De cando foi a Roma polo palio
Pasado non moito tempo, o venerable bispo (…) visitou con humilde dilección ao católico emperador o rei Afonso (Adefonsus) e expuxo nos seus discretos oídos o que tiña proxectado de utilidade para a súa igrexa e gardaba no cofre do seu peito. Falaron de diversos negocios e dispuxeron que el, afirmado pola divina piedade, fose pedir a Roma algunha dignidade con algúns dos seus cóengos, e que fose clandestinamente por camiños apartados para non sufrir as adversidades dos inimigos do rei. (…) Antes de saír da Terra de Campos (Campaniae) foi recibido cunha honrosa procesión polo bispo de Burgos (Burgensis), quen non cesou de obsequialo canto puido polas parroquias do seu pontificado. Despois, con moitas e moi idóneas persoas, tanto clérigos como militares, atravesou os Pireneos, chegou en Vasconia (Vasconiae) ás posesións do señorío da nosa igrexa, onde foi honrado con tanto afecto polas persoas daquela terra que a impericia da miña torpe descrición é incapaz de insinualo.
De honras e procesións
A fama, que voa por aquelas terras, divulgou a súa chegada. O nobilísimo arcebispo da igrexa de Auch (Auxensis) recibiuno cunha solemne procesión na festa da Natividade de Sta. María, que se celebra con especial devoción polos indíxenas. No mesmo día, malia estar fatigado da viaxe, celebrou misa maior atendendo as preces do arcebispo e os cóengos. (…) Unido ao arcebispo e a aqueles probos varóns por un vínculo de afecto indisoluble, ao terceiro día partiu da cidade. Demorándose nas posesións e señoríos de Santiago, entrou logo con sumo honor en Toulouse (Tolosam). Soubo alí que os inimigos do rei andaban á espreita e entón envioume a min, Munio (Munionem) e ao arcediago Gaufrido (Gaufridum) a Roma, mentres el e a súa comitiva chegaron por camiños apartados ao mosteiro de S. Pedro de Moissac (Mosiaco) como a porto de tranquilidade. Recibido alí honrosamente por unha sacra procesión, dirixiuse con algúns superiores do mosteiro a Cahors (Caturnicensem) onde o seu bispo, atento á súa chegada, fixo preparativos para persoa tan importante e recibiuno feliz con adecuada veneración. Desde alí chegou ao mosteiro de S. Pedro de Uzerche (Usurgecensis) onde foi recibido con non menos honras polo abade e os monxes que alí moraban. Honrado por todos en todas partes, como antes dixemos, dirixiuse fielmente a Limoges (Clemoium), onde se sabe que está o corpo de S. Marcial. Recibiu alí tanta reverencia que mal sabemos expresala e aínda foron maiores os obsequios sucesivos que lle ofreceron ao bispo compostelán en S. Leonardo, Sta. Valeria e Salvimo (Salvimum). E así chegou a Cluny (Cluniacum), cabeceira de toda a relixión monástica. Entrou pleno de veneración e foi recibido familiar e especialmente pola santísima congregación que alí existe por verdadeira vontade divina, cunha sucesión de procesións. Sabemos que Cluny supera a todos os mosteiros en relixiosidade, caridade e dignidade e constatamos nós mesmos a caridade e a largueza con que acolle a todos cantos alí chegan. Como o bispo estaba unido ao abade e a súa congregación polo privilexio do amor, pediulle consello e insinuoulle a causa de tan longa viaxe. O abade, interesado por tan gran negocio, deulle voltas na súa mente e desveloulle ao compostelán cousas que el non sabía: “Cando Urbano (Urbanus), que fora monxe cluniacense antes de ser Papa, celebrou o concilio de Clermont (Clarum montem), o noso fillo Dalmacio (Dalmachius), bispo da igrexa de Santiago, chegou de Compostela ao concilio e pediu con moitas preces a dignidade do Palio. E aínda que os dous foran da nosa congregación, a petición foi rexeitada. Porque hai un obstáculo contra a túa igrexa, irmán reverendísimo, que coñecín hai pouco. Un cardeal legado da igrexa de Roma chegou en tempos a Galicia (Gallaetiam) e enviou nuncios ao bispo compostelán para ser recibido coa obediencia debida cunha sacra procesión. Mais o bispo fíxose o xordo a aquelas palabras, molestouse, e sen relixiosa urbanidade respondeu: ‘Ide onde os cardeais desta igrexa, e que mostren tanta obediencia e honor aos cardeais da igrexa romana como eles han recibir en Roma.’ Cando a igrexa romana, cabeza e modelo de toda a igrexa, escoitou aquilo, estableceu de común acordo non dar o seu permiso a calquera elevación da igrexa compostelá. Temo que todo iso vai ir moi en contra da túa petición. Desexaría retirar esas cousas da tenaz memoria dos cardeais da igrexa romana, coa intercesión de Pedro, príncipe dos apóstolos e Santiago. Mais ti, á sombra do patrocinio de Santiago, non renuncies á visita que xa encetaches á túa nai a santa igrexa de Roma, nin á petición ao Papa. Intenta alcanzar esa dignidade non por ti, senón a través dos teus clérigos.” O bispo lembrou esas palabras. Ante as peticións, celebrou misa maior na festividade de S. Miguel. Instruído na piedade do temor, o reverendísimo ministro da igrexa compostelá, lidaba cos negocios eclesiásticos por medio da santa humildade. Tratou de corrixir o que de carnal había en si mesmo co dominio da mente espiritual. Buscou a paz eterna coa sincera discreción da razón e, na procura dese descanso, o abade prometeulle por divina graza que, á súa morte, celebraríanse alí misas na súa memoria.
Armado polas beizóns da santa congregación chegou a través de posesións e mosteiros cluniacenses, grazas a Deus, ata os vales de Maurienne (Maurianenses). O venerable conde Umberto (Umbertus) recibiuno honorificamente e acompañouno á cidade de Susa (Sensiam). Alí, por temor ao emperador teutón, que naquel tempo espreitaba a quen ía visitar o Papa, vestiuse de soldado e dirixiuse a Roma con moito traballo. Cando entrou no sagrado palacio, como aínda ningún bispo desta igrexa fora a Roma por vontade propia, o Papa recibiuno con tal cordial afecto que poucos outros haberían recibir. Mais para non cansar polo excesivo detalle, imos sen máis voltas ao que conseguimos en dez días de continuas peticións. Lembrando o que o abade de Cluny lle insinuara, coa intervención de todos os cardeais, o bispo pediulle ao Papa a dignidade do palio por medio dos seus clérigos. E para a condescendencia das súas peticións, non traballou en balde. Finalmente, coa cooperación da divina graza, recibiu o palio, que el tanto desexaba, no altar da igrexa de S. Lourenzo, como é costume romana, e entregoullo a perpetuidade á igrexa de Santiago.
Historia Compostelá. Libro 1. Capítulos 16, 17.
Compostela, Cluny, Roma: a conexión
Nun precario equilibrio entre a pretendida humildade e a soberbia ostentación do seu numeroso séquito, a detallada expedición que Diego emprende en 1104 en sentido inverso a través da vía francíxena desvela e consolida a tupida rede que ha configurar o seu poder nos próximos anos. Parte dunha Galicia onde, desde 1092, exerce o poder por delegación Raimundo de Borgoña, casado con Urraca, de quen agarda o seu primeiro descendente varón, o futuro Afonso VII, que nacerá ao ano seguinte. A chegada de Raimundo formou parte das remesas de nobres cruzados borgoñóns que viñeron á península por iniciativa de Cluny e Constance de Borgoña, esposa do rei Afonso VI. O interese de Cluny nos acontecementos políticos peninsulares vén de lonxe, pola conta que lle ten. Remontémonos ao final do século XI.
O censo alfonsino
O imperator Adefonsus VI paga un substancioso censo anual a Cluny, continuidade dunha práctica da dinastía ximena da que forma parte, herdada de seu pai Fernandus I e iniciada polo seu avó Sanctius III de Pamplona, como modo de lexitimar as incipientes monarquías cristiáns do norte peninsular ante a organización relixiosa máis importante de Europa. As parias (tributos que os reis cristiáns extraían das taifas nunha permanente negociación) fixéranos ricos. Fernandus pagaba a Cluny 1.000 áureos anuais, Alfonsus seguiunos pagando e mesmo os dobrou a 2.000 a partir de 1090. Cantidades enormes para a época que financiaron a construción da que pretendía ser a maior basílica da cristiandade, Cluny III, ata que os almorábides pecharon a billa de morabetinos. Cluny III non se rematou, mais o ouro árabe deu para moitos emprendementos urbanísticos.
Cluny
Fundada en 910 polo duque Guilelmus I de Aquitania, Cluny transformou o monasticismo bieito. A súa orixe aristocrática pretendía acomodar aos fillos da nobreza que non seguiran a profesión das armas. O seu estatuto inicial liberaba o mosteiro das autoridades locais, só dependía do papa, encetando unha relación de reciprocidade pois, como veremos, os papas da reforma gregoriana procedían todos de Cluny, nunha hexemonía que perdurou ata mediados do século XII. As innovacións de Cluny foron crear unha federación altamente centralizada de mosteiros ao longo de toda Europa e acadar cuantiosas doazóns das elites por medio da súa intervención nos asuntos públicos. Á súa fronte, libre de inxerencias externas, pois só podía ser nomeado polos propios monxes do mosteiro, o abade de Cluny converteuse na figura de maior influencia do entorno cristián.
Abades de Cluny
Hugues de Semur, abade entre 1049 e 1109, xogou ese papel durante sesenta anos, actuando como intermediario entre o papado cluniacense e os reis e emperadores. A súa intervención no teatro hispánico foi intensa. Alfonsus VI debíalle moito, ou cando menos daba por ben investidos os seus dous mil áureos anuais. Dise que a intervención de Hugues librou a Alfonsus da prisión do seu irmán Sanctius na súa pugna pola hexemonía; dotouno de monxes cluniacenses como, entre outros, Bernardus de Sedirac, que sería arcebispo de Toledo e legado romano das sés hispánicas, para transformar á súa imaxe a configuración da igrexa local; forneceulle os contactos que levaron ao seu casamento con Constance e, despois da revolución almorábide, promoveu a chegada dos nobres borgoñóns no seu apoio, provocando a entrada da dinastía de Borgoña na península. A admiración de Diego por Hugues explica que non conciba outro xeito de chegar a Roma se non é a través de Cluny. Admira a súa altura política, o liderado do seu sistema federado, a grandiosidade dos seus emprendementos e os seus métodos de xestión. Non é de estrañar que faga a súa terapia en Cluny. Por outra parte, identifícao como modelo persoal, a fin de contas tanto Hugues coma o seu sucesor, Pons de Melgueil, son fillos de señores casteleiros coma el, tan hábiles e familiarizados no trato cos poderosos coma na administración eficiente dos seus señoríos.
Os papas bieitos
A ascendencia de Cluny no papado desde o propio cluniacense Gregorius VII, formulador da reforma, estenderíase durante toda a carreira de Xelmírez. A súa vida estivo marcada polos papas segundos, pois foron todos eles os segundos titulares da súa denominación. Desde 1088 Urbanus II, o orixinador do concepto de cruzada, foi quen lle outorgou en 1095 á igrexa de Santiago a súa libertas, a dependencia directa de Roma, por medio do bispo compostelán, tamén cluniacense, Dalmachius; Paschalis II, o sucesor a partir de 1099, foi quen recibiu a Diego en Roma e o propuxo para o bispado; o breve Gelasius II, o Giovanni Gaetani ben coñecido en Santiago, abriu as portas en 1118 ao arcebispado, que acabaría outorgando en 1120 Callixtus II, irmán de Raymundus, tío e protector do seu fillo Alfonsus VII, bautizado, coroado e armado cabaleiro por Xelmírez. O papado era pois a última instancia deste denso entramado formado pola monarquía, Cluny e Roma, a rede de contactos á que Diego tiña un acceso que o convertería no personaxe máis poderoso e temido que a igrexa de Santiago tivo nunca.
A aprendizaxe da viaxe
A conversa que Diego mantén en Cluny co abade Hugues será a lección da súa vida. Cal é o segredo que Hugues lle revela? A delegación. Unha administración moderna ten que crear unha rede de delegados en constante actividade e unha intensa correspondencia diplomática que manteña a cadea de favores. É imprescindible manter embaixada nos centros de decisión e saber defender esa presenza con xenerosas retribucións. A viaxe de 1104 rendeulle apenas a honra do palio (atributo que anticipaba a gloria arcebispal aínda non conseguida), mais a principal ganancia foi aprender como funcionaban as cousas nas altas instancias europeas. Diego xa non volvería a Roma, estivo a piques, mais non lle fixo falta. Sabía que iniciando unha intensa correspondencia e enviando frecuentes e ben surtidas embaixadas ao eixo Cluny-Roma, lograría mellores resultados que cunha xestión persoal. Foi o que fixo ao longo da súa carreira. Veremos máis adiante o eficiente e exitoso equipo de emisarios formado polos seus cóengos, a súa gran baza. De momento, Xelmírez xa tiña afirmado o seu posto na escena internacional e podía centrarse no medre do seu señorío.