Saltar ao contido

Diego taumaturgo

De como o señor o librou das mans dos sarracenos cando era novo

O arcebispo compostelán fuxiu de moitos e moi difíciles e angustiosos trances pola destra do poder de Deus, episodios que considero oportuno traer á memoria nun único capítulo, non quero que a miña pluma sexa acusada de preguiza. E así, cando aínda era administrador do señorío de Santiago, antes de ser bispo, foi en campaña co conde Raimundus e cos mellores de Galicia para extirpar a perfidia dos xentís. E preto de Lisboa, os campamentos dos cristiáns víronse totalmente rodeados por unha inmensa multitude de combatentes sarracenos. Canta xente incrédula reunida, cantos batallóns de bárbaros congregados para a perdición dos cristiáns! A uns matábanos, a outros levábanos presos, mais el, inerme, protexido pola destra do omnipotente, evadiuse libre e incólume da saraibada de dardos, de tanta efusión de sangue, das mesmas mans dos sarracenos; pois tiña na boca e no corazón as palabras de David: Dominus eripuit me de medio inimicorum meorum, o señor sacoume do medio dos meus inimigos.

Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 53.

De cando caendo outros da obra de Santiago el permaneceu incólume no seu asento

Pasado non pouco tempo, cando xa era bispo, un día estaba sentado nunhas madeiras no alto da igrexa de Santiago, aínda en construción, rodeado por unha copiosa multitude. Estaba impartindo xustiza e, entre outras causas, discutíase o caso dun cabaleiro acusado de furto (pois sempre considerou noxentos aos partícipes desa ruindade e pretendía extirpar de entre os galegos ese modo de facer acopio). Entón, cando levaron a dito cabaleiro ante o bispo para oír a causa, de súpeto viñeron abaixo as táboas e con elas o pobo enteiro. Víanse uns medio mortos, outros coas pernas e os brazos partidos logo de caeren de tan gran altura. Pero o bispo, pola divina graza, ficou suspenso no aire na única madeira que non cedeu. Baixárono de alí a un pouco, logo de iren buscar escadas e sogas e, ante a admiración de todos, resultou ileso de tan grande perigo. E trouxeron de novo ante el aquel cabaleiro acusado de furto, malferido, coa coxa e a tibia rotas. “Isto é obra da vinganza divina,” dixo o bispo. “Eu quería castigarte polo delito de furto, mais Deus, o xuíz máis xusto, xa exerceu a súa sentenza. Despois da xustiza divina, xa non serás flaxelado polo xuízo humano. Está escrito: Non judicabitur bis in idipsum, non se xulga o mesmo dúas veces. Agradezamos ambos a inefable magnificencia da decisión de Deus: a min conservoume ileso en tanto perigo coa clemencia dun pai piadosísimo; a ti feriute para que doravante corrixas a maldade que empezaches. Máxima é a piedade de Deus, máxima a súa paciencia, que non quere que morra ninguén e que todos os homes se salven.”

Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 53.

Os milagres de Xelmírez

Ademais de adoito a escapulirse do perigo por medio dos seus poderes transformistas, os autores das súas xestas tamén ensaian un remedo de miracula onde nos presentan a un Diego auspiciado pola protección da providencia sobrenatural. Líbrase milagrosamente de todo tipo de situacións: do derrubamento dunha igrexa, das frechas dos sarracenos, das lanzas aragonesas na batalla de Angos, da queima dos insurrectos composteláns, da prisión dos seus inimigos e mesmo das garras da pérfida Urraca, e todo pola intercesión divina por tan venerable varón, custodio do apóstolo. Ben lle cumpría o amparo desde as alturas ao polifacético Diego dos mil empregos, o brazo executivo, lexislativo e xudicial da sé apostólica: o bispo, o guerreiro, o político, o orador, o negociante, o xuíz, o lexislador, o construtor, o pastor de rabaños, o armador. Por arte de maxia, Xelmírez tiña tempo para todo.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario