Bernardus e Didacus
Bernardus tamén era fillo dun señor casteleiro. Emprendera a carreira de armas, mais unha lesión conduciuno ao monacato en Cluny. O abade Hugues, vendo aquel espírito castrense, encomendoulle a difícil misión de romanizar a aqueles anticuados cristiáns hispanos, desconectados das novas tendencias eclesiásticas europeas, e sometelos á reforma gregoriana. O rei Adefonsus deulle o arcebispado apenas entrou en Toledo e quixo recuperar na vella capital visigoda a primacía da igrexa peninsular, Narbona incluída (Hispania universa et in Narbonensi prouincia ministrandas iunximus). Botou case corenta anos no traballo, coma Diego, só que el comezou bastante antes. O arcebispo de Toledo tampouco refugaba o campo de batalla e os seus métodos expeditivos tampouco carecían de rotundidade. Porén, se Diego pode ornar a súa biografía co encomio da Compostelá, o rastro literario que ficou de Bernardus foi o Tractatus Garsiae Tholetani canonici de Albino et Rufino, coñecida tamén como a Garcineida. A obra é unha sátira cargada de tintas na que, curiosamente, se reúnen dous temas que aquí vimos: as reliquias e os subornos en Roma. Bernardus (Grimoardus na obra) entrégalle a un papa borrachón un saco de valiosas reliquias, que resultan ser o ouro dos seus negocios. Distintos destinos literarios para dous personaxes destinados a chocar. Nin Bernardus admitía a sombra crecente de Compostela como rival da primacía toledana, nin Didacus quería saber nada de restauracións visigóticas que pouco pintaban en Galicia, e amoláballe moito a aparición dunha grande cidade (sen parangón no norte peninsular) que lle facía sombra á carreira de Compostela pola primacía. O intercambio de cartas que ofrecemos é un brillante exemplo de polémica epistolar e boa mostra do tipo de homes que tratamos.
Discordia entre os arcebispos de Toledo e Compostela
Bernardus, pola graza de Deus arcebispo da sé de Toledo e legado da santa igrexa romana, a Don Didacus, amado irmán en Cristo e coepíscopo compostelán.
Vimos as cartas remitidas pola vosa caridade que nos informan de que pretendedes celebrar un concilio en Compostela na Coresma e que a el convocades ao noso consagrado o bispo de Salamanca (Salamantinum). Estamos moi admirados de que polo sentido da vosa astucia actuedes tan presuntuosamente, pois non cremos que ignoredes as cartas do papa Calixtus destinadas en xeral aos arcebispos nomeados en Hispania, e aos bispos, abades e prepósitos, tanto da orde clerical como da laica, nas que nin vós nin ningún outro estades excluídos de prestarme obediencia e reverencia como legado da sé romana e vigairo do romano pontífice, para que, chamados ao sínodo, acudades unanimemente para corrixir co noso consello o que ha de ser corrixido. Contra a autoridade desta institución non recibimos ningún decreto do papa, de momento. Parécenos que vos revolvedes contra as determinacións dos santos padres e a sanción das leis que han de ser veneradas, e que violentamente anulades os preceptos dos sagrados canons porque ousades usurpar, sen que ordenado ou pedido vos fose, dentro dos limites da nosa legacía, o que nin é voso nin da vosa competencia. Por tanto, en nome de San Pedro, príncipe dos apóstolos, prohibímosvos que, sen previo consello e mandado noso, ousedes celebrar un sínodo xeral. Finalmente, tamén prohibimos totalmente aos bispos e abades sometidos á xurisdición bracarense que asistan ao voso sínodo.
Dado que nos vosos escritos acusádesnos de inxuria e agravio por termos consagrado ao bispo de Salamanca, a nosa conciencia non nos acusa en absoluto de tal agravio. Pois o que fixemos foi feito pola autoridade dos pontífices romanos, a saber: Urbanus e Gelasius e Paschalis e Calixtus, que agora preside a cristiandade en todo o orbe, quen, entre outras cousas, concedeunos o seguinte: “Sometemos á vosa xurisdición as dióceses daquelas cidades que perderon os seus metropolitanos pola invasión dos sarracenos, de maneira que, mentres non teñan metropolitanos propios, estean sometidas a ti e te obedezan como metropolitano propio.” Baixo esta autoridade, sen inxuria ningunha a vós e a vosa igrexa, elevamos á honra de pontífice o mencionado bispo, posto que estaba baixo o noso poder. Que conste que vós nos inferistes a nós moita maior inxuria cando, finxindo ser amigo noso, intentastes ocultamente e con todas as vosas forzas diminuír e subtraer furtivamente a dignidade da nosa igrexa, e a ser posible arrebatarlla. Ademais consagrastes contra todo dereito e contra a lei ao bispo de Ávila (Abilensem), sometido á nosa xurisdición, nunha sacrílega elección realizada non canonicamente e por clérigos, senón por ignorantísimos laicos, que agora nós canonicamente anulamos. A todos é patente a inxuria que recibimos con isto. Por iso suxerimos, e suxerindo ordenamos, que veñades darnos satisfacción de todas estas cousas a León (Legionem) o primeiro domingo despois da oitava de Pascua, e nos prestedes, como primados que somos, a obediencia que ordenan prestar os sagrados canons. E se o día marcado non vos presentardes ante nós, sabede sen dúbida ningunha que pronunciaremos sentencia canónica contra vós.A estas letras ampulosas e cheas de arrogancia e garrulidade, respondeu o señor compostelán sen desviarse do trámite da verdade, observando solícito as regras da xustiza e da razón, con esta humilde e razoable carta como lle corresponde a un probo e sabio varón:
Ao amado irmán en Cristo Don Bernardus, pola graza de Deus arcebispo da sé toledana e legado de santa igrexa romana, Didacus, por disposición divina arcebispo da sé compostelá e legado tamén da santa igrexa romana.
Hai que pensar sutilmente o que se fai e observar firme e solicitamente o que se pensa. Inspeccionada dilixentemente a carta da vosa prudencia, comprendemos evidentisimamente o vento de inconstancia e lixeireza que axita a madurez do voso entendemento. Certamente, o voso camarlengo Don Pedro, monxe cluniacense, tróuxonos hai pouco unha carta da vosa parte, que aínda conservamos, na que se dicía que tivésemos por certo o que nela nos anunciaba e prometía. En presenza da raíña e de Don Munio, bispo de Mondoñedo (Vallibriensi), entre outras cousas, afirmaba principalmente dúas: a xusta e canónica satisfacción sobre a consagración do bispo de Salamanca e que o propio bispo de Salamanca viría facernos a debida profesión seguindo os vosos ditados e delegación. Pero agora recibimos do voso mensaxeiro outra carta moi distinta, na que manifestamente aparece que vós non só non vos arrepentides do mal que fixestes, senón que inoportunamente mesmo o queredes defender. O feito e dito pola vosa persoa é tan absurdo e tan totalmente contrario á regra da xustiza, que é máis claro que a luz, mesmo para os menos eruditos. Con razón nos admiramos de que a vosa prudencia intente turbar a nosa legacía desprezando o edicto do Papa, e non deixe de usurpar os dereitos da nosa dignidade tendo noticia repetidas veces da nosa concesión da dignidade do arcebispado e da confirmación da legacía en cartas que o Papa nos enviou recentemente. Admíranos tamén que ousedes dicir algo sobre a consagración do bispo de Ávila, sendo sufragáneo da nosa igrexa e a súa elección discutida por nove bispos, dous arcebispos e o cardeal romano Boso, e achada canónica, e canonicamente aprobada por todos. Con estas premisas, sobre a vosa prohibición do noso concilio pouco imos responder, nin ampulosa nin irracionalmente. Como consta polos privilexios e autoridade dos romanos pontífices Urbanus, Paschalis e Callixtus, nós e a nosa igrexa non estamos sometidos á xurisdición de ningún prelado, só á xurisdición do Papa, e somos totalmente libres. Sabede sen dúbida ningunha que nós non vos obedecemos nin como primado, nin como legado, nin como arcebispo. Traio á vosa memoria que vós e nós tiñamos previsto ir nun momento determinado a León e, coa mediación da raíña, restablecer a nosa paz e a antiga amizade co consello dos sabios, pero ao escoitar a ampulosidade e a falsa impostura da vosa carta, decidimos nin reunirnos a falar con vós, nin reformar con vós amizade ningunha se non nos satisfacedes inmediatamente pola consagración do bispo de Salamanca e polas outras inxurias que están patentes. Orabén, non vos imos culpar a vós de nugalla e impostura, vós que deica agora adoitabades ser persoa de tanta discreción e tanta perspicacia, senón aos vosos conselleiros, que pola súa ambición impelen á vosa gravidade a actos ilícitos. E por último, suxerímoslle á vosa discreción, e pola autoridade dos santos apóstolos Pedro e Paulo e de parte do Papa Callixtus ordenamos, que non continuedes intentando perturbar nin usurpar a nosa legacía nin a dignidade do noso arcebispado.
Historia Compostelá. Libro 2. Capítulo 66.