O infante de Portugal
O infante de Portugal, de nome A., fillo do conde Enricus, adquirida a patria portuguesa despois de quitarlla pola forza a Fernando Petridi, fillo do conde Petrus, que deixara á súa lexítima esposa e adulteraba naquel tempo coa raíña Teresa, nai do mencionado infante, e actuaba como un príncipe en toda aquela terra, o tal infante tivo unha magna disensión e grande guerra co rei A., fillo do conde Raymundus e a raíña Urraca. Perturbado o infante polo vicio da soberbia, non quería subxugarse á dominación do rei e, adquirido o señorío, ergueuse contra el arrogantemente. Mais o rei estaba detido nas partes de Campos e Castela por diversos asuntos. Loitaba contra o rei aragonés e contra o conde de Lara P. Gundisalvidem, quen cometera adulterio coa mesma nai do rei e tivera con ela fillos e fillas adúlteros, e non podía vir a Galicia a loitar con el. Entón ordenou polos seus nuncios ao señor compostelán, os cónsules, príncipes e outras potestades da terra, que fosen ao seu encontro a enfrontalo de calquera modo que puideren. (…) O compostelán, que sufría naquel tempo unha grave enfermidade, non puido ir naquela expedición. Mais mandoulles ao seu meiriño e a todos os seus soldados que fosen cos exércitos dos outros príncipes en auxilio do rei. (…) Mais eles rebeláronse e non quixeron obedecer nin o seu mandado, nin o do rei, de maneira que o rei anoxouse non pouco con eles con moita ira. Cando volveu da súa expedición, enviou mensaxeiros ao señor compostelán, aos condes e ás outras potestades da terra e convocounos á cidade de León para tratar do estado do reino e da pacificación daquelas terras.
Historia Compostelá. Libro 3. Capítulo 24.
A cuestión portuguesa
Para un libro distinto daría a presenza na Historia Compostelá da evolución e nacemento de Portugal. A crónica esténdese discontinuamente desde que o condado portucalense é parte da Galicia que gobernan Raimundo e Urraca, pasa pola división de Afonso VI que lle outorga o sur do Miño ao conde Henrique e Teresa, que non tarda en ser tratada de raíña e mesmo axuda a Diego contra o acoso de Urraca. Intrígannos os evidentes lazos que a casa de Trava mantén alí, desde tempos do pai Pedro Froylaz, ata a directa implicación dos seus fillos. Fernando convértese en parella da viúva raíña Teresa, e Vermudo casa finalmente coa súa filla. A influencia de Teresa a norte de Miño, desde a Limia, Ourense e Celanova ata a boca (Toroño, Tui) é evidente, como tamén o é a adhesión ocasional de parte da nobreza galega (Gumisi Nuniz, Adefonsus Nuniz, Fredenandus Ioannides, Rudericus Petrides) nun balance norte-sur. Cando a raíña Urraca vai reprimir ao conde de Limia, ou é asediada no castelo de Sobroso, é imposible ignorar a presenza alí dun novo poder portugués xa desenvolvido. A coroa de León non sempre puido atender as demandas que se lle presentaban simultaneamente nos extremos leste e oeste e defender o sur ao mesmo tempo. Vemos aquí a irrupción de Afonso Henriques, cunha biografía non moi diferente á do seu ‘curmán’ Afonso Raimundez, e a súa ascensión na carreira dunha monarquía propia. O relato que se fai é chusco: a relación de Fernando de Trava e Teresa é un simple adulterio, o novo infante ten o vicio da soberbia, nada que non se poida resolver cunha simple expedición. Para saber o que realmente aconteceu, haberá que acudir a outras fontes. En sintonía con este acontecer político, asistimos tamén aos cambios na sé de Braga (Xiraldo, Mauricio, Paio Mendes) e as distintas actitudes na súa difícil relación con Compostela. Diego xa non vería a consolidación definitiva dunha monarquía portuguesa independente nin a separación final dos destinos eclesiásticos e políticos da vella Gallaecia.
Diego en declive
A enfermidade e a vellez impídenlle a Diego xa na década de 1130 atender os pedidos do emperador para que interveña na cuestión portuguesa. Perdeu xa a xerarquía nas tropas e a capacidade de formar exércitos ou mobilizar aos composteláns. O brazo armado de que dispuña Urraca en tempos, xa non está ao dispor do seu fillo. A este o que lle queda é pasar a factura. Chamados a capítulo en León, os composteláns (que xa actúan desvinculadamente) pagáronlle a Afonso 200 marcas de prata por negárense a saír en expedición. E Diego pagou 100. Vello e impedido, aínda era o delegado rexio, báculo e balista dos designios da monarquía. Mais xa non era quen noutrora atravesaba o Miño coas súas tropas por vontade dos reis.