Da probidade e sabedoría do rei Adefonsus e da paz no seu reino e do xuramento dos galegos en León a Adefonsus, fillo do conde Raimundus, aínda neno
Este rei, conspicuo pola virtude dunha extraordinaria santidade e admirable pola capacidade do seu fervente enxeño, castigou o lombo dos seus inimigos con duros ataques e asiduas incursións. Sabémolo sen dúbida porque puidemos ver en persoa os lugares que a súa invicta espada liberou do poder dos ismaelitas. Evacuou de vez o reino de Toledo, Castela e as cidades, castelos e fortalezas alén do río Douro, da cultura dos xentís, adoradores de vans deidades, e profésase agora alí a relixión cristiá. Esforzouse de verdade por construír neses lugares igrexas que, unha vez consagradas, someteu ao culto divino. Na rexencia dos súbditos, aínda sendo poderosísimo, mostraba tanta discreción, sabedoría e humildade que apenas pode ser descrita polo enxeño humano. Non se recreaba no cumio da súa singularidade, senón que en si mesmo contemplaba a condición de igualdade. Sabía que se desprezaba os súbditos, iguais a el por natureza, ou non os rexía como é debido, ofendería de todos modos ao reitor de todas as criaturas, baixo quen todos son iguais. Esixía aos súbditos a debida potestade con xustiza e moderación e vivía pacífico entre eles, e iso mostrouse abertamente despois da súa morte pola ruína da nobreza e as moitas guerras subsecuentes que xurdiron. Este rei, cando o seu xenro o conde Raimundo foi levado da luz presente e o seu fillo, que aínda non tiña tres anos, foi presentado ante el, conmovido o seu corazón piadoso e misericorde, dirixiulle estas palabras a todos os nobres, cónsules e príncipes galegos que, chamados por el, acudiran a León acompañando ao neno:
“O pai deste neno tivo o goberno e a xustiza de Galicia. E vós tivestes del dereitos e señoríos mentres viviu. Agora que é morto, aínda os tendes, e declárovos servidores do seu fillo, meu neto, sen dúbida algunha. Concédolle a el toda Galicia se a súa nai Urraca quixer tomar varón. Doravante non lle esixo ningún obsequio para min. E para que teñades fe en todo isto que declaro ante vós sen ningunha dúbida, en presenza do arcebispo Vienense, tío do neno, e de man de Didacus II, bispo de Santiago por divina dispensación, varón abofé discreto, ordénovos que fagades este xuramento: que recibides a este neno como señor voso e que o custodiaredes con cautela e vixilancia; e que defenderedes con toda a vosa forza o señorío que lle entrego na vosa presenza, mesmo contra min mesmo se eu cometer inxuria contra el.” Feito o xuramento tal como escoitamos dentro das murallas de León e recibido polo solerte coidado do pontífice da igrexa compostelá, coa autorización do rei, cadaquén volveu ao seu.Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 46.
Nostalxia conservadora
A mentalidade política que deixan translucir os autores do escritorio xelmirián olla ao pasado como modelo e ao futuro con desconfianza. Está cómoda na antiga orde, algo natural, a Xelmírez e a Compostela fóralles moi ben e non hai por que cambiar o modelo. O poder político encárnase nunha monarquía que actúa en simbiose coa igrexa e respecta o seu espazo territorial. Sabe conceder e ten o deber de facelo. O señorío eclesiástico da terra de Santiago foi recibido de reis, e así deberán mantelo no futuro. O período que abarca a prelatura de Xelmírez verá a sucesión dos reinados de Afonso VI, Urraca e Afonso VII, pai, filla e neto. O nome de Afonso VI adoita ir acompañado polo epíteto ‘de boa memoria’ sempre que aparece na Compostelá. Nas crónicas árabes, coma a de Zirid de Granada, o nome é Alfunsh e o epíteto ‘condenado sexa por Alá,’ o molesto veciño do norte que extrae as parias das taifas baixo ameaza de intervención militar, tradición da súa estirpe. Os historiadores aínda tratan de explicarse por que decidiu renunciar ás substanciosas parias de Toledo ocupando aquela taifa. Visto en retrospectiva, saíu perdendo. A consecuencia foi a chegada dos almorábides e unha drástica redución de ingresos que comprometería as finanzas dos seus sucesores. Na Compostelá, o avó é a personificación do bo monarca e paradigma de rei católico que ten no apóstolo Santiago ao seu patrón e titor (aínda non se inventara daquela o Santiago matamouros). O rei é sobre todo unha figura militar. A súa vida é a itinerancia entre campañas. Nada se di da prisión do seu irmán García. Asúmese como natural a práctica dos monarcas de repartiren a súa herdanza entre os seus descendentes provocando a vitoria do máis forte na inevitable guerra fratricida. Rei é aquel que vence. Afonso VI foi quen se impuxo entre os tres irmáns, unificou baixo unha única coroa Galicia, León e Castela e, coa adición de Toledo, trasladou a belixerancia á fronteira sur, a Extremitate. En Galicia non había pega ningunha a ese esquema, mais as cousas mudaron moi rápido á súa morte.
A cuestión sucesoria
Quen lle dera a Afonso VI ter fillos entre os que poder repartir as súas posesións. Borrados do mapa os seus irmáns e asumido o goberno de Toledo, o rei achouse cun espazo demasiado grande para a limitada capacidade de control da súa corte itinerante. O seu reino convertérase no de maior extensión territorial dunha península en pugna permanente. Tivo que botar man de señores guerreiros na fronteira sur. E tamén decidiu dividir Galicia, inicialmente concedida na súa totalidade a Raimundo de Borgoña, casado coa súa filla Urraca, outorgándolle despois as terras ao sur do Miño a outro borgoñón, Henrique (primo de Raimundo, sobriño de Constance), que casou coa filla Teresa. Unha decisión xeopolítica que creou unha fronteira culturalmente artificial que acabaría perdurando, e que tamén marcaría o final da dinastía ximena e a entrada na península da dinastía borgoñesa. Mais para iso aínda faltaban algúns anos turbulentos nos que os acontecementos políticos virían marcados pola decisión que Afonso VI tomou en León na morte de Raimundo. Unha decisión que aparece en distintas versións na Compostelá, insistentemente, mais da que non quedou constancia en ningunha outra fonte diplomática ou historiográfica coetánea. Deberemos darlle creto? Do pacto do rei en León ante Xelmírez, o futuro papa e a nobreza galega, só temos a versión da Historia Compostelá, que deixa moitas zonas de sombra. Das súas consecuencias e do tamén escuro casamento entre Urraca e Afonso I o Batallador, rei de Aragón, temos boa mostra na nosa crónica: guerra entre galegos e tamén nos outros dominios que Afonso VI deixou en herdanza. Ese é o panorama con que se encontrou Urraca despois da morte do seu pai.