Do descubrimento da cabeza de Santiago
De maneira que Mauricius, bispo de Coímbra, que logo foi arcebispo de Braga e agora papa Guilbertus, foi tempo atrás a Xerusalén e estivo alí moito tempo e construíu unha igrexa cerca de Xerusalén. Mentres moraba alí, un vello daqueles lugares comezou a frecuentalo. Mauricius facíalle diversas preguntas, pois era indíxena, e por fin preguntoulle por que tiñan tanta reverencia os naturais daquela terra pola pequena igrexa onde o vello vivía. A resposta do vello foi que, segundo oíra dos seus antecesores, naquela igrexa estaba a cabeza de Santiago. Oído isto, o bispo Mauricius empezou a chamar decote ao vello, con boas palabras, para facerse amigo e familiar seu, e escrutábao con moita atención, como adoitan facer os homes astutos. Empezou tamén o bispo a frecuentar e venerar a pequena igrexa, e a asistir ás vixilias. Mais vendo que as súas maquinacións non daban proveito (pois sempre había alí custodios) intentou outra cousa: convocou aos seus clérigos máis fieis e adecuados para aquilo e desveloulles as súas intencións. Aceptado o seu consello, dous deles simularon estar doentes e con febre e comezaron a acudir con candeas e cirios á igrexa e a pernoctar nela. Entón unha noite tempestiva, ausentes ou outros, pecharon a igrexa e achegáronse ao altar con legóns, que trouxeran furtivamente, e cavando fondo debaixo do altar, como escoitaran, encontraron un vaso de marfil e dentro del outro de prata, cheo de reliquias. Apañárono e marcharon de noite co bispo cara á cidade santa de Xerusalén. De alborada, indo polo camiño, un eremita que os viu, chamounos e dixo: “Sei o que levades, irmáns carísimos, e que precioso tesouro roubastes. Ide, coa graza de Deus, pois é conveniente que onde está o corpo do apóstolo, estea tamén a súa cabeza.” Cando oíu aquilo o bispo entendeu que o espírito santo lle revelara a aquel fámulo de Deus o que fixera. E temeu tamén que o rumor de aquel feito se esparexese rapidamente por todas partes, así que, en canto puido, embarcou. Cando chegou a Hispania colocou as venerables reliquias en Carrión, en S. Zoylo, porque vía que Hispania estaba asiduamente perturbada polo tumulto da discordia e temía o espolio por acaso dun tesouro tan grande.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulo 112.
Da cabeza perdida
A cabeza que veu de Terra Santa a Carrión, achou a súa ineludible chegada a Santiago por volta de 1116, de man dun Diego en horas baixas que necesitaba un novo golpe de efecto para recuperar o dominio que perdera pola desafección dos composteláns daqueles días. E tamén entrou en Compostela cunha divertida comparsa desde outro milladoiro, o do Monte do Gozo (Montem Gaudii Humiliatorium). Procedamos novamente á suspensión da nosa incredulidade e gocemos do marabilloso paralelismo da peripecia desta nova translatio que nos ofrece a Compostelá. Non nos deixemos levar pola ironía de que fose precisamente un arcebispo de Braga o autor do prodixioso achado, como querendo devolverlle a xogada a Diego catorce anos despois (ou fagámolo só un pouquiño). Cómpre mellor compadecerse dos escritores do registrum posteriores a este feito, pois tiveron que pasar a molestia de teren que copiar de novo o mito fundacional de Compostela do inicio da obra, tratando de encaixar a nova cabeza por algún lado (integrum corpus cum capite) e que a cousa quedara curiosiña. Alfeo ou Zebedeo, que máis dará?
Mauricius Burdinus
Dos caracteres simpáticos que pululan pola Compostelá adiante reparamos neste Mauritius Burdinus, natural da Limousin que chegou a Toledo como diácono nas remesas que trouxo Bernard de Sédirac, que chegou a bispo de Coímbra, onde non prendeu a súa romanización do rito mozárabe, que despois foi arcebispo de Braga e asistiu a unha amigable merenda con Xelmírez na ribeira do Lérez (1.82) na consagración como bispos dos seus fieis escribas Munio e Hugo. Como se ve, un bulebule de mal asento que non tardou en ser chamado a capítulo polo arcebispo de Toledo, que o obrigou a presentarse en Roma. E por fortuna da súa estadía na curia papal, nunha das reviravoltas típicas da truculencia da santa igrexa romana, acabou coroando ao emperador Henricus V e gañando para si mesmo o título de papa Gregorius VIII, antipapa segundo o desgustado Gelasius II, o noso amigo Giovanni Gaetani. A broma non lle saíu gratis a Burdinus, que foi castigado a pasar a vellez penitente de mosteiro en mosteiro.