Doutros nuncios e da bendición enviada ao Papa
O bispo de Porto permanecía na curia do Papa agardando a que a igrexa de Santiago enviase a bendición para o Papa e os cardeais. Xa tiña a mencionada arca de ouro con cen morabetinos e os cincuenta soldos de Poitiers e outros cen morabetinos que levara el para dar. Mais para complementar esta bendición faltaban duascentas sesenta marcas de prata. Reunidos en consello o bispo e os cóengos, acharon ben tomalas do tesouro de Santiago. De maneira que, co coñecemento duns poucos, desarmaron unha mesa redonda de prata, que a xente chama intremissa, que fora de Almostain, rei dos sarracenos, da que saíron sesenta marcas de prata; e tamén unha cruz de ouro, unha casulla de ouro que o rei Ordonius lle dera a Santiago, e unha coroa de ouro, para dar en complemento da bendición e facer o envío. E como todo isto non era suficiente para completar as duascentas sesenta marcas de prata, o propio bispo engadiu sesenta marcas súas. Pero mandar tantas cousas valiosas requiría un sutilísimo enxeño. Naquel tempo atracara no castelo de Oeste unha nave duns comerciantes normandos, que levada polo vento, sucara o océano dos agarenos e procuraba volver a Normandía. O bispo simulou enviar o diñeiro por estes comerciantes. Sabio consello, pois a xente galega devece por saber ese tipo de segredos, e poucos son os que gardan fielmente o que se lles conta. Por iso foi boa decisión publicar unha cousa e facer outra. Parten os normandos e a fama, que ás veces divulga ficcións, asegurou que o bispo mandaba diñeiro por barco a Normandía e de Normandía a Cluny. E así foi enganada a dolosa intención dalgúns dos nosos cóengos, pois se soubesen como ía ser a cousa, dirían todo rapidamente como a auga escoa polas fendas. Finalmente, como moitos galegos, aceptada a cruz, marchaban a Xerusalén, o bispo, varón de perspicacísimo enxeño, confioulles o transporte do diñeiro a P. irmán arqueiro e P. Ioannide, que despois sería feito cóengo noso, os dous moi espelidos e polifacéticos (articulosis & versipellibus). E eles, co consello e advertencia do bispo, distribuíron entre a expedición, a modo de penitencia, a un dez onzas de ouro, a outro oito, a outro cinco, e así o resto, con promesa de fidelidade. Tantas onzas de ouro levaban, tantos anos de penitencia lles absolvían. Oh, que sutilísima e perspicacísima disposición do enxeño! Así pasaron indemnes polo reino do tirano aragonés e levaron o diñeiro ata Montpellier (Montem Pesulanum). Alí recollérono uns monxes cluniacenses, como fora acordado, e levárono a Cluny. Alí encontráronse con Pons o abade de Cluny, o bispo do Porto, e o camarlengo do Papa Callixtus, Stephanum de Besançon (Bisontio), que recibiu o diñeiro.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 16.
A obtención do arcebispado
En 1118, curtido xa por un longo episcopado de case vinte anos de guerras e perigos, Diego concéntrase intensamente na obtención do arcebispado. Tan intensamente, que emprega todos os recursos e persoal de que dispón nese único obxectivo. O inicio do segundo libro, nos primeiros vinte capítulos, recolle pormenorizadamente eses trámites nun ciclo narrativo sen interrupcións, con plena implicación tamén dos membros do scriptorium compostelá, que participan activamente na aventura e non falan doutra cousa. Contan os autores dous motivos para trasladar todos os ovos a unha única cesta: a chegada ao papado do receptivo Giovanni Gaetani como Gelasius II e o descreto da sé bracarense polo escándalo Burdinus. Diego decídese daquela a reclamar en Roma a transferencia a Santiago do arcebispado de Braga. A cousa había chegar a porto de maneira diferente, o interesante é como.
Bendito diñeiro
Diego está encantado con Giovanni. É varón moi válido, aínda que teña que andar fuxido en Clermont por culpa de Henricus V e o antipapa Burdinus. Non só reformou o aparato administrativo e diplomático do papado, senón que escribe moi ben as cartas. Cando menos, Diego entende perfectamente a carta do capítulo 2.7 na que di que non fai falta que vaia onda el, pois recoñece as altas responsabilidades que llo impiden: todos os asuntos do reino dependen das túas mans (illius regni negotia in manibus tuis pendent), e se despida dicindo aquilo de que os amigos e os médicos se proban na necesidade (amicus & medicus in necessitate probantur). Diego interpreta, correctamente, que é hora de falar de negocios. Lástima que a morte viñese estragar os negocios con Gelasius, Deus o teña na gloria. A sorpresa non deixou de ser unha boa noticia para Diego, pois o seu sucesor, Guides de Vienne, Callixtus II, o irmán de Raymundus de Borgoña que Diego coñecía ben, era coma da casa e non tarda en manifestar que el tamén está moi a prol das aspiracións compostelás. E sería Callixtus finalmente quen rematase outorgando a transferencia da sé de Mérida (e non Braga) coa que Diego acadou o seu arcebispado. O interesante de todo o revirado proceso, cheo de perigosas viaxes, disfraces, enganos, atracos e situacións picarescas é, por unha parte, a eficiencia da rede de cóengos embaixadores coas que Diego satura a curia nun ir e vir constante; e por outro a candidez coa que se detalla o prezo xusto da transacción. Lemos na mostra do capítulo 2.16 que ofrecemos aquí, na última fase do negocio levada a cabo polo afouto Hugo do Porto, un dos máis leais dos seus servidores, que falta unha benedictione de exactamente 260 marcas de prata para completar a transacción. Bendito diñeiro que permite cuantificar con tanta exactitude a dignidade arcebispal! E sabemos que con Diego polo medio, por cartos non había ser. Ben sabía el o que valen os cartiños. Por iso intentou facer pasar por boa a tal arca de ouro, que ao final resultou ser de prata por dentro (2.20). Mais Stephanum, o camarlengo do papa, que parvo non era se levaba os negocios de Roma, cachouno e reclamou o ouro prometido. Unha lástima. Uns polos outros, coidado con eles.
E desde aquel día chamáronlle arcebispo
A custosa consecución do arcebispado en 1120 non foi a única regalía que Diego acadou en Roma por intermediación dos seus diplomáticos cóengos. Tamén logrou a legacía sobre as provincias emeritense e bracarense, o que lle permitía consagrar bispos e convocar concilios. Tampouco parou aí a constante transferencia de capitais para retribuír os favores concedidos. Roma estaba feliz, Compostela era unha mina. En todo caso, abríase unha década na que Diego acadará o cumio do seu poder (aínda que seguía aspirando a máis, supostamente á primacía hispánica). Na esfera política, os problemas non desapareceran, nin moito menos, mais xa estaba lonxe a turbulenta axitación da década anterior. Cos novos poderes e a protección de Callixtus II, Diego, como diría o vulgo, subiuse un pouco á parra (a unha daquelas parras que seica medraban no interior da catedral románica). Comezou a asumir unha grandilocuencia un pouco urbi et orbi pola que foi reprendido pola monarquía e o papado, que el capeou como ben puido coa súa habilidade financeira. Mais a que non lle permitiu que lle tusise foi a Bernardus de Sédirac, o veterano arcebispo de Toledo, con quen escorneou bastante, talvez porque os dous personaxes non eran tan diferentes no fondo.