións moi dignas da súa familia.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario