Ata os tempos do seu bispado os pontífices da igrexa de Santiago non foran tanto bispos coma case príncipes, agás Dalmachius, monxe cluniacense de boa memoria, e poucos máis. Desde que fora revelado alí o corpo de Santiago brillando con grandes e innumerables milagres, os reis de Hispania honraron a igrexa de Santiago por enriba das outras por amor ao apóstolo, e concedéronlle a potestade do xuro real aos seus arredores. De maneira que esta igrexa non só superaba ás outras pola presenza de tan grande apóstolo, senón tamén pola súa potestade sobre predios, herdades e outras posesións que foran de xuro real. Tanto honor tiñan os pontífices da igrexa de Santiago sobre os outros bispos de Hispania, que tiñan o poder real concedido polos reis. Cando o rei de Hispania partía co seu exército a extirpar a perfidia dos ismaelitas, o bispo da igrexa de Santiago de ningunha maneira podía faltar con todo o exército do seu reino. Por tanto, a dicir verdade, os pontífices da igrexa de Santiago adoitaban ir á guerra coas armas militares para combater a audacia dos sarracenos. Por iso entre os galegos xurdiu este proverbio: bispo de Santiago, báculo e balista.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 1.
O tesouro de Santiago
Mais antes da chegada de Xelmírez á cadeira episcopal cómpre botar algo de luz sobre ese cruce de camiños que viría ser Compostela, a súa transformación na pedra angular dunha nova estruturación do espazo galego e a súa situación na ponte que leva do século XI ao XII, que é a que Diego transita. Non trataremos aquí do mito fundacional, do que tamén a Compostelá ofrece unha das primeiras versións, nin do fenómeno peregrino ao que dá lugar, porque, como Guillerme o Conquistador, non é asunto noso. Só nos remontaremos tan atrás para constatar que desde a inventio do corpo do apóstolo no século IX, a gradual transformación do bosque do Libredón ata converterse na primeira cidade de Galicia, acompaña o tránsito dunha alta idade media eminentemente rural e vulnerable a unha sociedade en crecemento, cunha alta mobilidade mercantil e social, que comeza a experimentar as primeiras experiencias urbanas que culminarían no esplendor compostelán do século XII. Polo que podemos ler na Historia Compostelá, é obvio que ese tránsito se deu pola decisiva implicación da monarquía no proceso. Desde o inicial patrocinio de Alfonso II, que non se limitou a instalar o primeiro nucleo relixioso da cidade apostólica, senón que promocionou a súa urbanización por medio dunha serie de beneficios materiais, sociais e fiscais a quen se instalase no xiro das tres millas iniciais do Locus Sancti Iacobi, ata as sucesivas ampliacións da concesión rexia (Ordoño I esténdea a seis millas no 854, Alfonso III, a doce e Ordoño II a 24 no 915), o que salta á vista é que Compostela é un emprendemento eminentemente monárquico. E tamén pon de relevancia a simbiose do poder real e a igrexa, que coexisten nunha relación de mútua dependencia. A monarquía depende da igrexa para a súa lexitimación. Os reis sono tamén pola graza de Deus. Dependen da súa estrutura administrativa e de control do territorio. A ordenación histórica da igrexa en Galicia é extraordinariamente robusta. Sorprende, por exemplo, ver que as divisións territoriais prefiguradas no Parochiale suevorum no século VI poden recoñecerse nas da Galicia na que viviu Xelmírez (e mesmo nas actuais). E tamén depende a monarquía do monopolio da palabra escrita que a igrexa mantén na época. Os reis guerreiros precisan de escribas que só as escolas eclesiásticas poden fornecer. E pola súa banda a igrexa depende da monarquía, os oratores dependen dos bellatores para a súa protección e o seu financiamento, directo ou indirecto, por medio de concesións. O modelo carolinxio de imbricación da igrexa e o poder político perdurou nas monarquías cristiáns europeas nos séculos posteriores e tamén nas incipientes monarquías do norte peninsular. Igrexa e monarquía, man a man, tamén no campo de batalla.
A coexistencia deses dous poderes nin sempre foi doada. A monarquía quere dispor dos seus axentes territoriais eclesiásticos, nomealos ou destituílos a vontade. A igrexa non quere inxerencias no seu ordenamento canónico. A finais do século XI esa pugna deu lugar ao que se chamou a Querela das Investiduras. A quen lle corresponde o que? O caso de Compostela é un bo exemplo. O rei depuxo unilateralmente a Didacus Pelagides en 1088 para escándalo do papado, e mesmo nomeou (o que se coñece como investidura laica) ao breve Petrus Cardiniensis. O tirapuxa continuou coa imposición de Roma do cluniacense Dalmachius e o establecemento definitivo da súa exclusividade na consagración dos bispos composteláns (aínda que tamén cede aos desexos da monarquía de non reinstaurar a Pelagides, que seguía preiteando con razón). A negociación de atribucións é permanente e as solucións, de compromiso. Ese delicado equilibrio debía estar moi presente para Diego no inicio da súa carreira. El comezara como scriptor na curia de Raymundus. O posto de prepósito enténdese mellor ao vermos as denominacións coas que asina: maiorinus et dominator Compostelle honoris; clericus et vicarius in casa domini Iacobi Apostoli; honore Beati Iacobi dijudicans. Meiriño, vicario, xuíz… atribucións máis civís ca relixiosas. Se quería optar ao bispado tería que sumarlle aos seus dotes como xestor a aquiescencia da cúpula eclesiástica. Diego era quen diso e de moito máis.